PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL “ALEGRÍA”.

O mércores 14 de decembro alumnado de 3º e 4º de ESO e de 1º de Bacharelato asistiu á proxección do documento audiovisual “Alegría” no Salón de Actos do centro, na memoria do desastre ecolóxico provocado polo afundimento do petroleiro monocasco “Prestige” hai 20 anos.

A peza está coproducida por Ecologistas en Acción e a súa federación galega, Ecoloxistas en Acción, e dirixida por Luis Otero, da productora pontevedresa URCO Producións.

Nancy Blanco, coordinadora de Ecoloxistas en Acción Ourense, foi a encargada de presentar a película.

O título “Alegría” lembra o berro de guerra contra o chapapote que os voluntarios e voluntarias entoaban cando aparecía o cansanzo, unha exclamación popular que para a organización ecoloxista «voltou a dignidade ao pobo galego». No documental sinálanse as causas que desencadearon a maior marea negra da costa galega, lembrando que, ante a inacción das autoridades (os que daquela estaban ao mando non asumiron ningunha responsabilidade nin condena), foi a marea branca de solidariedade a que se enfrentou ao chapapote.

Na trama, Nerea, unha moza que asistira ao desastre como voluntaria na limpeza das costas (interpretada pola actriz pontevedresa Rocío Romero), está a traballar na elaboración dun documental sobre a traxedia, coa perspectiva do paso dos anos. Visita lugares e contacta coas persoas que participaron na loita por recuperar as costas e o seu medio de vida. Desde veciños, voluntarios ou mariñeiros ata as voces críticas da cultura que seguen facendo activismo para que este desastre non se repita ao través de «Nunca Máis». O audiovisual mistura o formato documental ficcionado con imaxes de arquivo e testemuñas.

As localizacións foron o maior reto para o equipo de producción, xa que procuraron situarse en cantís, praias e montes vencellados á traxedia, desde Cabo Silleiro ata Ortigueira, que reflexaban, co seu aillamento e dureza, a desconexión que marcou a Galicia nos meses posteriores ao afundimento do Prestige.

Con esta película dunha hora e media de duración queren lembrar que é preciso mellorar a coordinación de medios operativos permanentes e unidades de vixiancia marítima, así como aumentar a cantidade e calidade de inspeccións dos buques que transitan polas costas de Galicia e/ou atracan no seu litoral. Tamén queren insistir na necesidade de acabar coa dependencia do petróleo e establecer controis sobre as cargas altamente perigosas que navegan polas costas galegas (o caso de productos químicos como o cloro, que en caso de accidente podería provocar unha catástrofe ecolóxica aínda maior que a do Prestige).