II ROTEIRO DIDÁCTICO AMBIENTAL POR SANDIÁS.

O luns 5 de maio, 22 alumnas e alumnos de 4º de ESO acompañados por Amador (SDB) e Quique (docente de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO, coordinador do programa ambiental NaturezAula) achegámonos ata Sandiás para levar a cabo un roteiro didáctico ambiental por ese concello. O Seminario de Xeografía e Historia e o Seminario de Ciencias Experimentais traballaron xuntos para organizar esta actividade, que combina á perfección natureza e patrimonio, permitindo que o alumnado descubra os valores ambientais e culturais desta zona da provincia de Ourense.

O destino, logo de algo máis de media hora no transporte, foi o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, en Sandiás, onde agardaba Pepe, docente de Xeografía e Historia de 4º de ESO no noso colexio. Durante toda a xornada contamos tamén con Eduardo José González Clavijo, xeólogo e coordinador a nivel estatal dos xeolodías, colaborador de NaturezAula. Entre as 09:30 e as 10:50 visitamos a exposición permanente, e Alex faloulle ao alumnado das fotografías, publicacións, material exposto…

A  lagoa de Antela situábase a 615 metros de altitude, e presentaba un perímetro duns 35 km. En total ocupaba uns 42 km², chegando nalgunhas zonas aos 6 km de ancho e 7 km de longo. En épocas de enchente acadaba ata os 3 m de profundidade en certas pozas. Ubicada entre os concellos de Xinzo da Limia, Sandiás, Sarreaus, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e A Porqueira, tamén era coñecida como Lago de Beón (do bión ou xunco da lagoa, Scirpus lacustris, usado para berce do gando, e do que derivan os terróns de bión, empregados en moitas construccións tradicionais da comarca). Antela é diminutivo de anta, o que fai pensar na anterior existencia no lugar de antas (pedras empregadas tanto en monumentos megalíticos como nos peches das fincas).

Sen sair do edificio, visionamos un audiovisual sobre diversos aspectos da Lagoa de Antela. Ao rematar, percorrimos varias salas da planta baixa e subimos a planta superior do centro para continuar a visita. Logo, un descanso de tres cuartos de hora, para repoñer forzas antes de seguir.

O transporte levounos ata as areeiras, onde Pepe explicou o proceso extractivo. Desde o transporte puidemos ver un nutrido grupo de anduriñas das barreiras, Riparia riparia, que realizaba xiros imposibles para alimentarse das nubes de mosquitos.

Logo achegámonos co transporte ata o miradoiro ornitolóxico número 2, construido con terróns de bión, como os que nos amosaran no Centro de Interpretación. O alumnado probou os prismáticos na procura de aves presentes na charca renaturalizada.

De volta ao Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, en Sandiás, Pepe amosounos unha presentación sobre a xeomorfoloxía, a ocupación do espazo, o trazado da Vía Nova, a concentración parcelaria… comezando pola lámina do ilustrador Miguel Robledo, director de arte en Aira Editorial.

Fixemos o xantar no local social do Concello de Sandiás.

Pola tarde, Eduardo fixo unha breve introdución á xeoloxía de A Limia. Durante a mesma, amosou varios audiovisuais levados a cabo no Museo de Ciencias do noso centro educativo, nos que se aprecia a diferenza de permeabilidade da area e da arxila.

A continuación, empregando de novo o transporte, achegámonos ao Pico Costoira para poder apreciar o relevo tectónico da depresión de A Limia.

Continuamos cara as areeiras, onde nos falou de granulometría e da importancia do tamaño do gran de área para uso industrial e na construcción, antes de voltar a Ourense.

Os Seminarios de Xeografía e Historia e Ciencias Experimentais agradecen a boa disposición do Concello de Sandiás, que facilitou a organización e desenvolvemento deste roteiro didáctico ambiental. Tamén damos as grazas a Santiago, de ALFER, que nos levou dun sitio para outro durante toda a xornada.