DEICA O VINDEIRO CURSO !!!

Remata o curso, chega o ben merecido descanso da actividade académica, e ben seguro que tedes moitos proxectos para o verán. En NaturezAula xa estamos a preparar o 2024-2025, e queremos despedir o 2023-2024 cunha ollada a unha manchea de actividades que agardamos sexan do voso interese.

Xeodescubre.

Logo de participar en varias ocasións nas Xeocharlas, a Comisión Mulleres e Xeoloxía da SGE (Sociedade Xeolóxica de España) convidounos a participar en Geodescubre. Trátase dun concurso xeolóxico para alumnado de educación preuniversitaria que a SGE lanzou no mes de outubro con motivo do Xeolodía 24. Alumnado de 4ºB de ESO de Bioloxía e Xeoloxía presentouse á modalidade senior categoría E (estudantes de ESO e ciclo básico de FP) deste certame con dous traballos, un sobre vulcanoloxía e outro sobre espeleotemas.

Vixiantes do solo.

Durante este curso a Asociación Umbella e Voz Natura colaboraron nun proxecto de ciencia cidadá de Ibercivis e o CITA co obxectivo de participar e contribuir ao coñecemento da calidade dos solos en España. En decembro, Voz Natura adiantou datos sobre este proxecto nunha publicación levada a cabo no espazo web Voz Natura-Innovación Educativa:

https://www.voznatura.com/innovacion-educativa/vigilantes-del-suelo/

Ao través desta campaña de ciencia cidadá, como centro seleccionado para participar no proxecto Vixiantes do solo, debíamos recoller mostras de solos da nosa contorna que se analizarían para coñecer o seu estado de saúde. Os resultados obtidos en cada zona servirán para elaborar un mapa nacional da saúde dos nosos solos. No seguinte link podíamos atopar a información sobre os materiais que recibimos, un vídeo explicativo de youtube, a App para xeoposicionar as medicións e as infografías do proxecto: https://vigilantesdelsuelo.es/material/

Varias alumnas de 4ºB de ESO de BX presentáronse voluntarias a esta iniciativa. Para seleccionar a zona de mostraxe estiveron dacordo co docente en darlle prioridade aos ecosistemas nos que estabamos a traballar na asignatura de Bioloxía e Xeoloxía, e en particular a unha das zonas percorridas no roteiro do 2 de outubro de 2023 (https://naturezaula.salesianosourense.com/2023/10/iv-roteiro-didactico-ambiental-polo-leste-do-concello-de-ourense-mosteironda-parque-botanico-de-montealegre/).

Para brindar apoio e resolver dúbidas que puideran xurdir, a organización do proxecto realizou dúas webinars online, unha en febreiro e outra en marzo. Estes eventos foron unha magnífica oportunidade para aprender máis e compartir experiencias con outros participantes. Os datos recollidos por estas alumnas o 13 de febreiro, enviados ao través da App, foron presentados en maio na aula, integrados no traballo do seu ecosistema (Castadón-Ceboliño).

Percorridos saudables-Proxecto Altas Capacidades.

Durante este curso unha alumna de 3ºC de ESO e sete alumnos dos tres primeiros cursos desa etapa participaron nun proxecto que denominamos “Percorridos saudables”. O obxectivo era por en valor a facilidade da nosa contorna para desprazarnos a pé ou en bicicleta, minimizando ou evitando o emprego continuado de medios de transporte con motor de combustión interna, e por tanto, emisores de CO2 á atmósfera.  

PROXECTO “PERCORRIDOS SAUDABLES” (1º, 2º e 3º ESO)

O alumnado participante “repartiuse” a contorna do noso colexio para facer estimacións o máis precisas posible do aforro en emisión de CO2 e do beneficio para a saúde das persoas, ao tratarse dun exercicio moderado e moi positivo para o benestar cardiovascular e respiratorio. Como resultado, plasmamos sobre o rueiro as rutas levadas a cabo por todos eles, engadindo fotografías dalgúns emprazamentos significativos e indicando distancia, pasos, tempo e g de CO2 aforrados.

Para darlle visibilidade ao traballo e compartilo coa comunidade educativa e a cidadanía, encargouse unha lona de 390 x 153 cm que foi instalada na fachada do colexio o 15 de maio.

Deseño e elaboración de marcapáxinas de NaturezAula.

Grazas á colaboración do xeólogo Eduardo José González Clavijo puidemos deseñar e levar a imprenta estes marcapáxinas, en castelán e en galego, para repartir entre o alumnado que participe nos roteiros didáctico ambientais.

Deseño e elaboración de chaveiros de NaturezAula.

O 2 de febreiro de 2021 caeu parte da cuberta do edificio de EI, ESO e BAC.

As obras de restauración da mesma comezaron rápidamente.

Os xardíns do centro tiveron que ser empregados como base de operacións para as obras. Asemade, se levou a cabo unha reforma integral dos mesmos ao tempo que se construía o novo elevador pola beira norte do edificio.

Unha das consecuencias do anterior foi a retirada dun loureiro, Laurus nobilis, da zona dos xardíns máis preto ao comedor. Aproveitando varias das súas pólas, cortamos unhas seccións que permaneceron a secar ata comezo deste ano. Pasado ese tempo o encargado de mantemento, Juan Cao, pasounas pola pulidora. Logo imprimimos sobre as mesmas o logo do cole e o nome do proxecto, para rematar dándolles varias capas de barniz.

Estes orixinais chaveiros serán repartidos entre membros da comunidade educativa (como foi o caso de Juan Cao) e colaboradores do proxecto. O vindeiro ano continuaremos con outras seccións procedentes doutras árbores, como nogais e carballos.