II ROTEIRO DIDÁCTICO AMBIENTAL POLO CAMIÑO DE SANTIAGO, ENTRADA SUR Á CIDADE DE OURENSE.

O día 6 de maio, alumnado de 2º ESO participou nun itinerario desde Seixalbo ata o colexio, seguindo un treito do Camiño de Santiago na súa entrada polo sur á cidade de Ourense. Esta actividade complementaria, organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais, dentro do Programa Ambiental NaturezAula, tiña como obxectivo destacado achegarnos á parte sur do concello, nunha aproximación ao núcleo rural de Seixalbo e á contorna do río Barbaña (afluente do Miño pola súa beira esquerda). Os docentes artellaron o itinerario didáctico ambiental arredor de seis paradas de interpretación, sobre as que deseñaron unha unidade didáctica que compartiron co alumnado por medio do classroom. Pódese consultar o pdf 2025 05 06 Sur Concello Ourense na sección Materiais Didácticos/Unidades didácticas do blog.

O Camiño de Santiago (tamén denominado Camiño Real a Castela, Camiño Mozárabe ou Vía da Prata) achégase a Ourense polo Cumial, desde o sur. Antes de entrar na cidade, pasa por Seixalbo, facendo unha parada na capela de Santa Águeda, ubicación escollida polos docentes como punto de reunión co alumnado, que se desprazou ata alí en vehículos particulares ou en transporte urbano (liña 14, Viso-Cumial).

Na capela de Santa Águeda presentamos a Juan Antonio Cid e Higinio Nóvoa, da Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo, que nos acompañaron no percorrido pola vila.

Juan Cid comentou moitas curiosidades sobre etnografía, patrimonio, natureza, historia… Nada máis comezar, paramos no lavadoiro próximo a rúa da Coenga, rodeado por varios pozos dos que se sacaba auga empregando cambóns (tamén chamados balancíns ou cegoñais).

No percorrido polas rúas de Seixalbo descubrimos a que se adicaba a xente da vila; como interactuaba no pasado co medio (sementando productos da horta nas terras baixas e traballando as vides nas terras altas); a relación que mantivo co Cabildo Catedralicio de Ourense (ao través dos foros que pagaban polo uso destas terras de propiedade eclesiástica, dos que obtiveron a exención en 1859, arredor dun século antes que o resto de Galicia) e a festa asociada a esta historia, coa Praza do Cabildo como epicentro; a figura de José Pereira Rodríguez, alcalde de Ourense entre 1916 e 1917, impulsor da educación das nenas e mulleres da época; como foi medrando a vila arredor da actual rúa da Requeixada…

Mentres o alumnado levaba a cabo unha xincana fotográfica da unidade didáctica…

… convidaron aos docentes a subir ao piso superior do Centro Cívico, antiga casa do coronel Abelardo Arce (na actualidade propiedade do Concello de Ourense), o edificio máis alto da vila, desde onde se ten unha magnífica panorámica da mesma, con Ourense ao norte.

A beira deste edificio está o local da Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo. Juan Cid contounos a historia de Paquita, Nicanor e o seu fillo Vicentiño, auténticos protagonistas do entroido da vila: estas figuras son entregadas a unha parella de xente nova, para desexarlles fecundidade, que se compromete a alimentalas (como din na vila, caro non sae) e vestilas; esa vestimenta será a indumentaria de referencia da xente da vila na seguinte festa do entroido, na que se entregarán a unha nova parella.

Na compaña de ­­­María Luisa Nóvoa, da Parroquia de san Breixo, visitamos o interior da igrexa, construcción de planta rectangular de orixe románica. Desa época consérvanse marcas de canteiro nos alicerces dos muros que dan ao camposanto e nos canzorros dos aleiros. No século XIX sufriu unha profunda reforma que culminou no ano 1901 coa construción da actual fachada, obra de Daniel Vázquez Gulías, co esbelto campanario no que destaca o reloxo. No interior chaman a atención unha capela prateresca e o arco triunfal de estilo mozárabe, copia ampliada do orixinal que había antes da reforma. Antes de sair tivemos a oportunidade de selar as credenciais do Camiño de Santiago.

Á beira da igrexa visitamos o belén da Parroquia de San Breixo, e logo de darlle as grazas a Juan, Higinio e María Luisa polo seu bo facer, o alumnado tivo un ratiño para descansar e tomar a merenda. Queremos agradecer a Carballido, da Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo, as xestións levadas a cabo para poder contar con estes magníficos acompañantes.

