Visita de alumnado de 4º de ESO ao
Centro do Lobo Ibérico e a O Rexo.

O luns 25 de setembro alumnado de 4º de ESO (31 dos 46 matriculados en Bioloxía e Xeoloxía; 15 mozas e 16 mozos), acompañados por un docente e un salesiano (Amador Lama Tombo, ao que agradecemos a súa dispoñibilidade), tivo a oportunidade de visitar o Centro do Lobo Ibérico Félix Rodríguez de la Fuente, un complexo educativo ubicado nun monte de utilidade pública da localidade de Robledo de Sanabria, no concello de Pue­bla de Sanabria (máis información en: https://centro­dellobo.es/).

Conta cun Centro de Interpretación (un equipamento de 1.800 m², integrado na contorna, que responde a criterios de ecoeficiencia e que evoca e reinterpreta elementos patrimoniais asociados ao lobo) obra do ar­quitecto D. Leocadio Peláez. No seu deseño tivéronse en conta factores bioclimáticos, como o emprego de materiais propios da zona, a disposición semisoterrada do edificio para incrementar o seu illamento térmico, a existencia dunha cuberta vexetal ou a iluminación natu­ral ao través de lucernarios; asemade, emprega enerxías renovables.

Esperanza e Rubén, educadores do centro, recibíronnos e fixeron dous grupos, aos que guiaron polas instalacións.

Logo do visionado dun au­diovisual sobre o parto da loba Jara puidemos visitar a dotación expositiva coa que conta o centro. Consiste nun percorrido onde todos os aspectos relativos ao lobo ibérico se tratan desde o punto de vista da súa relación cos humanos, tendo en consideración que é unha das especies silvestres coa que mantivemos unha conviven­cia máis intensa ao longo da historia, xerando un enor­me patrimonio cultural, e a primeira en ser domesticada. Amosa de forma atractiva a súa importante pegada na cultura material e inmaterial da península Ibérica, a cobi­za por avanzar no coñecemento científico sobre a espe­cie e o resultado actual deste: unha relación entre lobos e persoas racional e obxectiva, plasmada en plans de con­servación e xestión, co obxectivo de garantir unha convi­vencia armónica entre ambos.

Cada un dos seus espazos ten unha estética propia, que fomenta a sorpresa: histó­rica-antropolóxica, bosque, choza-cociña na escuridade, laboratorio… Unha viaxe de descubrimento da especie ao través do seu territorio, e unha experiencia emocionan­te, reflexiva e artística, que permite desfrutar con todos os sentidos, empregando materiais locais, interactivos e manipulables, accesibles para todos os visitantes. Unha visión multidisciplinar, polifacética, variada, dado que así é a relación entre lobos e humanos: bioloxía, arqueoloxía, folclore, historia, xestión, ecoloxía, arquitectura, filoloxía, conservación, etc… Unha visión global e local: ofrecendo información global sobre a especie sen perder o atractivo e a singularidade da información local (toponimia, folclo­re, costumes, tradicións, etc…). Un achegamento ameno e atractivo á conservación e xestión do lobo en Castela e León, unha testemuña en favor da gandería extensiva e das actuacións para minimizar o impacto do lobo sobre as explotaciones gandeiras.

A continuación, Esperanza e Rubén guiáronnos pola contorna exterior do edificio, que conta con varios recintos valados, nos que conviven exemplares de lobo ibérico, Canis lupus signatus, en réxime de semiliberdade, que poden ser observados polos visitantes. Os recintos contan con vexetación natural, zonas de refuxio, charcas artificiais e un completo sistema de videovixiancia para garantir as condicións de benestar dos exemplares.

Para facilitar a observación dos lobos construíronse va­rias sendas peonís, algunhas adaptadas para o tránsito de persoas con mobilidade reducida, así como tres ob­servatorios elevados coa intención de que os exempla­res poidan ser observados sen que se vexan alteradas as súas pautas de comportamento natural. Para facilitar o seu avistamento algúns exemplares están socializados co home, polo que se conta cunha serie de espazos e instalacións auxiliares destinadas a tal fin: recintos de aclimatación, andadeiros de manexo, etc. Asemade, o centro conta cunha edificación específica para a unidade de manexo e control veterinario. Esta unidade dispón de distintas zonas de traballo, garante a atención veterina­ria e o benestar dos exemplares, e conta cun recinto de corentena e rehabilitación.

