ConóceMe: comprende el medicamento/descubre al farmacéutico.

O luns 20 e o mércores 22 de xaneiro, 45 alumnas e alumnos de 4º de ESO de Bioloxía e Xeoloxía tiveron a ocasión de seguir a charla de Laura León Rodríguez e Lara Fernández Puga, na que foi a cuarta Xornada ConCiencia deste curso, primeira deste ano.

A actividade foi unha colaboración coa Sociedade Española de Farmacia Clínica Familiar e Comunitaria (SEFAC), que convidou ao centro a participar no proxecto de investigación ConóceMe: Comprende el medicamento/descubre al farmacéutico, dirixido a estudantes de cuarto da ESO e 1º de Bacharelato.

Este proxecto, que conta coa colaboración de Laboratorios Cinfa, pretende educar e formar á mocidade no correcto emprego dos medicamentos. O descoñecemento xeral do uso axeitado dos medicamentos é un problema que debe ser abordado desde unha idade temperá, como unha parte do proceso educativo, adaptado ás ferramentas educativas actuais. En opinión da SEFAC será crucial incorporar bos hábitos no autocoidado e adherencia aos tratamentos terapéuticos desde a adolescencia para conseguir un uso racional do medicamento a medio e longo prazo. O obxectivo do proxecto é contribuir a mellorar a educación da mocidade no emprego correcto dos medicamentos, adquirindo coñecementos e actitudes básicas para ese fin.

A actividade desenvolveuse en dúas sesións formativas apoiadas nunha serie de cuestionarios que o alumnado contestou empregando os seus dispositivos móbiles. As intervenciones leváronse a cabo na Aula Magna do centro. No desenvolvemento das intervencións educativas tivo prioridade a participación activa do alumnado, co obxectivo de adoptar actitudes e interiorizar coñecementos sobre o emprego axeitado dos medicamentos. Laura facilitou ao alumnado envases vacíos e prospectos de medicamentos que se empregaron como parte práctica da actividade de aprendizaxe.

Logo de analizar os resultados e conclusións obtidas, a información resultante será entregada ao centro para a súa difusión entre alumnado e profesorado. O material educativo correspondente a ambas sesións pode consultarse en formato e-book na seguinte ligazón: https://www.conoceme3.com/ebook/#/

Agradecemos a Laura León Rodríguez e a Lara Fernández Puga a súa boa disposición, e agardamos poder seguir contando coa súa boa praxis, tanto como farmaceúticas como tamén no papel de poñentes nesta interesante actividade formativa.