ASISTENCIA AO CONGRESO DE JÓVENES EXPERTOS e
ROTEIRO DIDÁCTICO AMBIENTAL POLO BIERZO.

O 14 de febreiro alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 1º de Bacharelato participou nun itinerario que nos levou a Ponferrada e a súa contorna. Esta actividade complementaria, organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais, tiña entre outros obxectivos os seguintes:

– participar na cuarta edición do Congreso de Jóvenes Expertos (de seguido CJE), organizado pola Fábrica da Luz (Museo da Enerxía de Ponferrada), o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a Universidade de León e a UNED.

– darlle a oportunidade ao alumnado de representar ao centro educativo e á cidade, presentando o seu traballo sobre o Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable (ODS) 12 (consumo responsable e sustentabilidade) no CJE.

– pasar unha xornada lonxe da aula, compartindo experiencias con alumnado doutros centros e desfrutando dunha tarde ao ar libre, na contorna do Monumento Natural de Las Médulas, no Bierzo.

A xuntanza dos participantes levouse a cabo no portón de aceso ao centro, á beira da N120, ás 6:15 h da mañá. Por diante quedaba unha longa xornada, dado que ás 8:30 estabamos citados para a entrega de acreditacións para o congreso, no Edificio de servizos da Universidade de León, en Ponferrada. Ángel Iglesias, a cargo do transporte, levounos todo o día dun sitio para outro.

O CJE comezou puntual, e seguiu o horario que podedes consultar a continuación.

Os participantes (logo de recoller as súas acreditacións) e as autoridades foron ocupando os seus asentos…

… e Eva Saldaña Buenache, Licenciada en Ciencias Biolóxicas (especialidade Ecoloxía) pola Universidade Autónoma de Madrid, especialista en Deseño para a Sustentabilidade e procesos de Facilitación e Liderazgo, Directora Executiva de Greenpeace España, foi a encargada de levar a cabo a charla inaugural do congreso de xeito telemático.

De seguido comezaron as ponencias…

… e ao remate do primeiro bloque (dez ponencias) os presentes tiveron a oportunidade de facer cuestións e aclaracións sobre os temas tratados.

Antes de continuar co segundo bloque tivemos un merecido descanso, no que a organización agasallounos cun surtido almorzo…

… mentres as autoridades atendían aos medios de comunicación.

Durante o segundo bloque (outras dez ponencias) o alumnado do noso centro tivo ocasión de presentar os seus traballos.

Ana e Sara Formoso Vidal: “Desperdicio alimentario: Como evitarlo de forma atractiva a través de las nuevas tecnologías”.

Presentación de Begoña Bouzo Rodríguez e Uxía Simón Rodríguez: “Energía nuclear limpia”.

Presentación de Iria Fernández González e Sara Pérez Feijoó: “Moda pasajera con huella permanente”.

A presentación do IES El Getares, de Algeciras (a cargo de Alexis Meléndez Calvente) foi a única dun Ciclo Formativo de Grao Superior, e levouse a cabo de xeito telemático.

Logo foi o turno da que remataría o congreso como ponencia técnica destacada.

Presentación de Iván Paredes Bóveda e Daniel Penas Lorenzo: “Pandemias como vía de mejora”.

Ao rematar o segundo bloque, os presentes tamén tiveron a oportunidade de facer cuestións e aclaracións sobre os temas tratados; mesmo algún dos nosos representantes foi interpelado para comentar algún dos datos ou opinións presentes na súa ponencia.

Antes de rematar o CJE tivo lugar a entrega de diplomas e premios e a tradicional foto de grupo de todos os poñentes con autoridades e organizadores.

Para xantar desprazámonos no transporte ata o Castelo de Cornatel.  Queremos agradecer ao concello de Priaranza del Bierzo, e en particular a Cristina, que nos facilitara a entrada e a visita ao castelo (os luns e os martes o castelo non adoita estar aberto ao público).

A Casa Colgada foi restaurada recentemente. Cara ao patio do castelo ofrece un pequeno muro, que agocha os accesos no lateral, descolgándose por entre as penas. No seu interior desprega un espazo aberto en tres alturas e unha galería volada cara o val.

De seguido podedes comparar o estado actual do castelo co que presentaba en 2009. Entre 2002 e 2003 leváronse a cabo importantes obras de consolidación e restauración, para poder abrilo ao público no 2006.

Agradecemos a Francisco Álvarez que cedera as súas fotos para presentalas nesta entrada. Podedes ver máis fotos súas en https://www.instagram.com/f.r.a.n.alvarez/.

A mesma comparativa podemos facela co lago de Carucedo, un lago de barreira ou aluvión pola súa singular formación, debido á explotación romana de Las Médulas.

Arredor das 15:30 saimos cara o aparcadoiro de Orellán, desde onde camiñamos ata a galería e o miradoiro do mesmo nome.

Visitamos a galería de Orellán, grazas as xestións levadas a cabo con Ricardo e Tere, dado que non adoita estar aberta neste horario e nesta época do ano.

O xeólogo Eduardo José González Clavijo (investigador especializado en minaría romana) impartiu una maxistral miniclase sobre o terreo na que falou das distintas teorías existentes en relación ao modelo de explotación deste impresionante entorno: primeiro, a do Ruina montium ou cortas de minado, descrita por Cayo Plinio Segundo (coñecido como Plinio o Vello) e proposta por Sánchez Palencia nos anos 90 no III Congreso Nacional de Xeoloxía; logo, da proposta máis recente, a do debilitamento progresivo dos niveis arxilosos polo aporte forzado de auga.

Ruina montium ou cortas de minado (imaxes cedidas por Eduardo José González Clavijo).

Debilitamento dos niveis arxilosos polo aporte de auga (imaxes cedidas por Eduardo José González Clavijo).

A charla de Eduardo forma parte das xeocharlas organizadas pola Comisión Mulleres e Xeoloxía da Sociedade Xeolóxica de España.

Ao sair da galería pasamos un ratiño agradable no miradoiro, desfrutando da paisaxe e das indicacións de Eduardo. Se queredes saber máis convidámosvos a consultar o audiovisual sobre minería romana que podedes ver en https://www.rtve.es/play/videos/ingenieria-romana/mineria/5774118/, especialmente entre os minutos 49:20 e 55:45.

Dando un agradable paseo descendimos polo souto de castiñeiros para adentrarnos nesta paraxe.

No percorrido polo interior deste espazo visitamos La Cuevona e La Encantada.

Desde o aparcadoiro da vila de Las Médulas, onde agardaba Ángel Iglesias co transporte, voltamos a Ourense. Unha xornada de convivencia moi completa, cunha actividade académica diferente pola mañá e visitas a varios lugares de interese pola tarde.