ROTEIRO DIDÁCTICO AMBIENTAL POLO LESTE DO CONCELLO DE OURENSE.

O 17 de outubro alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO, acompañado por dous docentes, participou nun itinerario desde Velle ata o Parque Botánico de Montealegre. Esta actividade complementaria, organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais e polo Seminario de Educación Física, dentro do Programa de Educación Ambiental Voz Natura, tiña como obxectivo destacado achegarnos á parte leste do concello, nunha aproximación a bosques caducifolios, mediterráneos e de ribeira, atravesando zonas afectadas por lumes forestais, moi preto da chamada costa romana, totalmente empedrada, que en realidade é medieval (a primeira documentación que deixa constancia da súa existencia é do ano 1.153). Este camiño empedrado debeu ter un precedente máis antigo, que podería ser a vía romana que enlazaba o asentamento militar que deu lugar á actual cidade de Ourense coas vías que comunicaban coas actuais Braga e Astorga (según as citas de fontes documentais medievais).

Outro dos obxectivos da actividade pasaba por facilitarlle ao alumnado participante o recoñecemento e selección de distintas zonas do itinerario para que, por grupos de traballo, puideran desenvolver un estudio dun ecosistema en distintos momentos do curso (primeira avaliación: outono/inverno; terceira avaliación: primavera/verán).

A xuntanza dos 47 participantes e dous educadores levouse a cabo na rúa de Sabadelle, cruzamento Regoufe, entre as 08:30 e as 08:45 h.

Desde o punto de encontro, pasando pola Serra Mosteironda, chegamos a Santomé, desde onde continuamos por Castadón ata Ceboliño, para rematar en Montealegre, estando de volta no colexio ás 16 h. Pódese consultar a unidade didáctica entregada ao alumnado na sección Materiais didácticos deste blog.

Durante o percorrido pola Serra Mosteironda, empregando a unidade didáctica e outros recursos, como o ipad, comentamos aspectos relacionados co feismo, a flora e a fauna, así como os muros de pedra presentes no trazado. Os coordinadores da actividade queremos agradecer a Paco Sotelo, membro da Asociación Veciñal Santa Marta de Velle, que nos acompañara polo percorrido da Andaina Mosteironda o 22 de abril de 2017.

Puidemos apreciar a paisaxe, que neste día de brétema e choiva intermitente destacaba a orografía, en particular as dos tres vales que percorreríamos durante a xornada.

Acacia dealbata é unha planta leguminosa, exótica invasora (orixinaria de Australia, atopa en Galicia un clima semellante), introducida en Europa durante o século XIX polo seu interese como especie ornamental, debido sobre todo á súa beleza e ao aroma das súas flores. Extendeuse por Galicia seguindo os ríos, logo de comezar a empregala para a obtención de postes-guía para as vides e para fixar as trincheiras da vía do ferrocarril. Na actualidade, a comercialización das mimosas está prohibida por lei.

O alumnado participante e os docentes tivemos a oportunidade de ver as consecuencias do lume sobre a paisaxe. Esta zona, próxima a Mende, foi pasto das lapas a mediados de xullo de 2020, quedando calcinadas máis de 50 ha. de bosque mediterráneo maduro. O camiño principal da Serra Mosteironda, entre Regoufe e Tibiás, pasa polo epicentro dese lume, polo que fomos testemuñas, pasados dous anos, dos efectos do lume sobre a contorna, e da recuperación progresiva do ecosistema.

Empregando a unidade didáctica deseñada para a actividade o alumnado descubriu as distintas adaptacións das especies pirófitas, características deste tipo de bosque.

Antes de chegar a Tibiás collimos unha senda de pronunciada pendente que nos levou ata Santomé. Durante o descenso puidemos coller follas de plantas aromáticas e percibir a intensidade do seu cheiro.

Seguimos o noso percorrido non sen antes facer fotos do grupo en enclaves sinalados na contorna do castro e do encoro de Castadón.

Antes de iniciar a subida a Ceboliño paramos un intre á beira da central hidroeléctrica de Castadón (no río Loña, en Pereiro de Aguiar), que estivo en funcionamento (en réxime de concesión a Enel Green Power España, S.L.) ata 2018.

En Ceboliño fixemos un descanso para repoñer forzas. Queremos agradecer á Asociación Veciñal, e en particular ao veciño Arturo, que nos recibira e abrira o local social, onde tivemos oportunidade de falar un ratiño cos veciños e tomar un refrixerio. En Ceboliño atópase o único cartel informativo do noso proxecto que segue en pé e en boas condicións, grazas aos coidados e sensibilidade dos veciños do núcleo rural.

Continuamos cara o Parque Botánico de Montealegre, espazo natural de importancia para a cidade e os seus habitantes, por todo o que aporta á biodiversidade e ao lecer e defrute do tempo libre. Aproveitamos para seguir valorando a biodiversidade, nesta ocasión co cambio de val, destacando a presenza de carballos e cerquiños, o que manifestaba a adaptación climática deste xénero.

Fixemos o xantar ao abrigo das edificacións do Parque Botánico de Montealegre; foi o momento do día en que máis auga caía, dificultando o desenvolvemento das actividades previstas.

Logo do xantar comezamos o percorrido de descenso pola rúa Carrabouxo, a rúa Fonte dos Caños, a rúa da Canle e e rúa Emilia Pardo Bazán.

A aplicación do dispositivo móbil dun dos docentes recolleu os datos que se amosan a continuación.

Unha xornada moi ben valorada polos participantes, que terán ocasión de seguir traballando moitos contidos relacionados nas presentacións sobre ecosistemas que se levarán a cabo nas respectivas aulas do centro.