Marchamos de Seixalbo pola Verea Real. Inmediatamente paramos para observar un dos magníficos lodoeiros, Celtis australis, presentes nas fincas á beira do camiño; e chamar a atención sobre especies invasoras, como a falsa acacia, Robinia pseudoacacia.

Esta planta é nativa do centro e leste de EEUU. Na Península Ibérica está amplamente distribuida como planta ornamental e asilvestrada en moitos lugares. Está incluida no Atlas das plantas alóctonas invasoras en España.

Seguindo o camiño pasamos polo Campo da Picota e pola Fontenova.

Continuamos descendendo pola pista asfaltada, ata o desvío que nos levaría ao Barbaña.

Na beira dereita do río puidemos ver a horta comunitaria…

… e o Parque da Metamorfose.

Estado actual e estado no que se atopaba a intervención artística en 2020.

Nos anos noventa, a Xunta de Galicia levou a cabo o encauzamento do río. Posteriormente, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (á que agradecemos que facilitara as fotografías empregadas para elaborar esa parte da unidade didáctica, así como a ligazón seguinte http://mapas.xunta.gal/visores/comparador/, na que se pode ver a transformación do río tomando como referencia imaxes aéreas da década dos 60 e do ano 2017) encargouse da eliminación dalgúns azudes e do saneamento. No 2017 a presenza de Ludwigia grandiflora no tramo urbano do río requeriu dunha actuación sobre esta planta invasora; tamén se acometeron actuacións de acondicionamento e limpeza do cauce no dominio público hidráulico e zona de servidume.

E chegamos ao enlace coa ponte de Marcelo Macías, preto do edificio de La Molinera. Na unidade didáctica puidemos ver as fotografías de comezos do século XX (chamando a atención a do Pozo do Inferno, preto da actual ponte de Marcelo Macías, na desembocadura do rego dos Muíños no Barbaña), e as desta infraestrutura xa como Centro de Coñecemento e Laboratorio de innovación social dixital, hoxe en desuso.

Non puidemos visitar os Xardíns do Posío, que están en obras; cando estas obras rematen xa non se poderán atopar algunhas das especies vexetais recollidas na unidade didáctica, dado que o Concello de Ourense retirounas.

As seguintes fotografías, tomadas esta mesma semana, foron compartidas polo axente forestal Xosé Santos Otero. Desde o comezo das obras, cun orzamento de 2,6 millóns de euros, foron eliminadas 25 árbores, algunhas delas centenarias. En opinión deste experto, Ourense non está a cumprir cos consellos que establece a Organización Mundial da Saúde (OMS) e a Unión Europea (UE), de 1 árbore por cada tres habitantes, e entre 10 e 15 m2 de espazo verde por veciña/o; se tomamos como referencia os propios datos do Concello de Ourense, temos 1 árbore por cada 21 habitantes e 5,7 m2 de espazo verde por veciña/o.

A continuación podemos ver a portada e as páxinas 2 e 3 do xornal La Región, edición do domingo 11 de maio.

No Parque Barbaña retomamos o sendeiro periurbano e voltamos ao colexio para o xantar, non sen antes facer unha última parada á sombra para comentar como foi o día e valorar a actividade.

Con estes roteiros pechamos o ciclo programado polo centro co obxectivo de que o alumnado de ESO e Bacharelato teña a oportunidade de descubrir os valores ambientais e patrimoniais da contorna. As visitas do curso 2024-2025 estiveron distribuídas do seguinte xeito:

1º ESO: Sendeiro Periurbano de Ourense. Unha xornada por aula no mes de maio e xuño.

2º ESO: Camiño de Santiago-entrada sur a Ourense. Unha mañá no mes de maio.

3º ESO: Parada de Sil. Unha xornada no mes de maio.

4º ESO matriculados en Bioloxía e Xeoloxía:

  • Mosteironda e Sendeiro Periurbano de Ourense: unha xornada no mes de outubro.
  • Xeoparque Montañas do Courel: unha xornada no mes de febreiro.
  • Sandiás: unha xornada no mes de maio.

 

1º BAC matriculados en Bioloxía e Xeoloxía. O Bierzo: unha xornada no mes de febreiro.