Picudín III en 2ºA de Primaria.

Alá polo mes de setembro entraron voando pola fiestra da aula de 2ºA de Primaria tres escaravellos vermellos, picudos da palmeira (Rhynchophorus ferrugineus). Na entrada do 30 de abril de 2021 deste mesmo blog podedes consultar información detallada sobre esta praga e como levamos varios cursos convivindo coa mesma. https://naturezaula.salesianosourense.com/2021/04/palmeiras-phoenix-canariensis-e-picudo-vermello-rhynchophorus-ferrugineus/ 

Fotografías de Cristina López.

Como eramos conscientes de que non debíamos ceivalos, polo dano que fan, pero tampouco queríamos eliminalos, decidimos adoptalos e aprender deles. Dous deles (entraron o 21 de setembro), un macho e una femia que chegou a poñer ovos, morreron aos dous meses con diferencia de días, pero Picudín III (entrou o 30 de setembro) segue connosco tras seis meses de coidados. Costounos acertar coa alimentación, e tras probar con plátano e sandía, aprendemos que o seu manxar favorito son a mazá e as uvas. É preciso cambiarlle a cama todos os días, xa que ao alimentarse de froita, as súas deposicións son moi líquidas e ácedas. Todos os días abréselle a caixa para airear e evitar a condensación.

Fotografías de Cristina López.

Tamén aprendemos que lle gusta a escuridade e a privacidade, xa que cando remata de comer agóchase entre as capas de papel da cama. Son insectos cunha grande forza nas patas. Cando o manipulamos cun lápis para cambiarlle a cama, agárrase a el con moita forza. Tamén aprendemos que utilizan o pico para explorar a súa contorna, ademáis de para alimentarse, xa que é móbil desde a base.

Durante os períodos longos sen clase, como durante o Nadal ou as pontes longas, a profe lévao a súa casa para manter a alimentación, a limpeza e os coidados. Cando morra, pasará xunto aos outros dous á sección de picudos ilustres do Museo de Ciencias do centro.

O xoves 3 de marzo a aula de 2ºA de Primaria recibiu a visita dun dos profes de Bioloxía e Xeoloxía de ESO, que aproveitou para amosarlles a preparación entomolóxica levada a cabo durante o curso pasado, gardada no Museo de Ciencias do centro.

Fotografías de Cristina López.

A titora do curso, Cristina López, foi pasando a caixa polas filas para que todas e todas e todos pudieran ver de preto a montaxe de fotos e animais (estes últimos, en distintas fases de desenvolvemento, todos recollidos no centro).

Durante o proceso de preparación para a conservación na caixa entomolóxica, e grazas a lupa de laboratorio, puidemos fotografar os animais finados e diferenciar as femias dos machos: os machos presentan un cepillo piloso na parte dorsal do pronoto (pico ou trompa), inexistente nas femias, como pode apreciarse nas imaxes seguintes.

Pronoto dun macho (esquerda) e dunha femia (dereita).

O alumnado de 2ºA de primaria, acompañado pola súa titora, visitará o Museo de Ciencias do centro nas vindeiras semanas. Ben seguro que, como nesta ocasión, terá unha manchea de preguntas interesantes.