KIRK.

O mércores 9 de outubro, arredor das 09:30 h, unha racha de vento asociada ao temporal provocado pola borrasca Kirk, sumado á debilidade do sistema radicular da pranta, fixo que o chopo branco, Populus alba, que daba a benvida á entrada sur da Ponte Vella, caera estrepitosamente sen causar máis danos materiais que os que se poden apreciar na valla perimetral do parque canino na data de publicación desta entrada.

Imaxe da zona na que se atopaba a árbore, tomada o 28 de novembro de 2024 antes da entrada matinal.

Este lamigueiro ou lamagueiro, da familia das Salicáceas, medrou con moitos dos membros da comunidade educativa do centro durante as pasadas décadas. . A estación meteorolóxica do centro captou o intre preciso no que as fortes rachas de vento axudaron a derribar a árbore.

No momento en que os operarios procedían a súa retirada, achegámonos ata eles para pedirlles unha sección do tronco, para poder preparala e amosala máis adiante no Museo de Ciencias do colexio. Moi amables, cando remataron deixaron a sección na entrada do centro; inmediatamente foi trasladada a un local axeitado para facilitar un secado lento, previo a preparación para o espazo museístico. Tamén collimos unha mostra das follas, que se prepararon para conservar en seco.

A continuación pode verse un breve audiovisual, capturado por unha das cámaras instaladas na fachada do centro, que recolle o momento exacto da caída da árbore.