I Roteiro didáctico ambiental por Sandiás.

O venres 3 de maio, 18 alumnas e alumnos de 4º de ESO (5 mozos de 24 de 4ºA; 2 mozas e 4 mozos de 29 de 4ºB; 1 moza e 6 mozos de 25 de 4ºC) acompañados por Quique (docente de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO, coordinador do programa ambiental NaturezAula) achegáronse ata Sandiás para levar a cabo un roteiro didáctico ambiental por ese concello. O Seminario de Xeografía e Historia e o Seminario de Ciencias Experimentais traballaron xuntos para organizar esta actividade, que combina á perfección natureza e patrimonio, permitindo que o alumnado descubra os valores ambientais e culturais desta zona da provincia de Ourense.

O destino, logo de algo máis de media hora no transporte, foi o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, en Sandiás, onde agardaba Pepe, docente de Xeografía e Historia de 4º de ESO no noso colexio. Entre as 09:30 e as 10:50 visitamos a exposición permanente, e Alexander de los Ríos Conde, licenciado en Xeografía e Historia e Máster en Historia, Territorio e Patrimonio, faloulle ao alumnado das fotografías, publicacións, material exposto…

A  lagoa de Antela situábase a 615 metros de altitude, e presentaba un perímetro duns 35 km. En total ocupaba uns 42 km², chegando nalgunhas zonas aos 6 km de ancho e 7 km de longo. En épocas de enchente acadaba ata os 3 m de profundidade en certas pozas. Ubicada entre os concellos de Xinzo da Limia, Sandiás, Sarreaus, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e A Porqueira, tamén era coñecida como Lago de Beón (do bión ou xunco da lagoa, Scirpus lacustris, usado para berce do gando, e do que derivan os terróns de bión, empregados en moitas construccións tradicionais da comarca). Antela é diminutivo de anta, o que fai pensar na anterior existencia no lugar de antas (pedras empregadas tanto en monumentos megalíticos como nos peches das fincas).

Sen sair do edificio, visionamos un audiovisual sobre diversos aspectos da Lagoa de Antela. Ao rematar, percorrimos varias salas da planta baixa e subimos a planta superior do centro para continuar a visita. Logo, un descanso de tres cuartos de hora, para repoñer forzas antes de seguir.

O transporte levounos ata a areeira Salvador, onde o propietario nos amosou a maquinaria en funcionamento e Pepe explicou o proceso extractivo.

Salvador atendeu amablemente todas as preguntas que fixemos e convidou ao alumnado a subir a pala, como se ve nas seguintes secuencias fotográficas.

O alumnado probou os prismáticos na procura de aves presentes na charca de extracción.

Visitamos outra areeira, desta vez abandonada, na que vimos un nutrido grupo de anduriñas das barreiras, Riparia riparia, que realizaba xiros imposibles para alimentarse das nubes de mosquitos.

Logo achegámonos co transporte ata un dos miradoiros ornitolóxicos, construido con terróns de bión, como os que nos amosaran no Centro de Interpretación.

De volta ao Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, en Sandiás, Pepe amosounos varias presentacións sobre a xeomorfoloxía, a ocupación do espazo, o trazado da Vía Nova, a concentración parcelaria… para rematar falando brevemente dos proxectos máis destacados que se están a levar a cabo neste singular espazo.

Os Seminarios de Xeografía e Historia e Ciencias Experimentais queremos agradecer a boa disposición do Concello de Sandiás, que facilitou a organización e desenvolvemento deste roteiro didáctico ambiental.