CONTAMINACIÓN ATMOSFÉRICA E CALIDADE DO AR NA CONTORNA DOS CENTROS ESCOLARES.

O luns 5 de febreiro, entre as 16:00 e as 17:40 h, o alumnado de 3º ESO do centro tivo a oportunidade de seguir na Aula Magna a sexta Xornada ConCiencia deste curso. A actividade divulgativa, organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais do centro en colaboración con Ecoloxistas en Acción, tivo como protagonista a Ana Díaz Freiría, que compartiu connosco o obradoiro Contaminación atmosférica e calidade do ar na contorna dos centros escolares.

Pola mañá, coa colaboración de alumnado de 3ºA de ESO, Ana instalou no vestíbulo da secretaría do centro a exposición que acompaña á charla. A comunidade educativa do CPR Plurilingüe María Auxiliadora de Ourense pode desfrutar da mesma entre o luns 5 e o venres 16 de febreiro.

Esta exposición itinerante consta de nove paneis, nos que se recolle o dereito de toda persoa a respirar ar limpo. É preciso lembrar que a contaminación atmosférica afecta especialmente a nenas e nenos, mozas e mozos, xente de avanzada idade, mulleres en estado de xestación e persoas que padecen enfermidades respiratorias e cardiovasculares.

Para facilitar a xestión das visitas elaborouse un calendario para que cadaquén anotara os grupos-aula cos que tiña intención de achegarse ata a montaxe.

A poñente deseñou a charla do luns 5 seguindo un modelo de obradoiro interactivo, con propostas de preguntas ao alumnado, repartido por grupos de catro ou cinco persoas. Logo dun breve cuestionario previo á exposición dos contidos da charla, Ana presentou unha manchea de preguntas. Tras unha breve reflexión a cada cuestión, recollía as respostas e resolvía na presentación, para a continuación aclarar as dúbidas que ían xurdindo.

O pdf da ponencia está dispoñible na sección Materiais Didácticos/Xornadas ConCiencia deste blog: https://drive.google.com/file/d/1deO8DDL-kSGrmt9YZUAYHU7sh0k_SOmt/view?usp=drive_link.

As visitas con alumnado comezaron o martes 6, con 3ºA de ESO.

Ese mesmo día, antes do recreo, o alumnado de 4ºC de ESO achegouse ata o vestíbulo…

… e 4ºB de ESO visitou o mesmo espazo logo do descanso.

O mércores 7 foi o turno de 3ºB de ESO.

O venres 9 antes do recreo pasou o alumnado de 3ºC de ESO.

Parte do alumnado de 3º e 4º de ESO que visitou a exposición durante a primeira semana elaborou preguntas curtas tipo test, de tres opcións e de verdadeiro/falso, que foron recopiladas polo docente de Bioloxía e Xeoloxía.

A exposición marchará do centro o venres 16. O noso agradecemento a Ecoloxistas en Acción , especialmente a Ana Díaz Freiría e a Nancy Blanco, pola cesión deste interesante material divulgativo. Agardamos que servira para sensibilizar á comunidade educativa.