Chegamos ao Alto do Couto cun tempo moi desfavorable, polo que suspendimos a andaina pola Devesa da Rogueira. A ruta da Devesa da Rogueira é posiblemente a máis emblemática da Serra de O Courel. Con arredor de duascentas hectáreas de extensión, este bosque situado na falda norte do monte Formigueiros concentra unha gran parte das especies vexetais que medran na montaña lucense, polo que se trata dunha das reservas botánicas máis importantes de Galicia. Na parte máis alta deste bosque podemos observar múltiples especies vexetais: teixo, Taxus baccata; acivro, Ilex aquifolium; arandeira, Vaccinium myrtillus; cancereixo, Sorbus aucuparia; carballo, Quercus robur; pradairo, Acer pseudoplatanus; abeleira, Corylus avellana; bidueiro, Betula pubescens; freixo, Fraxinus excelsior; érbedo, Arbutus unedo… O camiño pasa máis adiante por un conxunto de faias, Fagus sylvatica; todas as súas follas acabarán no chan, dándolle ao camiño un aspecto de conto de fadas. Máis abaixo comezan a alternar os carballos, Quercus robur; as aciñeiras, Quercus ilex; os castiñeiros, Castanea sativa; e os rebolos ou cerquiños, Quercus pyrenaica. Tamén alberga unha variada fauna: xabaril, Sus scrofa; lobo, Canis lupus; raposo, Vulpes vulpes; corzo, Capreolus capreolus; teixugo, Meles meles; donicela, Mustela nivalis; algaria, Genetta genetta; marta, Martes martes; lebre, Lepus europaeus; gato montés, Felis silvestris… Nos últimos anos destaca a presenza puntual do oso pardo, Ursus arctos. Polo seu excepcional valor ambiental, é unha das paraxes máis destacadas do Xeoparque Montañas do Courel.