Visita ás Médulas das Borreas de Caldesiños e a Montefurado.

O sábado 21 de outubro pola mañá varios docentes participamos no Roteiro das Médulas das Borreas de Caldesiños, en Viana do Bolo, para continuar pola tarde en Montefurado.

O itinerario da mañá foi deseñado por Eduardo José González Clavijo (xeólogo coordinador dos xeolodías organizados pola Sociedade Xeolóxica de España, colaborador habitual das actividades de NaturezAula) en colaboración coa Cámara Oficial Mineira de Galicia, Minaría Sostible de Galicia, o Concello de Viana do Bolo e a Xunta de Galicia.

Pola tarde, incorporámonos ao percorrido proposto polo Xeoparque Montañas do Courel, guiado por Daniel Ballesteros, Brais Currás e Javier Sánchez-Palencia.

Os coordinadores da actividade da mañá repartiron uns libriños moi didácticos e visuais sobre o espazo que íamos percorrer.

O itinerario, artellado arredor de sete paradas de interpretación, foi moi ameno. Foron pouco máis de dúas horas as que pasamos no sitio.

Queremos agradecerlle a Irene Pérez Cáceres (xeóloga integrante da Comisión Mulleres e Xeoloxía da Sociedade Xeolóxica de España) que compartira as fotos tomadas nos miradoiros, así como a súa colaboración nas actividades de NaturezAula.

Logo de xantar en Viana do Bolo, desprazámonos ata Montefurado para incorporarnos ao itinerario da xornada Montañas do Courel, un Xeoparque de Ouro.

Os organizadores, que desprazaron dous microbuses desde Quiroga, fixeron unha primeira parada na localidade de Montefurado.

Logo, marchamos ata o miradoiro de Anguieiros. Desde ese punto voltamos a Ourense, facendo unha breve parada en Augas Mestas, onde o Lor desemboca no Sil. Nas imaxes pode apreciarse a cantidade de cinsa depositada nas beiras do encoro, arrastrada desde o Courel logo do devastador lume de xullo de 2022.