A BIODIVERSIDADE DO PARQUE NATURAL DE INVERNADEIRO.

Apuntes de Luis González, Catedrático de Bioloxía Vexetal da Universidade de Vigo*.

 

O relevo da Serra do Invernadeiro abondoso de corgas que desembocan nos dous ríos que cruzan o parque, Ribeira Grande e Ribeira Pequena, non nos permitiu ver o devastador efecto do incendio de Xullo do 2022 ata que, na primeira excursión, nos profundamos cara ao nacemento do Ribeira Grande. Foi tremendo o impacto que produciu en nós ver como se perdían por escorredura toneladas de solo ladeira abaixo e logo os ríos o levaban ata a cola do encoro das Portas. Arderon 7000 hectáreas, principalmente de mato de urce moura (Erica australis L.) e carqueixa (Pterospartum tridentatum (L.) Willk. in Willk. & Lange), unha parte do que quedaba das plantacións de piñeiros (Pinus sylvestris L.) e parte do bosque autóctono formado por bidueiros (Betula celtiberica Rothm. & Vasc.), acivros (Ilex aquifolium L., Sp. Pl.), carballos (Quercus robur L.), rebolos (Quercus pyrenaica Willd.) e, nalgúns casos incluso queimándose o bosque de ribeira formado principalmente por bidueiros e outras árbores como o capudre (Sorbus aucuparia L.), o salgueiro zao (Salix atrocinerea Brot.), o carballo, o acivro e o pradairo (Acer pseudoplatanus L.).

Os estudantes fixeron un traballo fotográfico interesante retratando as partes singulares destas árbores. A pesar de todo, resultou esperanzador observar como dos restos de vexetación queimada agromaba a urce moura, a carqueixa e o sanguiño, e como as cabras montesas aproveitaban estes brotes para comer, aparentemente alleas ao desastre.

En xeral, a vexetación estaba moi seca. Non se recordan temperaturas tan altas no final do verán e principios do outono como neste ano. Moitas das plantas xa non tiñan flores e houbo que facer botánica forense para conseguir recoñecelas. Menos mal que ao chegar á casa contamos coa inestimable axuda de Marga Rubido Bará (a nosa botánica forense preferida, que tamén nos axudou con algunhas das ‘xoiñas’ que atopamos).

Ao chegar visitamos o centro de interpretación en Ribeira Pequena. No prado que chega ao río, a simple vista, todas as flores estaban secas ou inexistentes, entre as pegadas dos cabalos puidemos atopar algunhas especies propias dos herbais de lindeiros de bosque e de dente: centaureas (Centaurea sp.), trebo (Trifolium sp.), mentrasto (Mentha suaveolens Ehrh.), tollemerendas (Merendera montana (Loefl. ex L.) Lange), senecio (Senecio sp.), chantaxe lanceolada (Plantago lanceolata L.) e forquitela (Cerastium sp.).

Neste mesmo espazo, ao lado do autobús, xa nos sorprenderon os froitos da roseira de can (Rosa canina L.). Seguimos camiño cara a aula da natureza en Ribeira Grande e ao día seguinte preparamos a camiñada cara ao nacemento do río. No entorno da aula e camiño do nacemento do río encontramos moitas plantas e poucas flores pero algunha delas sorprendentes. Había moitas gramíneas diferentes como Agrostis sp, Eragrostis sp. Festuca elegans Boiss e Festuca summilusitanica Franco & Rocha Afonso, un endemismo das montañas da metade occidental peninsular. No medio delas, atopamos un exemplar de malmequer das rochas (Phalacrocarpum oppositifolium (Brot.) Willk. subsp. hoffmannsegii (Samp.) Nieto Fel.) que florecera tardiamente, un taxon de distribución, exclusiva da área ourensá zamorana. As urces e queirogas, principalmente a urce moura predominan no parque, neste percorrido tamén atopamos a queiruga de tres follas (Erica cinerea L.) e a queiroga común (Calluna vulgaris (L.) Hull).

