Visita á E.D.A.R. de Ourense co alumnado de
Bioloxía e Xeoloxía de 1º de Bacharelato.

A tarde do luns 13 de marzo o alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 1º de Bacharelato, acompañado por dous dos docentes desta asignatura en ESO-BAC, tivo a oportunidade de visitar as instalacións da Estación Depuradora de Augas Residuais (E.D.A.R.) de Ourense, desprazándose ata a mesma en bus urbano (liña 5) e voltando ao centro no mesmo medio de transporte.

A visita formaba parte das actividades propostas por VIAQUA-Servizo Municipal de Augas para facilitar o acceso da cidadanía a esta infraestrutura, co obxectivo de concienciar á poboación sobre o consumo responsable de auga e as particulariedades da xestión sostible da mesma. O itinerario didáctico comezou visitando o edificio de control. José Ángel, supervisor da instalación, acompañounos durante todo o percorrido, explicándonos o funcionamento das distintas partes da infraestrutura.

Ao rematar a explicación levounos ao edificio de pretratamento, onde observamos de preto como se recepciona a auga que chega directamente da rede de saneamento da cidade.

Posteriormente pasamos á zona de decantación lamelar…

… e á de tratamento terciario.

Logo de visitar o laboratorio, rematamos a visita pasando polo edificio de proceso de fangos, dixestores e grupos de xestión de enerxía.

A visita, dunha hora de duración, entre as 16:15 e as 17:15 h, foi organizada polos docentes do Seminario de Ciencias Experimentais en colaboración con VIAQUA-Servizo Municipal de Augas. Queremos agradecerlle a María Micaela Sánchez García, xefa de planta, as xestións levadas a cabo para poder visitar esta moderna instalación, na que se está a innovar na xestión da auga incorporando procesos de última xeración; e a José Ángel, supervisor da planta, a amabilidade amosada co grupo, atendendo todas as dúbidas que xurdiron entre o alumnado e o profesorado.