PRESENTACIÓN DO PROXECTO “AVES NO CAMPUS”.

O xoves 29 de outubro ás 09:30 h, na Aula Magna do centro, levouse a cabo a primeira Xornada ConCiencia deste curso, coa presentación do Proxecto “Aves no Campus”.

De esquerda a dereita: na fila superior, Cleo, May, Yi, Nancy, Alejandro, Martín, Gabriel e Yael; na fila inferior, Iria e María.

Esta iniciativa da Asociación Amigas das Cegoñas, conta coa colaboración do Proxecto Ambiental de centro NaturezAula, a Asociación Estudantil Universitaria Beira do Miño, a Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade de Vigo e o Programa de Educación Ambiental Voz Natura. A actividade, un traballo de Monitorización, Diagnóstico e Intervencións para a Conservación da Biodiversidade Urbana, achega un claro compromiso de conservación activa: transformar a recollida de datos en medidas directas de xestión sustentable, restauración ecolóxica e mellora da calidade ambiental do Campus Universitario de Ourense.

Nancy Blanco, coordinadora de Ecoloxistas en Acción Ourense e de Amigas das Cegoñas, explicou a organización do transecto, destacando a duración, itinerario, momento e regularidade do mesmo, desde novembro de 2026 ata maio de 2027.

Asemade, repartiu mapas e as fichas de seguemento que o alumnado empregará a partir da vindeira semana. Tamén ofreceu guías de identificación e presentou a aplicación móbil que nos permitirá saber a que ave pertence cada son recollido no transecto. De feito instalaremos un micrófono de ambiente para recoller os cantos, de xeito que estes datos confirmen os posibles avistamentos que levaremos a cabo con prismáticos.

Comprometidos con esta actividade, en NaturezAula elaboramos o seguinte calendario, agradecendo a Nancy, a Beira do Miño e á OMA da UVigo as facilidades para facer compatibles as xornadas de mostraxe coa actividade académica do alumnado voluntario de 4º ESO.