Entre lobos.

O venres 17 de marzo, entre as 09:30 h e as 11:00 h, alumnado de 1º de ESO asistiu á charla de Marcos Rodríguez Pantoja (o neno lobo de Serra Morena) na Aula Magna do CPR Plurilingüe María Auxiliadora de Ourense. Nancy Blanco, coordinadora de Ecoloxistas en Acción Ourense, e Luis Herminio Amigo Estrada, coordinador da Aula de Natureza do Miño, foron os encargados de xestionar a visita de Marcos ao centro.

Marcos Rodríguez Pantoja visitou o noso centro nos cursos 15/16 e 16/17, no que daquela eran charlas didácticas de temática ambiental.

No ano 2018 estas charlas collerían o formato das Xornadas ConCiencia, unha metodoloxía activa que facilita a aprendizaxe e o acceso á cultura, una experiencia educativa para fomentar o desenvolvemento emocional e social dentro da aula. Esta iniciativa recibiu o segundo premio no IV Premio a Innovación Educativa concedido por Escolas Católicas Galicia/SM o 24 de febreiro de 2023. O director do centro, Lupicinio Peña Arenas, fixo referencia a este premio ao comezo do acto.

Durante as semanas previas á charla de Marcos o alumnado tivo a ocasión de visionar nas respectivas aulas a película Entrelobos, que narra a historia deste cordobés, esquecido dos seus conxéneres durante 12 anos nun val aillado da Serra Morena, hai máis de 60 anos. Durante a charla proxectáronse fragmentos escollidos do filme mentres Marcos lembraba como viviu eses momentos, cunha manchea de anécdotas que contar.

A grabación da charla está dispoñible na canle de youtube do centro.

Os docentes do Seminario de Ciencias Experimentais do centro, encargados de organizar a charla de Marcos, queremos agradecer a súa boa dispoñibilidade, e agardamos poder seguir contando con el para que lle conte a outras promocións a súa experiencia.