ASISTENCIA AO VI CONGRESO DE JÓVENES EXPERTOS e ROTEIRO DIDÁCTICO AMBIENTAL POLO BIERZO.

O 14 de febreiro alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 1º de Bacharelato, acompañado por alumnado do Programa de Altas Capacidades (AACC) de 4º de ESO, participou nun itinerario que nos levou a Ponferrada e a súa contorna. Esta actividade complementaria, organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais, tiña entre outros obxectivos os seguintes:

– participar na sexta edición do Congreso de Jóvenes Expertos (de seguido CJE), organizado pola Fábrica da Luz (Museo da Enerxía de Ponferrada), o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), a Universidade de León e a UNED.

– darlle a oportunidade ao alumnado de representar ao centro educativo e á cidade, presentando os seus traballos sobre o Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable (ODS) 11, sobre cidades e comunidades sostibles, no CJE.

– pasar unha xornada lonxe da aula, compartindo experiencias con alumnado doutros centros e desfrutando dunha tarde ao ar libre, na contorna do castelo de Cornatel e do Monumento Natural de Las Médulas, no Bierzo.

A xuntanza dos participantes levouse a cabo no portón de aceso ao centro, á beira da N-120, ás 06:00 h da mañá. Por diante quedaba unha longa xornada, dado que ás 8:30 estabamos citados para a entrega de acreditacións para o congreso, no edificio de servizos da Universidade de León en Ponferrada. Marcos, responsable do transporte, levounos todo o día dun sitio para outro.

O CJE comezou puntual. Os participantes (logo de recoller as súas acreditacións) e as autoridades foron ocupando os seus asentos…

… e Joan Groizard, secretario de Estado de Enerxía do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), foi o encargado da apertura. Destacou a importancia deste tipo de actos e anunciou que o Goberno incorporará as aportacións dos estudantes ao Plan de Enerxía e Clima.

Ao remate da súa intervención foi o turno das autoridades presentes no salón de actos do Campus Universitario da Universidade de León en Ponferrada.

Deseguido comezaron as ponencias. No primeiro bloque, tres das trece ponencias corresponderon a alumnado do noso centro.

José Luis Rodríguez Araujo e César López Ruido: “Intervenciones urbanísticas de renaturalización”.

Lucía Pérez Feijoo: “Ciudades intelixentes”.

Unha novidade desta edición foi a de darlle voz aos protagonistas máis alá das presentacións das súas ponencias, para o que foron convidadas e convidados a grupos reducidos nunha serie de charlas coloquio para comentar as súas impresións sobre o congreso e sobre os traballos levados a cabo para presentar no mesmo.

Blanca Ponce Merino e Tania Jardón Nogueiras: “Islas de calor”.

Ao remate das trece ponencias e antes de continuar co segundo bloque tivemos un merecido descanso, no que a organización agasallounos cun surtido almorzo.

No segundo bloque, catro das trece ponencias restantes tamén lle corresponderon a alumnado do noso centro.

Laura Carnero Iglesias e Carmen Vázquez Nespereira: “Ourense, cidade sostible? ”.

Sara Fernández Prado e Antón Rodicio López: “Percorridos saudables”.

María Victoria Arenas Franco e Sofía Freire Martínez: “Cidades enerxéticamente sostibles”.

Carla Pérez De Mello e Irene López García: “Economía circular e sostibilidade”.

Ao rematar o segundo bloque, mentres deliberaba o xurado, os presentes tiveron a oportunidade de facer cuestións e aclaracións sobre os temas tratados.

Antes de rematar o CJE tivo lugar a entrega de premios e a tradicional foto de grupo de todos os poñentes con docentes, autoridades e organizadores.

O primeiro dos premios entregados polo xurado foi para Sara Fernández Prado e Antón Rodicio López, alumnos de 4º de ESO do noso centro, integrantes do Programa de Altas Capacidades (AACC). Manuel Vázquez Araújo, tamén de 4º de ESO, participou activamente no deseño da presentación. O traballo é o resultado do proxecto Percorridos saudables, levado a cabo polo alumnado e polos docentes do equipo AACC durante o curso 2023-2024.

Podedes consultar a grabación íntegra do congreso, emitida en directo o 14 de febreiro, na seguinte ligazón:

Para xantar desprazámonos no transporte ata o Castelo de Cornatel.

Queremos agradecer ao concello de Priaranza del Bierzo que nos facilitara a entrada e a visita ao castelo.

A Casa Colgada foi restaurada recentemente. Cara ao patio do castelo ofrece un pequeno muro, que agocha os accesos no lateral, descolgándose por entre as penas. No seu interior desprega un espazo aberto en tres alturas e unha galería volada cara o val.

Arredor das 16:30 h voltamos a coller o bus, e Marcos achegounos ata o aparcadoiro de Orellán, desde onde camiñamos ata o miradoiro do mesmo nome. Non puidemos visitar a galería de Orellán, dado que non está aberta ao público por peche da adxudicación do servizo. Atopamos o miradoiro en proceso de restauración, cun acceso reducido na parte oeste.

O xeólogo Eduardo José González Clavijo (investigador especializado en minaría romana) impartiu una maxistral miniclase sobre o terreo na que falou das distintas teorías existentes en relación ao modelo de explotación deste impresionante entorno: primeiro, a do Ruina montium ou cortas de minado, descrita por Cayo Plinio Segundo (coñecido como Plinio o Vello) e proposta por Sánchez Palencia nos anos 90 no III Congreso Nacional de Xeoloxía; logo, unha segunda proposta, a do debilitamento progresivo dos niveis arxilosos polo aporte forzado de auga. Rematou coa máis recente, o minado horizontal (dado que non se teñen atopado canais verticais que defendan as dúas anteriores).

Ruina montium ou cortas de minado (imaxes cedidas por Eduardo José González Clavijo).

Debilitamento dos niveis arxilosos polo aporte de auga (imaxes cedidas por Eduardo José González Clavijo).

A charla de Eduardo forma parte das xeocharlas organizadas pola Comisión Mulleres e Xeoloxía da Sociedade Xeolóxica de España.

Se queredes saber máis convidámosvos a consultar o audiovisual do comunicador Isaac Moreno Gallo sobre minería romana, que podedes ver en https://www.rtve.es/play/videos/ingenieria-romana/mineria/5774118/, especialmente entre os minutos 49:20 e 55:45. Ou o seguinte clip da serie de RTVE Los Pilares del Tiempo: https://www.rtve.es/television/20240530/como-consiguieron-romanos-destruir-montanas-medulas-para-extraer-oro/16123000.shtml.

Desfacendo o camiño ata o aparcadoiro de Orellán voltamos ao transporte, que nos levou ata Ourense (cunha parada técnica para poder tomar algo e ir aos aseos en Quiroga). Chegamos a Ourense ás 20:15 h. Foi unha xornada de convivencia moi completa, cunha actividade académica diferente pola mañá e visitas a varios lugares de interese pola tarde.