IV Roteiro Didáctico Ambiental polo leste do concello de Ourense (Mosteironda-Parque Botánico de Montealegre).

O 2 de outubro alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO, acompañado por dous docentes, participou nun itinerario desde Velle ata o Parque Botánico de Montealegre. Esta actividade complementaria, organizada polo Semi­nario de Ciencias Experimentais e polo Seminario de Educación Física, dentro do Programa de Educación Ambiental Voz Natura, tiña como obxectivo destacado achegarnos á parte leste do concello, nunha aproximación a bosques caducifolios, mediterráneos e de ribeira, atravesando zonas afectadas por lumes forestais, moi preto da chamada costa romana, totalmente empedrada, que en realidade é medieval (a primeira documentación que deixa constancia da súa existencia é do ano 1.153). Este camiño empedrado debeu ter un precedente máis antigo, que podería ser a vía romana que enlazaba o asentamento militar que deu lugar á actual cidade de Ourense coas vías que comunicaban coas actuais Braga e Astorga (según as citas de fontes documentais medievais).

Outro dos obxectivos da actividade pasaba por facilitarlle ao alumnado participante o recoñecemento e selección de distintas zonas do itinerario para que, por grupos de traballo, puideran desenvolver un estudio dun ecosiste­ma en distintos momentos do curso (primeiro trimestre: outono/inverno; terceiro trimestre: primavera/verán).

Asemade, nesta ocasión, acompañounos Alejandro Díaz Sueiro, membro e portavoz do Comité Científico do Programa Voz Natura. Presentounos un proxecto pedagóxico en fase de probas da aplicación Peneira, grazas a un convenio co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); o alumnado, empregando os seus dispositivos móbiles, puido facer uso durante o itinerario da unidade didáctica elaborada polos docentes, que previamente fora incorporada a Peneira. Esta xornada de test servirá para optimizar a aplicación e presentala aos centros educativos que colaboran con Voz Natura.

Capturas da aplicación Peneira, nas que se pode ver o proceso de creación dunha observación.

Capturas da aplicación Peneira, nas que se pode ver como nas distintas paradas de interpretación o alumnado tiña acceso a diferentes ferramentas (vídeo, foto, texto…), ou como estaban vencelladas a outros materiais, como a clave dicotómica dispoñible na sección Materiais Didácticos deste blog (https://drive.google.com/drive/folders/13WB3WVwzpr9fMyTm8GCbDpIq5HSbR7EG)

A xuntanza dos 30 participantes le­vouse a cabo na rúa de Sabadelle, cruzamento Regoufe, entre as 08:30 e as 08:45 h.

Desde o punto de encontro, pasando pola Serra Mostei­ronda, chegamos a Santomé, desde onde continuamos por Castadón ata Ceboliño, para rematar no Parque Botánico de Montealegre, estando de volta no colexio ás 17:45 h. Pódese con­sultar a unidade didáctica entregada ao alumnado na sección Materiais Didácticos do blog do proxecto.

Durante o percorrido pola Serra Mosteironda, empregan­do a unidade didáctica e outros recursos, como o ipad, comentamos aspectos relacionados co feismo, a flora e a fauna, así como os muros de pedra presentes no tra­zado. O alumnado, seguindo as indicacións de Alejandro, accedía a Peneira en cada parada de interpretación, e tomaba notas, facía comentarios, sacaba fotografías ou grababa vídeos curtos que se incorporaban como observacións na aplicación. Os coordinadores da actividade queremos agrade­cer a Paco Sotelo, membro da Asociación Veciñal Santa Marta de Velle, que nos acompañara polo percorrido da Andaina Mosteironda o 22 de abril de 2017.

Acacia dealbata é unha planta leguminosa, exótica invasora (orixinaria de Australia, atopa en Galicia un clima semellante), introducida en Europa durante o século XIX polo seu interese como especie ornamental, debido sobre todo á súa beleza e ao aroma das súas flores. Extendeuse por Galicia seguindo os ríos, logo de comezar a empregala para a obtención de postes-guía para as vides e para fixar as trincheiras da vía do ferrocarril. Na actualidade, a comercialización das mimosas está prohibida por lei.

O alumnado participante e os docentes tivemos a oportunidade de ver as consecuencias do lume sobre a paisaxe. Esta zona, próxima a Mende, foi pasto das lapas a mediados de xullo de 2020, quedando calcinadas máis de 50 ha. de bosque mediterráneo maduro. O camiño principal da Serra Mosteironda, entre Regoufe e Tibiás, pasa polo epicentro dese lume, polo que fomos testemuñas, pasados tres anos, dos efectos do lume sobre a contorna, e da recuperación progresiva do ecosistema.

Empregando a unidade didáctica deseñada para a actividade o alumnado descubriu as distintas adaptacións das especies pirófitas, características deste tipo de bosque.

Antes de chegar a Tibiás collimos unha senda de pronunciada pendente que nos levou ata Santomé. Seguimos o noso percorrido non sen antes facer fotos do grupo en enclaves sinalados na contorna do castro e do encoro de Castadón.

Antes de iniciar a subida a Ceboliño paramos un intre á beira da central hidroeléctrica de Castadón (no río Loña, en Pereiro de Aguiar), que estivo en funcionamento (en réxime de concesión a Enel Green Power España, S.L.) ata 2018.

Fixemos o xantar ao abrigo da sombra na praza de Ceboliño. Queremos agradecer á Asociación Veciñal, e en particular ao veciño Arturo, que nos recibira e abrira o local social, onde tivemos oportunidade de falar un ratiño con el e tomar un refrixerio. En Ceboliño atopábase o único cartel informativo do noso proxecto que seguía en pé e en boas condicións, grazas aos coidados e sensibilidade dos veciños do núcleo rural. Tivemos ocasión de ver que o cartel xa non está. Arturo comentounos que persoal do concello retirouno a finais do curso pasado. En consecuencia, non se conserva ningún dos tres carteis instalados en marzo de 2014.

Miradoiro de Ceboliño, onde estaba (ata hai cinco meses) o único cartel que quedaba no sitio dos tres instalados en 2014 (abaixo).

Continuamos cara ó Parque Botánico de Montealegre, espazo natural de importancia para a cidade e os seus habitantes, por todo o que aporta á bio­diversidade e ao lecer e desfrute do tempo libre. Aproveitamos para seguir valorando a biodiversida­de, nesta ocasión co cambio de val, destacando a presen­za de carballos e cerquiños, o que manifestaba a adapta­ción climática deste xénero.

Logo de pasar máis dunha hora no Parque Botánico de Montealegre comezamos o percorrido de descenso ata a rúa da Canle e e rúa Emilia Pardo Bazán.

Unha xornada moi ben valorada po­los participantes, que terán ocasión de seguir traballando moitos conti­dos relacionados nas presentacións sobre ecosistemas que se levarán a cabo nas respectivas aulas do centro.