Miniviveiro de árbores autóctonas en 1º de ESO.

Este curso retomamos unha das nosas actividades “históricas”, o miniviveiro de árbores autóctonas.

23 de outubro, xerminación de landras en 1ºA.

Comezamos a actividade do mesmo xeito que levamos a cabo desde o curso 2014-2015. Nesta ocasión o alumnado de 1º de ESO participa activamente da proposta educativa do Seminario de Ciencias Experimentais, desenvolvendo todo o proceso que se recolle a continuación:

1.- Recolección de landras (ou outras sementes) no campo:

Este é un paso esencial, xa que as landras deben ter un grao elevado de calidade para que poidan xerminar. Para que esta selección sexa excelente débense seguir os seguintes pasos:

  • Primeiro debemos achegarnos a un espazo no que haxa árbores da especie que queiramos plantar (carballo, sobreira…). Algunhas destas especies atópanse mesmo nalgúns parques próximos ás nosas casas, polo que nos será moi doado colleitar o froito desexado. No caso das landras debemos coller as de maior tamaño, verdes, sobre finais de outubro ou comezos de novembro.
  • Despois teremos que introducir as landras nun recipiente cheo de auga. Isto valerá para facer unha proba vital do proceso de xerminación. Teremos que meter as landras unha a unha. A landra que se afunda será válida, mentres que se flota, non nos valerá. Se as landras están verdes o máis frecuente será que non floten.

25 de outubro, xerminación de landras en 1ºB.

2.- Iniciación do xerminado.

Sen ningunha dúbida esta é a parte máis importante de todo o proceso.

Para xerminar a semente hai moitos métodos, pero nós utilizaremos o seguinte:

Cóllese un bo anaco de algodón que se colocará na base do envase de iogur traído da casa. Teremos que asegurarnos de que cobre ben o envase e que teña un grosor bo (menor a un centímetro).

Despois introduciranse dúas landras dentro. É conveniente que estean tombadas.

Unha vez colocadas as landras, deberase poñer un algodón, máis ou menos do mesmo grosor e tamaño, para cubrilas.

A continuación haberá que humedecer o envase. Non fará falta botar unha gran cantidade de auga.  Terase que volver humedecer unha vez que estea seco.

30 de outubro, xerminación de landras en 1ºC.

3.- Plantar a semente.

Unha vez xerminada a landra débese plantar inmediatamente para así incrementar as posibilidades de vida futura. O mellor sitio para plantar a semente é o brick de leite.

Debemos botar terra enriquecida ata a metade do sementeiro. Despois faremos un pequeno foxo no medio para meter a pequena raíz na terra. Cando estea metida e a landra repousando cubriremos o sementeiro ata arriba. Repetirase este proceso con todas as landras xerminadas.

12 de decembro, plantación en 1ºB.

Á hora de regar sobrará con facelo en cada sementeiro unha vez por semana con moi pouca auga. Hai que perforar buracos nos lados. preto do fondo, para que a auga poida correr.

A landra botará raíz durante o inverno, e na primavera teremos un pequeno gromo verde.

18 de marzo.

No apartado de investigación, a proposta ao alumnado pasaba porque identificaran as especies silvestres autóctonas máis comúns da nosa contorna, empregando a aplicación Arbolapp (deseñada polo CSIC, e á que teñen acceso ao través dos seus dispositivos Chromebook). Esta ferramenta permite que o alumnado acade algún ou varios dos seguintes obxectivos:

– Comprender a importancia dos principais caracteres morfolóxicos das plantas para establecer unha clasificación.

– Identificar as distintas partes dunha folla, a súa disposición sobre as pólas e a súa variadísima morfoloxía.

– Identificar os distintos tipos e clases de froitos.

– Familiarizarse coa identificación de especies, mediante o emprego de búsquedas de Arbolapp.

– Aprender sobre a biodiversidade de árbores da nosa contorna.

Entrega dos carballos: 19 de abril en 1ºB e 8 de maio en 1ºC.

Chamamos a esta actividade “Quen é quen-botánico?” Como a época do ano non permite a identificación pola folla en moitas especies, estamos a empregar distintos documentos que facilitan a consecución dos obxectivos entre o alumnado, mellorando a capacidade de identificación visual, o que lles permite sacar o máximo rendemento á aplicación Arbolapp, empregando os dous tipos de busca posibles que pon a súa disposición a aplicación: guiada (dicotómica) e aberta.

A aplicación Arbolapp permítenos seguir traballando no segundo e terceiro trimestre tanto nos xardíns do centro como durante os roteiros didácticos polo sendeiro periurbano. Asemade, a actividade ten continuidade nos vindeiros cursos facendo posible o uso de ferramentas cada vez máis específicas, como claves dicotómicas de maior complexidade (pódese consultar a que está dispoñible na sección Materiais Didácticos do noso blog).