IV ROTEIRO DIDÁCTICO AMBIENTAL POLO MUSEO DE HISTORIA NATURAL DA SGHN, O MUNCYT E A FERVENZA DO TOXA.

O martes 28 de marzo, 24 alumnas e alumnos de 3º de ESO (10 de A, 13 de B e 2 de C), acompañados por dous docentes, participamos nun roteiro didáctico ambiental que nos levou a Ferrol, A Coruña e á Fervenza do Toxa, seguindo o rastro do Museo de Historia Natural da SGHN e do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía.

O Museo de Historia Natural da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) foi o primeiro destino do día. Este museo ten a súa colección distribuída nunha zona terrestre e outra marítima. A nosa guía, Berta, parou diante de moitas das mostras para explicar detalladamente contidos relacionados coas mesmas, aportando unha manchea de curiosidades científicas.

Berta explicounos con detalle o laborioso proceso levado a cabo para conservar o esqueleto da balea común (Balaenoptera physalus) de 18 m. O corpo desta balea apareceu, sen vida, na praia de Niño do Corvo (Ponteceso) o 19 de marzo de 2004. Durante varias xornadas un equipo humano de máis de 50 persoas, voluntarias/os da Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e da SGHN, e membros de Protección Civil do Concello de Ponteceso, levaron a cabo no propio lugar do varamento as biometrías, necropsia e despezamento.

Dous helicópteros trasladaron os restos ata o Porto de Santa Mariña de Brantuas, desde onde foron levados por estrada (coa axuda dun camión con pluma do Concello de Ponteceso) ata un monte cedido polo Concello de Ferrol, onde foron soterrados durante 26 meses. Pasado este tempo, a terra voltounos libres de boa parte da grasa e dos tecidos, pero aínda houbo que trasladalos ao museo, limpalos e custodialos ata a súa montaxe, recreando o momento en que a balea inicia a inmersión logo de coller aire.

Na zona marítima do museo hai outros esqueletos e maquetas de mamíferos mariños e tartarugas, e destacan as coleccións de cunchas (a conquilioloxía, do grego κογχύλιον, “conchita” e -λογία, “tratado”, é a parte da malacoloxía ou estudio dos moluscos que se encarga do estudio científico das cunchas).

No pasillo entre ambas zonas, entre outras especies, o alumnado tivo a oportunidade de ver unha lura xigante (Architeuthis dux). Algúns exemplares desta especie foron capturados accidentalmente por arrastreiros no “Caladoiro de Carrandi”, entre o canón submariño de Avilés e o de Lastres; nesa zona do Cantábrico a bacaladilla (Micromesistius poutassou) é unha das presas habituais destes cefalópodos, que a súa vez serven de alimento aos cifios e aos cachalotes (Physeter macrocephalus).

 

O exemplar exposto no Museo de Historia Natural de Ferrol apareceu morto no ano 2001 nunha praia do Concello de San Cosme de Barreiros (Lugo). Aquí tedes a ligazón á web da SGHN coa información da lura xigante: https://sghn.org/architeuthis-dux-steenstrup-1857/

Na zona terrestre do museo puidemos ver seccións vexetais de distintas árbores, mostras naturalizadas, niños de vespas… que nos aclararon bastantes dúbidas en relación a determinadas especies que non estamos afeitos a ver todos os días.

Na planta baixa do edificio visitamos a colección de minerais, destacando os do Xeoparque do Cabo Ortegal.

O luns 10 de abril La Voz de Galicia publicou a seguinte nova:

A segunda visita foi ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT), en A Coruña.

Esta institución, que colabora con Voz Natura, tenta achegar aspectos da ciencia e da tecnoloxía á sociedade. A visita polas distintas salas do museo sorprendeu ao alumnado, que se interesaba polos distintos temas e participaba activamente facendo preguntas e dando resposta a outras que se lle plantexaban.

Antes de marchar o alumnado participou nun obradoiro co título Nanomundo. O alumnado, logo dunha breve presentación, tentaba conseguir cápsulas empregando alginato de sodio, cloruro de calcio, auga e ácedo acético. Para rematar a actividade levábase a cabo unha comprobación visual do pH.

Logo de xantar e desfrutar de tempo libre na contorna do MUNCYT trasladámonos ata a parroquia de Pazos, en Bandeira. O bus quedou no aparcadoiro e, entre as 17 e as 18:15 h dimos un agradable paseo ata a base da Fervenza do Toxa, desfrutando da chegada da primavera.

A Fervenza do Río Toxa, última parada da xornada, é un fermoso espectáculo de auga, luz e son, formado por unha cascada considerada das máis altas de Galicia en caída libre. Forma parte dun espazo de alto valor paisaxístico integrado no sistema fluvial Ulla-Deza, e participa na Rede Natura 2000 como LIC (Lugar de Importancia Comunitaria).

A diversidade botánica da contorna foi aproveitada polos monxes dos cercanos mosteiros de Carboeiro e Camanzo para a súa farmacopea; trátase dun bosque atlántico moi ben conservado que tamén conta con especies de tipo mediterráneo, un lugar único e incomparable, unha das máis impoñentes imaxes da nosa comunidade autónoma pola súa singular beleza. Se a auga é vida, as fervenzas son a ledicia de vivir.

O Seminario de Ciencias Experimentais do centro, por medio do proxecto ambiental NaturezAula, organiza esta actividade complementaria da asignatura de Bioloxía e Xeoloxía de 3º de ESO, en colaboración coa SGHN e o MUNCYT.