CAMBIO CLIMÁTICO: MITOS, LENDAS E CIENCIA.

O venres 13 de xaneiro alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO e de 1º de Bacharelato asistiu á conferencia do Dr. José Antonio Rodríguez Añón na Aula Magna do centro.

O poñente é coordinador do Máster en enerxías renovables, cambio climático e desenvolvemento sostible (MERYCSE), e pertence ao Grupo de Investigación NaFoMat (Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela).

O Programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a USC”, leva en funcionamento dunha forma estruturada desde o curso 2003-2004 e pretende dar a coñecer a oferta académica e o contexto investigador, social, cultural e espacial no que se desenvolven os estudos da Universidade de Santiago de Compostela, facendo de ponte entre o alumnado de Ensino Medio e a USC, para informar e orientar como futuros estudantes universitarios, e que sexan quen de escoller os estudos que máis se adapten ás súas preferencias.

A medida que o poñente avanzaba na exposición ía comentando cuestións como que é o clima, como o estudamos, se está a cambiar (e se é por motivos naturais e/ou de orixe antropoxénica), problemas potenciais e transversais deste cambio climático global, ou se existen solucións para remedialo.

Imaxes da presentación, cedidas polo Dr. José Antonio Rodríguez Añón.

A charla tiña como eixe principal os 10 «comentarios» máis habituais que día a día se están a manexar, desde o clima sempre cambiou, non é nada novo ata ou protexemos o clima ou mantemos o benestar.

Imaxes da presentación, cedidas polo Dr. José Antonio Rodríguez Añón.

O poñente tamén falou sobre o Panel Intergubernamental sobre Cambio Climático (IPCC no seu acrónimo en inglés) e as súas conclusións…

Imaxes da presentación, cedidas polo Dr. José Antonio Rodríguez Añón.

… para rematar a charla plantexando interrogantes e retos de cara ao futuro, animando ao alumnado a participar activamente con accións cotiás para facer fronte a este problema planetario.