III ROTEIRO DIDÁCTICO AMBIENTAL POLO XEOPARQUE MONTAÑAS DO COUREL.

O luns 20 de novembro, alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO participou nun itinerario polas Montañas do Courel. Esta actividade complementaria, organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais, tiña entre outros obxectivos os seguintes:

– achegarnos ao Xeoparque Montañas do Courel para descubrir a xeodiversidade do sur-leste da provincia de Lugo (ver : https://www.courelmountains.es/)

– darlle continuidade ás actividades levadas a cabo o 6 de outubro e o 9 de novembro, este mesmo trimestre. (ver: https://www.rtve.es/play/audios/caminantes/kilometros-biodiversidad-courel/7016661/).

– levar a cabo un itinerario pola Devesa da Rogueira, emblema do bosque atlántico galego e primeiro bosque en España en certificar a conservación da biodiversidade (ver: https://www.campogalego.es/la-devesa-da-rogueira-en-el-courel-primer-bosque-en-espana-en-certificar-la-conservacion-de-la-biodiversidad/).

A xuntanza dos participantes levouse a cabo ás 07:20 h no portón do colexio que da á N-120, onde nos recolleu Toti co transporte. Paramos en Quiroga para almorzar e visitamos o Museo Xeolóxico Municipal. Ramón Vila Anca foi o noso guía neste espectacular espazo museístico, acompañándonos nunha visita guiada polas distintas salas do museo. Queremos agradecer o esforzo a Moncho, que fixo posible que a visita chamara moi positivamente a atención do alumnado.

Arredor das 10 h continuamos cara A Seara, desfrutando da paisaxe desde a posición privilexiada no transporte. No alto de A Golada fixemos unha parada de interpretación do glaciarismo no Courel. Eduardo José González Clavijo, xeólogo, foi o encargado de explicarnos a xeomorfoloxía da zona.

Máis adiante, voltamos a baixar do transporte para aprender máis sobre os depósitos sedimentarios coñecidos como Till.

No val de Visuña, outras dúas paradas para amosarnos as rochas calizas e o relevo kárstico.

No Alto do Couto recibiunos un tempo moi favorable, e logo dunha breve charla á beira dos paneis didácticos, comezamos a andaina prevista ata as Fontes do Cervo (percorrido resaltado en verde). Como curiosidade, destacar que na contorna está a ser xestionada unha microrreserva de plantas, cun protagonismo especial para as orquídeas.

A ruta da Devesa da Rogueira é posiblemente a máis emblemática da Serra de O Courel. Con arredor de duascentas hectáreas de extensión, este bosque situado na falda norte do monte Formigueiros concentra unha gran parte das especies vexetais que medran na montaña lucense, polo que se trata dunha das reservas botánicas máis importantes de Galicia. Tamén alberga unha variada fauna: xabaril, Sus scrofa; lobo, Canis lupus; raposo, Vulpes vulpes; corzo, Capreolus capreolus; teixugo, Meles meles; donicela, Mustela nivalis; algaria, Genetta genetta; marta, Martes martes; lebre, Lepus europaeus; gato montés, Felis silvestris… Nos últimos anos destaca a presenza puntual do oso pardo, Ursus arctos. Polo seu excepcional valor ambiental, é unha das paraxes máis destacadas do Xeoparque Montañas do Courel.

As Fontes do Cervo son dous mananciais que brotan dunha parede rochosa, e a pesar de estar moi preto un do outro son de características diferentes: dun mana auga ferruxinosa e do outro auga calcárea. Son augas moi apreciadas polos veciños da contorna e se lles atribúe a virtude de espertar o apetito, polo que o manancial tamén recibe o nome de Fonte da Fame.

Logo de xantar descendimos desde as Fontes do Cervo; o camiño salva en menos de tres kilómetros unha forte pendente, desde os 1.400  ata os 750 metros de altitude (percorrido resaltado en amarelo).

Na parte máis alta deste bosque podemos observar múltiples especies vexetais: teixo, Taxus baccata; acivro, Ilex aquifolium; arandeira, Vaccinium myrtillus; cancereixo, Sorbus aucuparia; carballo, Quercus robur; pradairo, Acer pseudoplatanus; abeleira, Corylus avellana; bidueiro, Betula pubescens; freixo, Fraxinus excelsior; érbedo, Arbutus unedo… O camiño pasa máis adiante por un conxunto de faias, Fagus sylvatica, que ao estar en outono ofrece un variado cromatismo. Máis abaixo comezan a alternar os carballos, Quercus robur; as aciñeiras, Quercus ilex; os castiñeiros, Castanea sativa; e os rebolos ou cerquiños, Quercus pyrenaica.

Por todo o percorrido atopamos carteis informativos sobre aspectos destacados desta formación boscosa de incalculable valor. O itinerario remata na Aula de Natureza de Moreda de Abaixo.

Toti agardaba co transporte e achegounos ata Folgoso do Courel; outra vez, a posición privilexiada desde os asentos do bus permitía apreciar claramente as abundantes albarizas distribuidas polo fondo do val, asi como a terrible devastación do lume forestal de xullo de 2022.

Antes do lume.

22 de abril de 2023.

5 de novembro de 2023.

En Folgoso do Courel fixemos unha parada de 20 minutos. O alumnado tivo ocasión de visitar a Oficina de Información de Turismo e ir ao baño. Queremos agradecer ao Concello de Folgoso do Courel, e en particular a Marta Arza, técnico de turismo, as xestións levadas a cabo para facer posible que visitáramos a oficina e a exquisita atención ao alumnado e aos docentes.

Para rematar, de camiño de volta a Ourense, paramos no miradoiro do pregamento de Campodola-Leixazós, un dos referentes xeolóxicos do Xeoparque Montañas do Courel. Eduardo fixo unha descrición detallada da xeoloxía da contorna, e tivemos tempo para desfrutar da espectacular paisaxe e comprender a xeomorfoloxía destas montañas, aproveitando os paneis informativos, moi didácticos e visuais, cos que conta o miradoiro.