Esta exposición itinerante consta de seis paneis, nos que se recolle bioloxía, hábitats, alimentación, poboación na provincia de Ourense, múltiples datos dos censos levados a cabo, pasando por ameazas e dificultades como son a destrución de niños, colisión e electrocución en tendidos eléctricos, eólicos… e a proliferación da inxesta de residuos sólidos, gomas, microplásticos, así como a problemática das cordas de rafia que portan aos niños. Trátase dunha exposición que vai viaxar por toda a provincia de Ourense, (e tamén por outras partes de Galicia), polos núcleos máis activos con poboación da especie, para normalizar e conciliar a súa presenza, explicar os seus beneficios, ofrecer información á veciñanza e aos concellos ante calquera tipo de dúbida do asentamento de niños. Non podemos esquecer que a cegoña branca, Ciconia ciconia, atópase incluida en distintos convenios ou normativas que velan pola protección da fauna, como son o Catálogo Nacional de Especies Ameazadas e o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, figurando en ambos coa categoría de Interese Especial, e no Anexo I da Directiva Aves da Unión Europea. Asemade a Lei 8/2003, de 28 de outubro, da Flora e Fauna Silvestre, establece no art.7 «a prohibición de danar intencionadamente os niños de animais silvestres e inquietalos, sobre todo durante o período de reproducción».