Visita á Mina de Monte Partido (Montederramo).

O sábado 13 de decembro pola mañá varios docentes acompañamos a Eduardo José González Clavijo ata a Mina de Monte Partido. Eduardo é xeólogo (experto en minaría romana e coordinador estatal dos xeolodías organizados pola Sociedade Xeolóxica de España) e colaborador habitual das actividades de NaturezAula.

O itinerario foi deseñado en colaboración con Óscar Pazos Rodríguez, e foi presentado como póster no XIII Congreso Internacional Minaría e Metalurxía Históricas no SW Europeo, celebrado en Parada do Sil en outubro de 2025.

A mina de ouro en primario de Monte Partido é un corte de 600 metros de lonxitude nun interfluvio na ladeira norte da Serra de San Mamede, no concello ourensano de Montederramo. A mina está a 1.185 m.s.n.m. na divisoria de augas e descende ata 1.150 m. a oeste e 1.120 m. polo leste, cuns 10-20 metros de profundidade en boa parte do seu percorrido. A explotación da mina levouse a cabo entre os séculos I e II, como a meirande parte da minaría de ouro galaico-romana da zona.

A mina excava un nivel da formación Cuarcita Armoricana, duns 475 millóns de anos de antigüidade (Ordovícico), concretamente un tramo que orixina un crestón moi marcado, e que neste interfluvio debeu ser case completamente explotado. Nesta zona a formación Cuarcita Armoricana aflora como esquistos areosos nos que se observan abundantes veas de cuarzo leitoso, de escaso desenvolvemento pero moi abundantes. As veas de cuarzo son concordantes cos planos de debilidade dos esquistos, e a mineralización de ouro está relacionada cos fluidos que precipitaron xerando estas veas.

As condicións xeotécnicas resultantes nas cortas haberían precisado das pendentes de seguridade manifestadas polo chamativo perfil en V, que faría problemática a continuidade da excavación. Non hai evidencias de bocaminas ou galerías, aínda que poderían estar ocultas polos desprendementos existentes en toda a corta. Igualmente, resulta moi destacable a ausencia total de estériles, o que indica unha moenda completa de todo o material.

Outra singularidade desta mina é o depósito de auga duns 1.500 m2 excepcionalmente ben conservado sobre o talude augas arriba, prácticamente a cota do punto máis alto da explotación. Unha canle conducía a auga desde este depósito cara a zona central da mina, e desde ese punto podíase dirixir a auga cara unha metade da mina ou cara a outra.