DALLE VOZ AO PLANETA: O MUNDO DOS SOLOS, OS SOLOS DO MUNDO & BIOINVASIÓNS E CRISE CLIMÁTICA.

O xoves 12 de febreiro os doutores Xosé Lois Otero Pérez, Catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela, e Luis González Rodríguez, Catedrático de Bioloxía Vexetal da Universidade de Vigo, foron os poñentes desta Xornada ConCiencia, unha actividade que se levou a cabo entre a Aula Magna e a contorna próxima ao centro. O título da charla integra o eslogan deste curso do Programa de Educación Ambiental VOZ NATURA, e asistiu o alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 1º BAC, que tivo a oportunidade de sair do centro acompañando a Xosé Lois, Luis e Gustavo, para poder ver in situ o que se comentou na aula, desta vez pola ribeira dereita do Barbaña e durante as últimas horas de clase da mañá. Os coordinadores do Proxecto Ambiental NaturezAula queremos dar a grazas a Xosé Lois por esta primeira participación nas Xornadas ConCiencia (xestionada ao través do Programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a USC”, https://www.usc.gal/es/campusterra/ponte-ensino), e a Luis pola súa colaboración continuada desde o ano 2013.

O profesor Gustavo Monroy González fixo a presentación dos poñentes na Aula Magna. As charlas (os pdf das presentacións están dispoñibles na sección Materiais Didácticos/Xornadas ConCiencia do blog), estiveron centradas nas interrelacións que existen entre os solos, os seres vivos e a importancia de cada un deles para o mantemento da edafodiversidade e da biodiversidade nos ecosistemas.

Rematadas as dúas charlas, saímos do centro co alumnado de 1º BAC e percorrimos arredor dun quilómetro do sector noroeste do sendeiro periurbano, polo río Barbaña, facendo varias paradas de interpretación.

Luis incidiu na diferenza entre o que supostamente é máis estético (unha superficie con céspede artificial ou con céspede natural monoespecífico e perfectamente cortado) e outras zonas aparentemente abandonadas e descoidadas pero moito máis biodiversas.

Na ribeira, outras das ideas presentadas polo poñente foron as do asentamento das especies vexetais exóticas invasoras en terreos degradados (estradas, movementos de terra, enchentas do río…) e a do río como vector de propágulos.

No percorrido atopamos unha manchea de especies vexetais exóticas invasoras: Ailanthus altissima, Acacia dealbata, Conyza bonariensis, Phitolacca americana, Eucalyptus globulus... e unha enorme cantidade de Arundo donax (canas).

Ailanthus altissima está amplamente naturalizada en case todas as zonas non moi frías da Península Ibérica, sendo orixinaria de China, onde se cultiva por servir as súas follas para a alimentación dunha especie de gusano de seda, o da bolboreta Samia Cynthia.

Preparación entomolóxica de José Enrique Fernández Marcos.

Acacia dealbata é orixinaria de Australia e Tasmania, e sábese da súa introdución en España desde 1824. A especie plantouse como especie ornamental e para fixar noiros do camiño de ferro de Galicia ao longo do século XX. Axiña se espallou polo territorio, especialmente en zonas degradadas, montes queimados, na costa e nas zonas máis cálidas da comunidade autónoma, como O Ribeiro (onde as varas empregábanse para guiar as vides), tornándose unha especie moi invasiva e que supón un gran problema ecolóxico para a biodiversidade dos montes monoespecíficos. Atópase amplamente naturalizada, invadindo as partes baixas e medias de Galicia até unha altitude de 600 m, formando parte da paisaxe galega. Impide a rexeneración da vexetación natural alterada debido principalmente á súa facilidade para xermolar e regromar logo dos lumes, unido ao seu rápido crecemento. A súa erradicación é difícil e custosa.

A área bioxeográfica nativa de Eucalyptus globulus tamén é Australia e Tasmania, ademáis de parte de Indonesia, e a súa problemática é ben distinta, ao tratarse dunha especie forestal cultivada para aproveitamento da súa madeira, e non estar incluída no catálogo español de especies exóticas invasoras (https://www.miteco.gob.es/es/biodiversidad/temas/conservacion-de-especies/especies-exoticas-invasoras/ce_eei_flora.html), aínda que existe unha resolución do comité científico para a súa inclusión, recollida no CC 30/2017 (Solicitude de dictame sobre a posible inclusión de Eucalyptus camaldulensis, E. globulus, E. nitens e calquera outra especie do xénero Eucalyptus no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras regulado polo R.D. 630/2013, de 2 de agosto e remitida ao MAPAMA polo Alcalde do Concello de Teo, A Coruña).

Voltamos ao centro escolar arredor das 14 h, desfacendo o camiño pola ribeira dereita do Barbaña, desfrutando das sorpresas da natureza. Algúns dos participantes fan a diario este percorrido e chamoulles poderosamente a atención a realidade amosada polos poñentes, da que non eran conscientes antes da charla.