Na beira do camiño atopamos moitas rosetas basais dunha especie que chama moito a atención cando ten flores, incluso secas, o cardo de Durieu (Eryngium duriaei J.Gay ex Boiss.). Cruzando unha das corgas que atravesaba o camiño vimos sobre un rebolo unha hedra femia (Hedera hibernica (G.Kirchn.) Carrière) coas súas flores.

Pola tarde iniciamos a ruta da corga.  O azafrán bravo (Crocus serotinus Salisb.) aparecía cada pouco contrastando os seus 6 tétalos (sépalos máis pétalos) de cor lila azulado e os estames laranxas no centro. Nada máis empezar a ruta, debaixo dun dos chanzos que facilitaban o camiño atopamos outra gran sorpresa unha linda cariofilácea (Silene acutifolia Link ex Rohrb.) endémica de Galicia, NE de León e Norte de Portugal que presentaba un aspecto lixeiramente raro ao non estar na súa época de floración. Acompañándonos o tramo ascendente da ruta tiñamos un gran número de fentos como Blechnum spicant (L.) Sm. e Athyrium filixfemina (L.) Roth e arandeiras (Vaccinium myrtillus L.) que estaban moi ramiscadas polas cabras que fuxindo do espazo queimado, onde non había alimento, frecuentaban esta zona. Na parte alta, camiño da poza que colle auga para a aula da Natureza, atopamos algunhas flores tardías protexidas na orientación Sur: a centaurea de flor miúda (Centaurea micrantha Hoffmanns. & Link), a borla azul (Jasione montana L.) cun aspecto pouco lucido pola estación do ano, os froitos serodios das silvas, as amoras (Rubus sp) e no rego do reborde da auga sobrante da poza atopamos o xunco solto (Juncus effusus L.) coas súas flores marróns. Á volta fomos ata o poboado carboeiro e puidemos identificar e fotografar diferentes árbores pero tamén tivemos a sorte de ver algunha planta en flor como a calaminta (Clinopodium vulgare L.), típica nos bosques de frondosas.

Logo do descanso da noite madrugamos para andar Ribeira Grande abaixo buscando a cola do encoro das Portas. Comprobamos que o encoro estaba baleiro e o que outros anos eran terreos asolagados pola auga agora eran franxas de terra erma onde pequenas plantas empezaban a ocupar o terreo húmido, como a corrigiola (Corrigiola sp.) a borrosa (Gnaphalium uliginosum L.) que medra en substratos que se inundan de maneira temporal como os da cola do encoro. Esta é a razón pola que as súas sementes xerminan a finais de verán, cando o nivel das augas baixa. Neste espazo tamén atopamos a herba sanguiña (Illecebrum verticillatum L.). De camiño atopamos especies típicas dos lindeiros de bosque que ao descender en altura aínda tiñan flor. Puidemos ver corniños (Lotus corniculatus L.),  o anarribo glabro ou curalotodo (Anarrhinum bellidifolium (L.) Willd.) que no entorno da aula non tiña flor e na pontella que tivemos que cruzar estaba precioso, un zargazo coa flor seca (Halimium sp.) os arreitós (Linaria triornithophora (L.) Willd.), a madresilva (Lonicera periclymenum L.), a pexegueira manchada (Polygonum persicaria Gray) e a loitosiña pingada (Tuberaria guttata (L.) Fourr.) totalmente seca.

Durante a nosa estancia tamén topamos con algúns amigos e amigas, que semella que están empeñados en non deixar este espazo, por moito que seque ou arda.

Bufo espinosos (sapo común)

Rá ibérica

Podarcis guadarramae subsp. lusitanica

* Textos e fotografías de Luis González, Catedrático de Bioloxía Vexetal da Universidade de Vigo, amigo e colaborador do proxecto desde os inicios do mesmo.