APLICACIÓNS DA BIOTECNOLOXÍA E A ENXEÑARÍA AMBIENTAL.

O xoves 25 de xaneiro, entre as 12:30 e as 14:00 h, alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º ESO, 1º e 2º BAC do centro tivo a oportunidade de seguir na Aula Magna a quinta Xornada ConCiencia deste curso.

A actividade divulgativa, organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais do centro, tivo como protagonista a Francisco Omil Prieto, Catedrático do Departamento de Enxeñaría Química da USC, Biotecnoloxía Ambiental (BIOGROUP), Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS). Compartiu connosco a ponencia APLICACIÓNS DA BIOTECNOLOXÍA E A ENXEÑARÍA AMBIENTAL.

O profesor levou a cabo unha completa presentación sobre a situación da Biotecnoloxía e a Enxeñaría Ambiental no ámbito da nosa comunidade autónoma, destacando o papel da formación universitaria, un dos centros de interese para o alumnado presente na charla.

Francisco Omil explicou os tipos de Biotecnoloxía, relacionando os mesmos cos estudos universitarios e o amplo ábaco de posibilidades do alumnado á hora de tomar decisións no referente á orientación-formación profesional.

A presentación contaba con imaxes moi ilustrativas do tema que o catedrático estaba a expoñer. Algunhas facían referencia a episodios históricos, outras a personaxes destacados no ámbito da investigación en Galicia ou a empresas de referencia no sector.

Ao rematar a charla (o pdf da mesma está dispoñible na sección Materiais Didácticos/Xornadas ConCiencia deste mesmo blog: https://drive.google.com/file/d/1wUSNPoimyLeV5jS6MSvnOL_VzxBqqf0D/view?usp=drive_link) o poñente atendeu amablemente a todas as cuestións que lle fixeron.

Queremos agradecer a Francisco Omil o esforzo levado a cabo para compartir connosco esta experiencia didáctica.