X Roteiro didáctico ambiental por Parada de Sil.

O luns 29 de abril, alumnado de 3º de ESO acompañado por Iván (titor de 3ºA e docente de Tecnoloxía, coordinador da actividade), Emma (titora de 3ºB e docente de Matemáticas) e Mariluz (titora de 3ºC e docente de Francés) levou a cabo un roteiro didáctico ambiental polo Concello de Parada de Sil. Os Seminarios de Ciencias Experimentais, Tecnoloxía e E.P.V.A. levan organizando esta actividade desde o ano 2012, e salvo nas edicións do 2016, 2020 e 2021, o alumnado deste curso de ensino secundario obrigatorio tivo sempre a oportunidade de participar nesta xornada que combina á perfección natureza e patrimonio, axudando a descubrir os valores ambientais e culturais desta zona da provincia de Ourense.ou

A primeira parada, logo de algo menos dunha hora no transporte, foi no Museo do Chocolate de Teimende, onde descubriron o traballo da familia Casares entre os anos 30 e os anos 80 do pasado século. Explicáronlle ao alumnado o funcionamento dalgunhas máquinas e o tratamento que se lle daba aos distintos ingredientes do chocolate; asemade, escoitaron un breve resumo da historia da empresa, vencellada ao comercio de ultramar.

A continuación visitaron o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas do Sil, un dos enclaves singulares da Ribeira Sacra. A súa orixe data de ben cedo, nos asentamentos de eremitas que se refuxiaban nas beiras do Sil, para levar unha vida de meditación e oración. As primeiras referencias escritas datan de finais do século X. Foi un dos máis importantes mosteiros da Ribeira Sacra durante a idade media, pero coa reforma monástica do século XV deixou de tratarse como abadía, pasando a ser priorado do Mosteiro de Santo Estevo a comezos do XVI. Coa Desamortización convertiuse nunha propiedade de particulares e adicouse a granxa de labor.

O percorrido continuou cunha parada no Miradoiro do Castro, cunhas vistas panorámicas de impresión.

O transporte seguiu ata o acceso ao Miradoiro de Torgás (tamén coñecido como Balcóns de Madrid), parando para ver o Pozo do Lobo, unha construcción doutra época que, xunto cos foxos do lobo, se empregaba para dar caza a estes animais antes da aparición das armas de lume. No miradoiro, no límite provincial, desfrutaron das vistas ao espectacular canón do Sil e á beira lucense, abarcando boa parte do concello de Sober.

De volta percorreron un tramo do Sendeiro de Carriozas. Entre castiñeiros, Castanea sativa, e carballos, Quercus robur e Quercus pyrenaica, esta senda tradicional comunica o miradoiro coa vila de Parada.

Logo do xantar desprazáronse cara o leste, ao Canón do Río Mao, concretamente ata a Fábrica da Luz, unha antiga instalación para a producción de enerxía eléctrica situada preto do límite dos concellos de Parada e A Teixeira. Por ese límite discurre o río Mao, labrando un imponente canón fluvial. O Concello de Parada deseñou un sendeiro (o PR-G 177) e construiu unha pasarela peonil de madeira pola beira esquerda do canón, bordeando socalcos empregados hai tempo para o cultivo. Desde a pasarela pódese desfrutar dunha contorna espectacular. O alumnado percorreu a pasarela peonil seguindo con atención a información sobre a flora e a fauna dispoñible por todo o percorrido, presentada en paneis divulgativos hábilmente integrados na contorna. Ao chegar preto de Barxacova, ao carón da desembocadura do Mao no Sil, voltaron pola mesma pasarela.

Desde os Seminarios de Ciencias Experimentais, de Tecnoloxía e de E.P.V.A. queremos agradecer a boa disposición do Concello de Parada de Sil, que ano tras ano facilita a organización e desenvolvemento deste roteiro didáctico ambiental.