En Salesianos Ourense adentrámonos, xa no curso pasado, neste incrible mundo dos proxectos Erasmus+. Comezamos coa formación do equipo de internacionalización e dimos os primeiros pasos familiarizándonos con toda esta terminoloxía: acreditacións, KA121, KA122… entre outras. Este curso temos participado como socios en dous proxectos con colexios alemáns e italianos, e acollimos ao alumnado e profesorado deses países.
O primeiro proxecto é un intercambio escolar co colexio Landesgymnasium Sankt Afra en Meißen, Alemania. Alumnado dese centro, xunto con dous profesores, pasou unha semana de novembro de 2023 en Ourense, participando da actividade escolar e acollidos polo noso alumnado e as súas familias. Durante esa semana, o alumnado traballou en diferentes materias na aula, mellorando a gramática e pronunciación do español, e amosando interese polo galego, a lingua cooficial. Participaron activamente nas actividades programadas nas aulas de 1° e 2° de bacharelato, amosando o seu dominio do idioma e o coñecemento das materias tratadas. Asemade, foron quen de participar en traballos de grupo e presentacións cos seus compañeiros nas aulas. Eses traballos teñen servido de aprendizaxe para todo o alumnado involucrado (alemán e español).
Por outra banda, tiveron a oportunidade de coñecer diferentes lugares da nosa comunidade autónoma, como Santiago de Compostela, a Ribeira Sacra e Allariz, empapándose así da nosa arquitectura, natureza, gastronomía e cultura.
O segundo proxecto denomínase “PEPE Project”. Este proxecto, que vai durar dous anos académicos, implica levar a cabo un proceso de investigación sobre diversas fontes de enerxía renovable. Dez alumnos e alumnas, alemáns e italianos (cinco de cada país) pasaron unha semana de abril de 2024 no noso centro, colaborando con trece dos nosos alumnos/as neste proxecto Erasmus+. O colexio de Ourense é a primeira das estancias programadas en tres países; o vindeiro curso visitaremos Italia e Alemania.
No centro, o alumnado traballou en grupos, integrados en todo momento por membros de todos os países implicados. As actividades centráronse na investigación, recopilación de datos, lexislación aplicable nos distintos países e a nivel europeo, así como nas perspectivas de futuro e eficiencia de cada unha das enerxías estudadas. Tamén levaron a cabo diversas visitas de interese para a súa investigación (visitaron dous grupos de investigación da Universidade de Vigo: o EphysLab e o CheTe). Puideron seguir as investigacións actuais en enerxía eólica mariña, enerxía undimotriz, enerxía xeotérmica, aerotermia e biocombustibles. Asemade, exploraron o sector empresarial con visitas a GRI, que constrúe torres eólicas, e a KASAKA, onde tiveron detalle da montaxe de sistemas de aerotermia e xeotermia. Finalmente, visitaron Magallanes Renovables, onde lles explicaron as plataformas que constrúen para a enerxía mareomotriz.
ALGUNHAS OPINIÓNS DO ALUMNADO PARTICIPANTE NOS PROXECTOS:
Milan (17 anos, Alemania): hai pouco máis dun ano contactei por primeira vez con Salesianos Ourense para realizar un posible intercambio, dentro dun proxecto conxunto Erasmus+, e uns meses máis tarde a decisión estaba tomada: En novembro marchamos a España! Logo dunha longa viaxe, fumos recibidos calurosamente polas nosas familias de intercambio. Alí decatámonos do que significa a hospitalidade española e experimentamos de primeira man como é vivir nunha casa española. Ao día seguinte visitamos o colexio de Salesianos Ourense. Repartíronnos en varias aulas e aprendimos como é estar nunha escola española. Fixemos excursións, participamos nas clases e coñecimos as cidades de Ourense e Santiago de Compostela. Gañamos novas experiencias, fixemos novos amigos, familiarizámonos co idioma e a cultura e, por suposto, probamos a comida española. A semana foi incriblemente entretida e foi moi divertido coñeceros. Agardamos poder vernos pronto no noso colexio en Alemania!
Clara (17 anos, Alemania): o meu nome é Clara e son estudante de Alemania. Na compaña doutros estudantes pasamos unha semana en Ourense o pasado mes de novembro. Para mín, a semana foi unha experiencia de tres culturas e idiomas: Alemán, español e galego. E todos experimentamos e aprendemos sobre estes tres aspectos: a magnífica hospitalidade das familias de acollida, a beleza da catedral de Santiago de Compostela e as peculiaridades da lingua galega. Foron días abrumadores, pero maravillosos. O intercambio escolar permitiume coñecer un pouco de España e da súa cultura moito mellor que coas miñas clases en Alemania. E a lingua española tamén me pareceu moito máis real en Ourense. En definitiva, aprendín moito nesta semana e estou desexando poder amosar España a Alemania.
Saga (14 anos, España): formar parte do “PEPE Project” é unha das mellores cousas que me ten pasado este curso. Poder traballar con enerxías renovables, visitar empresas e universidades que se adican a esto, pero sobre todo, poder colaborar con outros alumnos, alemáns e italianos, fai que sexa unha experiencia única e moi estimulante. Comprobei que a moitos km de aquí hai mozas e mozos coas mesmas inquietudes e os mesmos soños ca mín. Encántame poder traballar en equipos formados por tres nacionalidades, empregando máis nada que o inglés. Grazas a este proxecto Erasmus+ estou a vivir unha experiencia que doutro xeito sería imposible.
Lucía (14 anos, España): este tipo de actividade, penso que é unha experiencia que todo o mundo debe vivir. Viaxar polo mundo, sumar novas experiencias, coñecer xente nova e reforzar a túa amizade sobre aquela que xa coñeces, desenvolver as túas capacidades e exprimilas ao máximo, practicar diferentes idiomas (sobre todo o inglés), traballar en equipo, e o máis importante, non marchar a durmir sen ter aprendido algo novo cada día. Todo esto e máis é a esencia do “PEPE Project”. Estas cualidades as temos desenvolvido en numerosas actividades: levando a cabo visitas e escoitando charlas sobre as enerxías renovables, traballando en grupos sobre este tema, acollendo a un chico/a na nosa casa (ao que sempre se lle acaba collendo moito cariño), quedando fóra do ámbito educativo con todos os integrantes do proyecto…En conclusión, o “PEPE Project” e outro tipo de actividades Erasmus son do máis recomendable se queres ter lembranzas inesquecibles.
Antón (14 anos, España): desde que comezamos no proxecto Erasmus notei que o inglés que tiña aprendido non me servía moito, pero a medida que pasaron os días collín costume de falar en inglés e desenvolver as palabras.