No observatorio de El Tenadón, no primeiro cercado, puidemos ver a Tomás, un dos coidadores da unidade de manexo e atención veterinaria do centro; ao tempo Alba, outra das coidadoras, quedaba connosco. Tomás mantivo unha amena charla co grupo, antes de pasar a ver o segundo cercado. Explicounos que parte dos lobos do centro naceron en catividade ou foron cedidos por distintas entidades. Todos estes están so­cializados e sometidos a atención veterinaria permanen­te por parte do personal especializado que se encarga da unidade de manexo e recuperación. Outros exemplares foron rescatados do medio natural, pero non son aptos para a súa vida en liberdade; estes animais, en principio, non están socializados co home e o seu manexo e avis­tamiento adoita ser máis complexo.

Dado que a unidade social dos lobos é o grupo familiar, moi xerarquizado e territorial, procúrase un coidado es­pecial en propiciar unha convivencia armónica entre os diferentes exemplares, evitando tensións e agresións físicas. Favorécese a existencia de parellas alfa ou domi­nantes, para evitar problemas ao tratar de adquirir este rango xerárquico, que conviven con tranquilidade con outros individuos de menor categoría social. O persoal da unidade de manexo do centro encárgase de avaliar a compatibilidade entre os exemplares e contribuir po­sitivamente á conformación das diferentes mandas. Asemade, fomentan a realización de exercicios de xeito periódico para manter aos lobos no mellor estado físico posible.

No segundo cercado voltamos a ver a Tomás alimen­tando e socializando co segundo dos grupos de lobos, formado por unha parella reprodutora e os seus tres des­cendentes, todos eles nados no centro.

Logo de subir preto de 150 chanzos visitamos o obser­vatorio do Penedo, onde agardaba Tomás, que comentou máis curiosidades sobre os animais e respostou a todas as cuestións que lle fixemos os visitantes. Queremos agradecer a Esperanza, Rubén, Alba e To­más a amabilidade e cercanía no trato co grupo, a súa vocación e a capacidade de comunicación e a labor de divulgación e educación ambiental.

Antes de marchar, parte do alumnado mercou algún recordo; ás 13:45 h xantamos no restaurante Mar Rojo, en Requejo de Sanabria.

A media tarde e seguindo o horario previsto chegamos a O Rexo, en Requeixo, Allariz. Héctor e Rosa recibíronnos no edificio que antes era a aula de educación ambiental, transformada nunha tenda e oficinas. A construción desta infraestrutura levouse a cabo seguindo criterios bioclimáticos, instalando enerxías renovables para un mellor aproveitamento dos recursos naturais na busca da coherencia co proxecto educativo.

Este equi­pamento da Fundación Ra­món González Ferreiro está situado na Reserva da Bios­fera Área de Allariz, e anteriormente presen­tábase como un recurso, medio de apoio e complemento aos programas escolares, asociacións e familias. Contaba cunhas instalacións (aula, granxa e queixería) acomodadas para desenvolver un proxecto educativo, que tiña como fin e obxectivo xeral pór en coñecemento e valorización iniciativas de desenvolvemento rural que axuden a preservar o medio natural.

Para explicar as actividades que levan a cabo Héctor fixo un breve percorrido pola historia desta iniciativa, así como da Reserva da Biosfera. De camiño á granxa pasamos á beira da charca do proxecto de preservación integral do fento acuático Marsilea quadrifolia, que no 2016 convertiu a Allariz no primeiro concello de España en formar parte do «Colectivo de Concellos pola Conservación do Patri­monio Xenético».

Visitamos a granxa de ovellas, onde Héctor describiu como se recolle o leite das mesmas. E na queixería tivemos ocasión de ver como é o proceso de elaboración do queixo.

Logo, no exterior, paseamos polo ecoespazo, intervención artística de Agustín Ibarrola, inaugurada a noite de San Xoán do 1999. Unha vez marchou Héctor, os participantes tiveron a oportunidade de mercar na tenda productos típicos da Reserva da Biosfera. Agradecemos a Héctor e a Rosa a súa dispoñibilidade.

Con esta visita rematamos unha xornada intensa lonxe das aulas, poñendo en práctica outro modelo de ensino-aprendizaxe; agradecemos a Toti, condutor de ALFER, que guiara con destreza o transporte que nos levou durante esta xornada, coa que iniciamos os roteiros didáctico ambientais do curso 2023-2024.