Xeolodía Lugo 2024.

O sábado 11 de maio levouse a cabo o Xeolodía de Lugo 2024, unha iniciativa a nivel estatal da S.G.E. (Sociedade Geológica de España) en colaboración con outras entidades. Varios docentes do centro participaron na mesma, na contorna da localidade de Vieiro, ao sur de Viveiro.

A responsable da actividade foi Irene Pérez Cáceres, que levou aos participantes por unha ruta de 4 km co obxectivo de dar a coñecer as Minas de A Silvarosa, patrimonio xeomineiro de Viveiro. Estivo acompañada por Eduardo José González Clavijo, coordinador estatal dos xeolodías, e por Noa Pardo.

Os asistentes ao percorrido da mañá (habería outro similar ás 16 h) reunímonos pouco antes das 10 h á beira do Mesón O Filón. Os organizadores deron unha breve charla de benvida, repartiron guías da actividade e lembraron as normas do xeolodía.

O percorrido, cara o oeste, ascendía cunha forte pendente, seguindo a estrada da beira esquerda do Rego da Silvarosa.

Na primeira parada, e logo do paso do coche da CRTVG, Irene fixo unha breve introdución do contexto xeolóxico da contorna, comezando no Ordovícico (daquela, hai 470 millóns de anos, toda a zona era un océano pouco profundo na marxe dun gran continente, no que se depositaron sedimentos como arxilas, limos e areas pola acción dos axentes xeolóxicos externos), seguindo pola formación de Panxea (hai 260 millóns de anos) para rematar coa Oroxenia Varisca. A presenza de ferro en Vieiro débese a materia orgánica procedente das primeiras plantas subaéreas do planeta. Ese ferro enriquecía os sedimentos arrastrados ata aquel océano pouco profundo do Ordovícico.

O aumento da temperatura e a presión durante a Oroxenia Varisca transformaron eses minerais en magnetita (óxidos de ferro, Fe3O4), que era o que se explotaba na mina de A Silvarosa, xunto con outros minerais asociados en concentracións menores. A magnetita preséntase como un mineral escuro, duro e quebradizo, de cristais relativamente grandes, de ata varios mm de Ø. Distínguese por ser atraída por un imán. Este mineral concéntrase en A Silvarosa en dúas capas verticais de dirección norte sur, unha duns 5 m e outra de 30 m de espesor, dando lugar ao que foi un dos xacementos de ferro máis importante de Galicia.

Fixemos a segunda parada no depósito Federico (este depósito toma o seu nome do enxeñeiro alemán Federic Staaden, que traballou na explotación). A mina de A Silvarosa entrou en funcionamento en 1899, e a meirande parte da producción adicábase á exportación tendo como destino os altos fornos de Alemania (os vascos, moito máis preto, non querían este material pola elevada concentración de xofre). Chegou a ter preto de 500 traballadores, e pasou por mans de diferentes propietarios: The Viveiro Iron Ore Cº Limited, de capital alemán, entre 1899 e a WWI; Horacio Echevarrieta, entre as dúas WW; Empresa Nacional Siderúrgica, S.A. (ENSIDESA), empresa pública dependente do Instituto Nacional de Industria do estado español, de 1950 ata o peche, en 1966.

Desde este punto o mineral subía por varios cables aéreos (teleféricos de carga proxectados polo enxeñeiro alemán Federic Cloos) á parte alta da mina, e tras varios codos enviábase por medio dun cable aéreo de 5 km ata A Ínsua, na ría de Viveiro, onde se cargaba en barcos con destino a Alemania.

A terceira parada foi diante da galería Federico, unha curva máis arriba. A Comunidade de Montes de Vieiro tiña preparada auga fresca e mazás, para avituallamento dos participantes.

Empregando láminas e ilustracións, Eduardo explicou como se accedía ao mineral e como se drenaba a auga dos niveis freáticos.

Outra curva máis e chegamos á seguinte parada, no Polvorín. Trátase dun pequeno almacén excavado na montaña, revocado de cemento e provisto de ventilación, para gardar os explosivos. Na entrada, unha pequeña caseta na que se gardaban os detonadores. Desde a porta de acceso ao polvorín pódese ver o musgo fluorescente Schistotega pennata, coñecido como ouro de duende, frecuente nalgunhas minas e covas.

Logo de ascender por unas escaleiras ben traballadas en lousa chegamos a Chopin. O nome ven da afición do enxeñeiro Staaden pola música. Aquí hai un depósito aínda maior que o de Federico, e se conserva parte da tecnoloxía que permitía equilibrar o cable aéreo (como os contrapesos).

O túnel mineiro da acceso a unha zona boscosa que realmente é unha zona transformada, antrópica, de derribes.

Un edificio alto é o que queda da última machacadora que houbo na mina. Nesta zona había tamén comedor, duchas, obradoiros de carpintería e forxas. Nas listerías controlábase aos traballadores que estaban dentro das galerías, para evitar accidentes e poder pagar os salarios segundo os xornais traballados.

Na parte máis alta do roteiro pode observarse unha panorámica da ría de Viveiro. As galerías de arrastre non seguían a capa de ferro, excavábanse uns metros á dereita destas, e cada 50 m facíase unha transversal que chegaba á capa de ferro. Daquí sacábase o mineral en quendas de 3 m de altura, empregándose os materiais de entullo para encher a galería e garantir que non se derrumbara. Ascendían otros 3 m e así ata os sete niveis que se chegaron a explotar.

Ao remate da mañá, os xeólogos acompañaron ao grupo ata o punto de inicio, pechando a marcha. Unha xornada divulgativa do máximo interese, para coñecer un pouco máis sobre esta comarca e sobre a minaría do ferro en Viveiro e en Galicia.