De volta percorreron un tramo do Sendeiro de Carriozas. Entre castiñeiros, Castanea sativa, e carballos, Quercus robur e Quercus pyrenaica, esta senda tradicional comunica o miradoiro coa vila de Parada, onde pararon a xantar. Logo desprazáronse cara o leste, ao Canón do Río Mao, concretamente ata a Fábrica da Luz, unha antiga instalación para a producción de enerxía eléctrica situada preto do límite dos concellos de Parada e A Teixeira. Por ese límite discurre o río Mao, labrando un imponente canón fluvial. O Concello de Parada deseñou un sendeiro (o PR-G 177) e construiu unha pasarela peonil de madeira pola beira esquerda do canón, bordeando socalcos empregados hai tempo para o cultivo. Desde a pasarela pódese desfrutar dunha contorna espectacular. O alumnado percorreu a pasarela peonil seguindo con atención a información sobre a flora e a fauna dispoñible por todo o percorrido, presentada en paneis divulgativos hábilmente integrados na contorna. Ao chegar preto de Barxacova, ao carón da desembocadura do Mao no Sil, voltaron pola mesma pasarela.