POR QUE OURENSE TEN BURGAS?

O mércores 16 de outubro, entre as 11:45 e as 12:50 h, alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º ESO e de 1º BAC do centro tivo a oportunidade de seguir na Aula Magna a terceira Xornada ConCiencia deste curso.

A actividade divulgativa, organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais, tivo como protagonista a Pedro Antonio Araujo Nespereira, Profesor Titular da Área de Xeodinámica e Decano da facultade de Ciencias do Campus de Ourense. Compartiu connosco a ponencia Por que Ourense ten Burgas?

O poñente está a participar en varios proxectos de investigación, como é o caso do FACTER, financiado pola Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

A charla forma parte das actividades formativas dirixidas ao alumnado, especialmente aos participantes no VI Congreso de Xoves Expertos, que se vai celebrar en Ponferrada o 14 de febreiro de 2025. Nese congreso o alumnado presentará os traballos sobre o obxectivo de desenvolvemento sustentable 11 (ODS 11: cidades e comunidades sostibles) que están a levar a cabo durante o primeiro trimestre do curso.

A presentación do poñente correu a cargo de Eduardo José González Clavijo, protagonista da primeira Xornada ConCiencia deste curso.

Pedro fixo unha breve introdución ao termalismo na Península Ibérica, en Galicia e na provincia de Ourense…

… para pasar a describir con detalle o fenómeno termal na cidade de Ourense.

Antes de contestar amablemente ás cuestións que lle presentaron, amosounos un breve audiovisual sobre a Facultade de Ciencias do Campus de Ourense e os tres graos que se poden cursar na mesma.

O pdf da presentación está dispoñible na carpeta Materiais Didácticos da páxina de inicio do blog.