UN ESPAZO PARA PRESERVAR AS NOSAS ESPECIES.

O 17 de xaneiro o Dr. Luis González Rodríguez, Catedrático de Bioloxía Vexetal da Universidade de Vigo, foi o poñente da terceira Xornada ConCiencia do curso 2023-2024, unha actividade que se levou a cabo entre a Aula Magna do centro e a contorna próxima ao mesmo, entre a ponte vella e a ponte nova.

O título da charla é o do eslogan deste curso do Programa de Educación Ambiental VOZ NATURA. Asistiu o alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º ESO e 1º BAC; estes últimos tiveron a oportunidade de sair do centro acompañando a Luis e aos docentes para poder ver in situ o que se comentou na Aula Magna, desta vez ao carón do río e durante as últimas horas de clase da mañá. Os coordinadores do Proxecto Ambiental NaturezAula queremos agradecerlle a Luis a colaboración continuada desde o ano 2013.

O profesor Gustavo Monroy González fixo a presentación do poñente na Aula Magna. A charla (o pdf da presentación está dispoñible na sección Materiais Didácticos/Xornadas ConCiencia deste mesmo blog: https://drive.google.com/file/d/1zN2pqudFd7o5XIeeTvV8Rx1mTeVZRuBs/view?usp=drive_link) estivo centrada na importancia de conservar a Biodiversidade, e en particular, o papel que xogan as especies vexetais exóticas invasoras no mantemento dese complicado equilibrio.

O experto levou a cabo unha breve explicación-introdución, comezando polo concepto de área bioxeográfica, para pasar deseguido ás diferenzas entre unha especie exótica, unha naturalizada e unha invasora, destacando cando se considera exótica e máis invasora. Empregou unha dinámica participativa, a través da choiva de ideas por parte do alumnado sobre eses conceptos e cunha manchea de exemplos para asentar as explicacións. Ao alumnado chamoulle a atención, entre outros, o exemplo do tomate como especie exótica pero non invasora.

Rematada a charla na Aula Magna saímos do centro co alumnado de 1º BAC e percorrimos arredor duns 500 m do sendeiro periurbano pola beira do Miño, facendo varias paradas de interpretación.

Na ribeira, outras das ideas presentadas polo poñente foron as do asentamento das especies vexetais exóticas invasoras en terreos degradados (estradas, movementos de terra, enchentas do río…) e a do río como vector de propágulos.

Luis e Eduardo, colaboradores do Proxecto Ambiental NaturezAula.

En apenas medio quilómetro atopamos unha manchea de especies vexetais exóticas invasoras: Ailanthus altissima, Acacia dealbata, Robinia pseudoacacia, Conyza bonariensis, Phitolacca americana, Eucalyptus globulus...

Ailanthus altissima está amplamente naturalizada en case todas as zonas non moi frías da Península Ibérica, sendo orixinaria de China, onde se cultiva por servir as súas follas para a alimentación dunha especie de gusano de seda, o da bolboreta Samia Cynthia.

Preparación entomolóxica de José Enrique Fernández Marcos.

Acacia dealbata é orixinaria de Australia e Tasmania, e sábese da súa introdución en España desde 1824. A especie plantouse como especie ornamental e para fixar noiros do camiño de ferro de Galicia ao longo do século XX. Axiña se espallou polo territorio, especialmente en zonas degradadas, montes queimados, na costa e nas zonas máis cálidas da comunidade autónoma, como O Ribeiro (onde as varas empregábanse para guiar as vides), tornándose unha especie moi invasiva e que supón un gran problema ecolóxico para a biodiversidade dos montes monoespecíficos. Atópase amplamente naturalizada, invadindo as partes baixas e medias de Galicia até unha altitude de 600 m, formando parte da paisaxe galega. Impide a rexeneración da vexetación natural alterada debido principalmente á súa facilidade para xermolar e regromar logo dos lumes, unido ao seu rápido crecemento. A súa erradicación é difícil e custosa.

A área bioxeográfica nativa de Eucalyptus globulus tamén é Australia e Tasmania, ademáis de parte de Indonesia, e a súa problemática é ben distinta, ao tratarse dunha especie forestal cultivada para aproveitamento da súa madeira, e non estar incluída no catálogo español de especies exóticas invasoras (https://www.miteco.gob.es/es/biodiversidad/temas/conservacion-de-especies/especies-exoticas-invasoras/ce_eei_flora.html), aínda que existe unha resolución do comité científico para a súa inclusión, recollida no CC 30/2017 (Solicitude de dictame sobre a posible inclusión de Eucalyptus camaldulensis, E. globulus, E. nitens e calquera outra especie do xénero Eucalyptus no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras regulado polo R.D. 630/2013, de 2 de agosto e remitida ao MAPAMA polo Alcalde do Concello de Teo, A Coruña).

Voltamos ao centro escolar arredor das 14 h, desfacendo o camiño pola ribeira esquerda do Miño, desfrutando das sorpresas da natureza. Neste caso unha garza real, Ardea cinerea, que pousou ao noso carón fuxindo dunha escaramuza aérea desigual con dúas gaivotas.