III Roteiro didáctico ambiental de 2º de ESO polo Bosque de Ridimoas.

O alumnado de 2º de ESO tivo a ocasión de percorrer o Bosque de Ridimoas, en Beade, acompañados por David Rodríguez Barra. David, vicepresidente da Asociación Cultural Ecolóxica Ridimoas, guiou ao alumnado das tres aulas: a 2ºC, na compaña de Marta e Quique, o luns 25; a 2ºB, con Vanesa e Santos, o martes 26; e a 2ºA, con Álvaro e Gustavo, o mércores 27. O percorrido, dunhas dúas horas, levouse a cabo os tres días entre as 10:30 e as 12:30 h, polo que saimos do colexio ás 10 para trasladarnos nun transporte facilitado pola Concellería de Educación do Concello de Ourense e estar de volta no centro escolar ás 13 h.

David agardaba na eirexa parroquial de Santa María de Beade (antiga Encomenda da Orde Militar dos Hospitalarios de San Xoán de Xerusalén, máis tarde coñecida como Orde de Malta; prestade atención ao cruceiro que se ve por tras de David, na imaxe do centro das tres que seguen a este texto). A actividade desta asociación naturalista, radicada en Beade, céntrase na recuperación de hábitats para especies autóctonas no bosque, de máis de 400 hectáreas, que posúe neste municipio de O Ribeiro.

A beira da capela de San Roque fixemos unha parada para comentar os cruceiros do calvario, do século XVIII. A súa silueta é moi popular grazas ao debuxo levado a cabo por Castelao na súa obra “As cruces de pedra na Galiza” (libro publicado póstumamente pola editorial Nós na imprenta López de Buenos Aires en xaneiro de 1950), un detallado estudio no que describía a historia, significado e tipoloxía dos cruceiros galegos.

Ascendimos para adentrarnos no Bosque de Ridimoasseguindo a “Ruta dos Arrieiros”. Este camiño foi durante séculos a principal vía de comunicación entre Ribadavia e Pontevedra; desde o século XV empregouse para transportar viño e outras mercadurías; parte dese viño quedaba nos lugares e parroquias da comarca, e parte era posteriormente comercializado no País Vasco e na Bretaña Francesa; no século XVII o viño “ribeiro” era embarcado en Pontevedra con destino a Santander, País Vasco e Asturias, así como América e algúns países europeos.

Ao pouco de entrar no bosque, David falounos das mimosas, Acacia dealbata, e do tremendo impacto que teñen na comarca de O Ribeiro estas leguminosas, consideradas plantas exóticas invasoras. Nas zonas fortemente invadidas non medra outra especie vexetal debido á gran densidade das mimosas que non deixan nin espazo nin luz a outras plantas; alteran a cantidade e calidade de follasca, o contido en nutrintes, as características físicas e as comunidades microbianas dos solos invadidos…

… se ben David chamou a nosa atención sobre unha característica positiva destas plantas: son quen de enriquecer ó solo, dado que se asocian con bacterias do xénero Rhizobium (fixadoras do nitróxeno atmosférico) nos nódulos que se forman nas súas raíces. Grazas a estes nódulos, que se poden ver na seguinte fotografía (tomada na man do presidente da Asociación Cultural Ecolóxica Ridimoas, Pablo Rodríguez -coñecido como “Oitabén”, polo segundo apelido da súa nai- na nosa visita do 15 de abril de 2019; podedes consultar esa entrada do blog en: https://naturezaula.salesianosourense.com/2019/04/roteiro-didactico-ambiental-de-2o-eso-polo-bosque-de-ridimoas/), as plantas obteñen nutrintes esenciais. Pero as bacterias que se asocian ás raíces poden ser exóticas tamén e, nese caso, afectar negativamente a leguminosas nativas como a xesta, Cytisus sp, e o toxo, Ulex europaeus.

Onde remata o primeiro tramo do camiño, recuperado pola Asociación Cultural Ecolóxica Ridimoas, e logo dunha intensa limpeza para eliminar as mimosas, no solo apareceron as plantas que vedes a continuación, unha herba de nome leiburiña, Agrostis truncatula, unha pranta herbácea anual da familia Poaceae (gramíneas), que presenta as lígulas dentadas, as flores en inflorescencia en panícula moi ramuda e con glumas membranosas.

Pasamos á beira de varios pozos e visitamos a zona do penedo e a da mina de auga das píntegas, Salamandra salamandra gallaica. David describiu o ciclo vital destes anfibios, lembrándonos que son animais moi delicados e que corren serio perigo.

Continuamos ascendendo ata o miradoiro de Pena Corneira, mentres David amosábanos como desde a Asociación Cultural Ecolóxica Ridimoas están a traballar na plantación de especies autóctonas.

Queremos agradecer á Asociación Cultural Ecolóxica Ridimoas, e especialmente a David pola súa compaña e as súas inestimables aportacións, a oportunidade que nos brindaron de visitar e coñecer este espazo tan singular.