O luns 24 de febreiro, alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO participou nun itinerario polas Montañas do Courel. Esta actividade complementaria, organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais, tiña entre outros obxectivos os seguintes:
– achegarnos ao Xeoparque Montañas do Courel para descubrir a xeodiversidade do sur-leste da provincia de Lugo (ver : https://www.courelmountains.es/)
– darlle continuidade ás actividades levadas a cabo o 22 de outubro, no primeiro trimestre (ver: https://www.rtve.es/play/audios/caminantes/kilometros-biodiversidad-courel/7016661/).
– levar a cabo un itinerario pola Devesa da Rogueira, emblema do bosque atlántico galego e primeiro bosque en España en certificar a conservación da biodiversidade (ver: https://www.campogalego.es/la-devesa-da-rogueira-en-el-courel-primer-bosque-en-espana-en-certificar-la-conservacion-de-la-biodiversidad/).
A xuntanza dos participantes levouse a cabo ás 07:30 h no portón do colexio que da á N-120, onde nos recolleu Marcos co transporte. Paramos en Quiroga para almorzar e visitamos o Museo Xeolóxico Municipal.
Ramón Vila Anca foi o noso guía neste espectacular espazo museístico, acompañándonos nunha visita guiada polas distintas salas do museo. Queremos agradecer o esforzo a Moncho, que fixo posible que a visita chamara moi positivamente a atención do alumnado.
Na seguinte ligazón está recollida a grabación levada a cabo durante a visita ao Museo Xeolóxico Municipal de Quiroga:
Podedes consultar as seguintes ligazóns sobre o Museo Xeolóxico Municipal de Quiroga:
https://museosquiroga.org/sala-introducion/
https://museosquiroga.org/sala-0-recepcion/
https://museosquiroga.org/sala-1-formacion-xeoloxica-de-galicia/
https://museosquiroga.org/sala-2-a-evolucion-da-vida/
https://museosquiroga.org/sala-3-os-cambios.climaticos/
https://museosquiroga.org/sala-4-primeiras-ocupacions-humanas-de-galicia/
Arredor das 10:15 h continuamos cara A Seara, desfrutando da paisaxe desde a posición privilexiada no transporte. No alto de A Golada fixemos unha parada de interpretación do glaciarismo no Courel.
De camiño, desde o bus, puidemos ver e aprender máis sobre os depósitos sedimentarios coñecidos como Till. E no val de Visuña, outra parada para ver as rochas calizas e o relevo kárstico.
Durante toda a xornada, Luis González Rodríguez, Catedrático de Bioloxía Vexetal da Universidade de Vigo, fixo aportacións moi interesantes sobre a contorna e sacou unha manchea de fotografías das especies de plantas presentes. Aquí temos unha escolma:
No Alto do Couto recibiunos un tempo favorable (máis tarde trocarían bastante as condicións climáticas), e logo dunha breve charla á beira dos paneis didácticos, comezamos a andaina prevista ata as Fontes do Cervo (percorrido resaltado en verde). Como curiosidade, destacar que na contorna está a ser xestionada unha microrreserva de plantas, cun protagonismo especial para as orquídeas.
A ruta da Devesa da Rogueira é posiblemente a máis emblemática da Serra de O Courel. Con arredor de duascentas hectáreas de extensión, este bosque situado na falda norte do monte Formigueiros concentra unha gran parte das especies vexetais que medran na montaña lucense, polo que se trata dunha das reservas botánicas máis importantes de Galicia. Tamén alberga unha variada fauna: xabaril, Sus scrofa; lobo, Canis lupus; raposo, Vulpes vulpes; corzo, Capreolus capreolus; teixugo, Meles meles; donicela, Mustela nivalis; algaria, Genetta genetta; marta, Martes martes; lebre, Lepus europaeus; gato montés, Felis silvestris… Nos últimos anos destaca a presenza puntual do oso pardo, Ursus arctos. Polo seu excepcional valor ambiental, é unha das paraxes máis destacadas do Xeoparque Montañas do Courel.
As Fontes do Cervo son dous mananciais que brotan dunha parede rochosa, e a pesar de estar moi preto un do outro son de características diferentes: dun mana auga ferruxinosa e do outro auga calcárea. Son augas moi apreciadas polos veciños da contorna e se lles atribúe a virtude de espertar o apetito, polo que o manancial tamén recibe o nome de Fonte da Fame.
Descendimos desde as Fontes do Cervo; o camiño salva en menos de tres kilómetros unha forte pendente, desde os 1.400 ata os 750 metros de altitude (percorrido resaltado en amarelo).
Na parte máis alta deste bosque podemos observar múltiples especies vexetais: teixo, Taxus baccata; acivro, Ilex aquifolium; arandeira, Vaccinium myrtillus; cancereixo, Sorbus aucuparia; carballo, Quercus robur; pradairo, Acer pseupoplatanus; abeleira, Corylus avellana; bidueiro, Betula pubescens; freixo, Fraxinus excelsior; érbedo, Arbutus unedo… O camiño pasa máis adiante por un conxunto de faias, Fagus sylvatica; todas as súas follas acabaron no chan, dándolle ao camiño un aspecto de conto de fadas. Máis abaixo comezan a alternar os carballos, Quercus robur; as aciñeiras, Quercus ilex; os castiñeiros, Castanea sativa; e os rebolos ou cerquiños, Quercus pyrenaica.
Por todo o percorrido atopamos carteis informativos sobre aspectos destacados desta formación boscosa de incalculable valor. O itinerario remata na Aula de Natureza de Moreda de Abaixo.
Marcos, que fixo o itinerario por estrada, agardaba co transporte na Aula de Natureza. Unha vez no bus, puidemos xantar e recuperar forzas. Logo achegámonos ata Seoane do Courel, para tomar algo quente antes da visita prevista para a tarde.
Pablo Ramil Rego, director do IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, da Universidade de Santiago de Compostela) amosounos a Estación Científica do Courel. Para comezar a visita seguimos unha presentación sobre as actividades do IBADER.
A continuación, visitamos o edificio, deseñado para que un grupo reducido de investigadores poidan traballar nos seus proxectos a poucos minutos de Seoane do Courel e da Devesa da Rogueira, nun enclave que lles permite chegar a calquera punto do Xeoparque Montañas do Courel en pouco tempo.
Para rematar, de camiño de volta a Ourense, paramos no miradoiro do pregamento de Campodola-Leixazós, un dos referentes xeolóxicos do Xeoparque Montañas do Courel. Como o tempo non acompañaba non puidemos desfrutar da espectacular paisaxe nin aproveitar para estudar in situ a xeomorfoloxía destas montañas, aproveitando os paneis informativos, moi didácticos e visuais, cos que conta o miradoiro. Noutra ocasión.