VOLCÁNS E ANEIS

ACTORES E TESTEMUÑAS DO CLIMA QUE TRANSFORMOU SOCIEDADES.

O 19 de marzo o Dr. Ignacio García González, Profesor Titular do Departamento de Botánica da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural – IBADER; Agrupación Estratéxica en Xestión e Produción sostible de Biorrecursos – BioReDes) foi o poñente da oitava Xornada ConCiencia deste curso, unha actividade que se levou a cabo na Aula Magna do centro, asistindo o alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º ESO e 1º BAC.

O poñente fixo unha presentación atractiva da relación entre fenómenos volcánicos destacados e a información que queda recollida nos aneis de crecemento das árbores como consecuencia deses fenómenos (o pdf da presentación está dispoñible na sección Materiais Didácticos/Xornadas ConCiencia deste mesmo blog, ou se o preferides na seguinte ligazón: https://drive.google.com/drive/folders/1LDgmz89Y650p578EEEzO57Q4GDWu8JI_), destacando como a información queda arquivada permanentemente na madeira e pode ser empregada en moitos campos da ciencia.

O experto comezou a presentación facendo referencia a Maurice e Katja Krafft, parella de vulcanólogos franceses que adicou a súa vida ao estudo e documentación dos volcáns. Ignacio destacou que foran pioneiros na filmación e fotografía das erupcións volcánicas; as espectaculares imaxes que conseguiron foron as máis importantes das empregadas en divulgación científica durante máis de dúas décadas, e moitas seguen a ser empregadas na actualidade.

Falounos tamén de sincronización dos aneis de crecemento das árbores (técnica fundamental en dendrocronoloxía), de como obter cronoloxías de gran lonxitude combinando diferentes secuencias, da extración de mostras de madeira empregando barrenas Pressler… e de como Benjamin Franklin foi probablemente a primeira persoa que estableceu unha relación científica entre erupcións volcánicas e cambios climáticos a gran escala.

Imaxes extraidas da presentación do Dr. Ignacio García

Rematou a súa presentación comentando a erupción do Tambora do 5 de abril de 1815, e como afectou ao clima do planeta ao expulsar máis de 160 km3 de cinsa á atmosfera.

Imaxes extraidas da presentación do Dr. Ignacio García

Agradecemos a charla de Ignacio, e a colaboración do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC.