ROTEIRO DIDÁCTICO AMBIENTAL POLA ILLA DE ONS.

Antes de retomar a actividade en setembro, compartimos este roteiro que levamos a cabo o luns 28 de xullo. Eduardo José González Clavijo, xeólogo e coordinador estatal dos Xeolodías, descubriu a Illa de Ons na compaña de Quique, coordinador de NaturezAula. 

A illa forma parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

A illa de Ons, desde un punto de vista xeolóxico, é parte do continente. Podemos dicir que o continente remata uns 40 kilómetros ao oeste, no talude continental que descende ata os fondos oceánicos. Litolóxicamente na illa de Ons hai dous tipos de rochas: unha banda ao leste e outra ao oeste de granito deformado, constituido por “capas”, froito da orientación interna dos seus minerais, xerada por esforzos de deformación ocurridos mentres se consolidaba o granito; e entre ambas bandas aparece unha rocha metamórfica formada por alternancia de esquistos e cuarcitas, con algúns niveis de gneis, froito dun proceso de metamorfismo en sedimentos preexistentes.

Todas estas rochas formáronse durante a oroxenia Varisca, polo que teñen entre 370 e 290 millóns de anos de antigüidade. Desde entonces teñen sufrido alteracións e erosionaron. O relevo actual desta illa está marcado pola oroxenia Alpina, que ao través de fallas elevou a diferentes alturas o terreo en todo o noroeste da península ibérica. De especial importancia é a falla Porto-Tomar que determina a liña de costa desde Porto cara o norte (por exemplo, no tramo A Guardia-Baiona) e limita as illas Cíes e Ons polo oeste.

Hai que destacar que desde o miradoiro de Fedorentos se observa perfectamente como o granito que forma as illas Cíes (que desde este punto se observan exactamente desde o norte) está orientado cunha dirección aproximada norte-sur, e unha inclinación cara o leste. Como consecuencia desto poden apreciarse planos de debilidade na rocha das illas Cíes inclinados uns 45° ao leste.

A furna do “Buraco do Inferno” formouse cando as ondas golpearon contra os cantís formados por ese granito orientado, e con este golpear fixo e fai que a agua entre polos planos de debilidade aumentando a presión do aire contido nestes. A repetición deste proceso fai que os planos de debilidade se elonguen e ensanchen chegando a producir furnas tan chamativas como esta.

Para rematar o roteiro pola illa achegámonos ata o faro de Ons. Desde alí, voltamos a vila para xantar e coller o barco de volta.