ASISTENCIA AO V CONGRESO DE JÓVENES EXPERTOS e ROTEIRO DIDÁCTICO AMBIENTAL POLO BIERZO.

O 16 de febreiro alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 1º de Bacharelato, acompañado por alumnado do Programa de Altas Capacidades (AACC) de 1º, 3º e 4º de ESO, participou nun itinerario que nos levou a Ponferrada e a súa contorna. Esta actividade complementaria, organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais, tiña entre outros obxectivos os seguintes:

– participar na quinta edición do Congreso de Jóvenes Expertos (de seguido CJE), organizado pola Fábrica da Luz (Museo da Enerxía de Ponferrada), o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a Universidade de León e a UNED.

– darlle a oportunidade ao alumnado de representar ao centro educativo e á cidade, presentando os seus traballos sobre o Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable (ODS) 5, sobre a igualdade de xénero, no CJE.

– pasar unha xornada lonxe da aula, compartindo experiencias con alumnado doutros centros e desfrutando dunha tarde ao ar libre, na contorna do castelo de Cornatel e do Monumento Natural de Las Médulas, no Bierzo.

A xuntanza dos participantes levouse a cabo no portón de aceso ao centro, á beira da N120, ás 06:00 h da mañá. Por diante quedaba unha longa xornada, dado que ás 8:30 estabamos citados para a entrega de acreditacións para o congreso, no edificio de servizos da Universidade de León, en Ponferrada. Toti, responsable do transporte (do que se fixo cargo a Concellería de Educación do Concello de Ourense, xestión que agradecemos especialmente a Stella Estrada), levounos todo o día dun sitio para outro.

O CJE comezou puntual. Os participantes (logo de recoller as súas acreditacións) e as autoridades foron ocupando os seus asentos…

… e Irene Abril Cabezas, especialista en Cosmoloxía e Astrofísica da Universidade de Cambridge, foi a encargada de levar a cabo a charla inaugural do congreso por videoconferencia. De orixe berciano, é Graduada en Física pola Universidade Complutense de Madrid e Máster de Estudos Avanzados en Astrofísica no Instituto de Astronomía da Universidade de Cambridge. Colabora a nivel internacional con inciativas para levar a cabo observacións máis precisas do inicio do Universo, e foi unha da poñentes na primeira edición en España do Soapbox Science, evento que tivo lugar na Fábrica da Luz (Museo da Enerxía de Ponferrada) en xuño do 2023.

De seguido comezaron as ponencias. No primeiro bloque, tres das once ponencias corresponderon a alumnado do noso centro.

Gabriela Vázquez Martínez e Lucia Guilera Schreck: “Papel de las mujeres en la ciencia”.

Lúa Domínguez Martínez e Javier Zon Paradela: “Un vistazo a la brecha de género”.

Diego Álvarez Represas e Manuel Orbán Sabucedo: “Lo más difícil de explicar es lo evidente”.

Ao remate das once ponencias os presentes tiveron a oportunidade de facer cuestións e aclaracións sobre os temas tratados. Mesmo algúns dos nosos representantes foron interpelados para comentar datos ou opinións presentes nas súas presentacións.

Antes de continuar co segundo bloque tivemos un merecido descanso, no que a organización agasallounos cun surtido almorzo.

A organización entregounos o diploma de Naiara, que non puido asistir o día 16.

Nese tempo tamén atendimos aos medios de comunicación.

No segundo bloque, tres das once ponencias restantes tamén lle corresponderon a alumnado do noso centro.

Lucía González Santos e Clara Sueiro Nespereira: “Problemática en los diagnósticos y tratamientos por el sesgo de género”.

Pablo Amaro Alonso e Lucas García Blanco: “¿Por qué ellas no?”.

Alba Pérez Almeida e Carla Viso González: “De hoy no pasa”.

Ao rematar o segundo bloque, os presentes tamén tiveron a oportunidade de facer cuestións e aclaracións sobre os temas tratados; desta vez algúns dos nosos representantes solicitaron a palabra para procurar unha aclaración dunha das ponencias.

Antes de rematar o CJE tivo lugar a entrega de diplomas e premios e a tradicional foto de grupo de todos os poñentes con docentes, autoridades e organizadores.

Podedes consultar a grabación íntegra do congreso, emitida en directo o 16 de febreiro. 

Para xantar desprazámonos no transporte ata o Castelo de Cornatel.  Queremos agradecer ao concello de Priaranza del Bierzo, e en particular a Mari, que nos facilitara a entrada e a visita ao castelo.

A Casa Colgada foi restaurada recentemente. Cara ao patio do castelo ofrece un pequeno muro, que agocha os accesos no lateral, descolgándose por entre as penas. No seu interior desprega un espazo aberto en tres alturas e unha galería volada cara o val.

Arredor das 15:30 h voltamos a coller o bus, que nos achegou ata o aparcadoiro de Orellán, desde onde camiñamos ata a galería e o miradoiro do mesmo nome.

Visitamos a galería de Orellán, grazas as xestións levadas a cabo con Ricardo, dado que non adoita estar aberta neste horario e nesta época do ano.

O xeólogo Eduardo José González Clavijo (investigador especializado en minaría romana) impartiu una maxistral miniclase sobre o terreo na que falou das distintas teorías existentes en relación ao modelo de explotación deste impresionante entorno: primeiro, a do Ruina montium ou cortas de minado, descrita por Cayo Plinio Segundo (coñecido como Plinio o Vello) e proposta por Sánchez Palencia nos anos 90 no III Congreso Nacional de Xeoloxía; logo, da proposta máis recente, a do debilitamento progresivo dos niveis arxilosos polo aporte forzado de auga.

Ruina montium ou cortas de minado (imaxes cedidas por Eduardo José González Clavijo).

Debilitamento dos niveis arxilosos polo aporte de auga (imaxes cedidas por Eduardo José González Clavijo).

A charla de Eduardo forma parte das xeocharlas organizadas pola Comisión Mulleres e Xeoloxía da Sociedade Xeolóxica de España.

Ao sair da galería pasamos un ratiño agradable no miradoiro, desfrutando da paisaxe e das indicacións de Eduardo. Se queredes saber máis convidámosvos a consultar o audiovisual do comunicador Isaac Moreno Gallo sobre minería romana, que podedes ver en https://www.rtve.es/play/videos/ingenieria-romana/mineria/5774118, especialmente entre os minutos 49:20 e 55:45.

Dando un curto paseo ascendimos pola senda perimetral da canle de Pena Escribida (cara o Campo da Braña, un antigo depósito que recollía a auga de varias canles), para achegarnos a un tramo de 15 metros excavado e posto en valor, o que permite observar a súa morfoloxía.

Desfacendo o camiño ata o aparcadoiro de Orellán voltamos ao transporte, que nos levou ata a vila de Las Médulas (última parada técnica para poder tomar algo e ir aos aseos no hotel Medulio). Ás 18:20 saimos cara Ourense, onde chegamos uns minutos pasadas as 20 h. Unha xornada de convivencia moi completa, cunha actividade académica diferente pola mañá e visitas a varios lugares de interese pola tarde.

Para rematar, axuntamos a valoración do alumnado participante: