CIDADES TERMAIS, SAUDABLES E SUSTENTABLES.

O luns 7 de outubro, entre as 11:45 e as 12:30 h, alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º ESO e de 1º BAC do centro tivo a oportunidade de seguir na Aula Magna a segunda Xornada ConCiencia deste curso.

A actividade divulgativa, organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais, tivo como protagonista a José Ángel Vázquez Barquero, Profesor das Facultades de Empresariais e Turismo, e Relacións Internacionais do Campus de Ourense. Compartiu connosco a ponencia Cidades termais, saudables e sustentables.

O poñente adoita publicar artigos de opinión, como os da escolma recollida a continuación, que serviron para preparar co alumnado o tema da ponencia nas sesións previas nas aulas.

José Ángel comezou a ponencia facendo unha reflexión sobre a contribución das cidades termais ao desenvolvemento dunha vida saudable e a sostibilidade mediambiental…

… para continuar falando de recursos termais e xeotérmicos, do aproveitamento racional dos mesmos e do estado de completo benestar físico, mental e social (definición de saúde da OMS).

O poñente fixo unha descrición detallada do emprego en cascada dos recursos xeotérmicos en Blue Lagoon (Islandia). Tamén falou dun proxecto de aldea xeotérmica en Kenia.

Para rematar a ponencia, José Ángel fixo partícipe ao alumnado dos casos das cidades termais de Bath (condado de Somerset, Reino Unido), Vichy (departamento de Allier, rexión de Auvernia-Ródano-Alpes, Francia) e Chaves (distrito de Vila-Real, rexión de Tras-os-Montes, comunidade intermunicipal Alto Támega, Portugal), pola súa trascendencia no traballo de investigación que presentou como tese doutoral o 21 de xullo de 2023.

O pdf da presentación está dispoñible na carpeta Materiais Didácticos da páxina de inicio do blog.