IX Roteiro Didáctico Ambiental polo Parque Natural O Invernadeiro.

Alumnado de 4º de ESO matriculado en Bioloxía e Xeoloxía (2/12 de 4ºA, 5/12 de 4ºB; 8/27 de 4ºC, acompañados por dous docentes e dous colaboradores), tivo a oportunidade de participar no IX Roteiro Didáctico Ambiental polo Parque Natural O Invernadeiro, a primeira actividade do proxecto NaturezAula deste curso. 19 integrantes da comunidade educativa conviviron e aprenderon neste espazo natural entre o martes 5 e o venres 7 de outubro.

O día da saída, pola mañá, visitamos o Centro do Lobo Ibérico Félix Rodríguez de la Fuente, un complexo educativo ubicado nun monte de utilidade pública da localidade de Robledo de Sanabria, no concello de Puebla de Sanabria (máis información en: https://centrodellobo.es).

Conta cun Centro de Interpretación (un equipamento de 1.800 m², integrado na contorna, que responde a criterios de ecoeficiencia e que evoca e reinterpreta elementos patrimoniais asociados ao lobo) obra do arquitecto D. Leocadio Peláez. No seu deseño tivéronse en conta factores bioclimáticos, como o emprego de materiais propios da zona, a disposición semisoterrada do edificio para incrementar o seu aillamento térmico, a existencia dunha cuberta vexetal ou a iluminación natural ao través de lucernarios; asemade, emprega enerxías renovables.

Rubén, un dos educadores do centro, recibiunos e guiou ao grupo polas instalacións. Logo do visionado dun audiovisual sobre o parto dunha das lobas puidemos visitar a dotación expositiva coa que conta o centro. Consiste nun percorrido onde todos os aspectos relativos ao lobo ibérico se tratan desde o punto de vista da súa relación cos humanos, tendo en consideración que é unha das especies silvestres coa que mantivemos unha convivencia máis intensa ao longo da historia, xerando un enorme patrimonio cultural, e a primeira en ser domesticada. Amosa de forma atractiva a súa importante pegada na cultura material e inmaterial da península Ibérica, a cobiza por avanzar no coñecemento científico sobre a especie e o resultado actual deste: unha relación entre lobos e persoas racional e obxectiva, plasmada en plans de conservación e xestión, co obxectivo de garantir unha convivencia armónica entre ambos. Cada un dos seus espazos ten unha estética propia, que fomenta a sorpresa: histórica-antropolóxica, bosque, choza-cociña na escuridade, laboratorio… Unha viaxe de descubrimento da especie ao través do seu territorio, e unha experiencia emocionante, reflexiva e artística, que permite desfrutar con todos os sentidos, empregando materiais locais, interactivos e manipulables, accesibles para todos os visitantes. Unha visión multidisciplinar, polifacética, variada, dado que así é a relación entre lobos e humanos: bioloxía, arqueoloxía, folclore, historia, xestión, ecoloxía, arquitectura, filoloxía, conservación, etc… Unha visión global e local: ofrecendo información global sobre a especie sen perder o atractivo e a singularidade da información local (toponimia, folclore, costumes, tradicións, etc…). Un achegamento ameno e atractivo á conservación e xestión do lobo en Castela e León, unha testemuña en favor da gandería extensiva e das actuacións para minimizar o impacto do lobo sobre as explotaciones gandeiras.

O orixinal da ménsula románica con cabeza de lobo pódese desfrutar na igrexa de San Pedro de Tejada, Burgos. A imaxe da dereita é dunha réplica dunha trompa de guerra celtibérica de Tiermes, Soria; a orixinal atópase no Museo Arqueolóxico Nacional, Madrid.

A continuación, Rubén guiounos pola contorna exterior do edificio, que conta con varios recintos valados, nos que conviven exemplares de lobo ibérico, Canis lupus signatus, en réxime de semiliberdade, que poden ser observados polos visitantes. Os recintos contan con vexetación natural, zonas de refuxio, charcas artificiais e un completo sistema de videovixiancia para garantir as condicións de benestar dos exemplares.

Para facilitar a observación dos lobos construíronse varias sendas peonís, algunhas adaptadas para o tránsito de persoas con mobilidade reducida, así como tres observatorios elevados coa intención de que os exemplares poidan ser observados sen que se vexan alteradas as súas pautas de comportamento natural. Para facilitar o seu avistamento algúns exemplares están socializados co home, polo que se conta cunha serie de espazos e instalacións auxiliares destinadas a tal fin: recintos de aclimatación, andadeiros de manexo, etc. Asemade, o centro conta cunha edificación específica para a unidade de manexo e control veterinario. Esta unidade dispón de distintas zonas de traballo, garante a atención veterinaria e o benestar dos exemplares, e conta cun recinto de corentena e rehabilitación.

No primeiro cercado puidemos ver a Tomás, un dos catro coidadores da unidade de manexo e atención veterinaria do centro. Tomás mantivo unha amena charla co grupo, antes de pasar a ver o segundo cercado. Explicounos que parte dos lobos do centro naceron en catividade ou foron cedidos por distintas entidades. Todos estes están socializados e sometidos a atención veterinaria permanente por parte do personal especializado que se encarga da unidade de manexo e recuperación. Outros exemplares foron rescatados do medio natural, pero non son aptos para a súa vida en liberdade; estes animais, en principio, non están socializados co home e o seu manexo e avistamiento adoita ser máis complexo.

Dado que a unidade social dos lobos é o grupo familiar, moi xerarquizado e territorial, procúrase un coidado especial en propiciar unha convivencia armónica entre os diferentes exemplares, evitando tensións e agresións físicas. Favorécese a existencia de parellas alfa ou dominantes, para evitar problemas ao tratar de adquirir este rango xerárquico, que conviven con tranquilidade con outros individuos de menor categoría social. O persoal da unidade de manexo do centro encárgase de avaliar a compatibilidade entre os exemplares e contribuir positivamente á conformación das diferentes mandas. Asemade, fomentan a realización de exercicios de xeito periódico para manter aos lobos no mellor estado físico posible.

No segundo cercado voltamos a ver a Tomás alimentando e socializando co segundo dos grupos de lobos, formado por unha parella reprodutora e os seus tres descendentes, todos eles nados no centro.

Logo de subir preto de 150 chanzos visitamos o observatorio do Penedo, onde agardaba Tomás, que comentou máis curiosidades sobre os animais e respostou a todas as cuestións que lle fixemos os visitantes.

Esta actividade tiña, entre outros obxectivos, o de motivar e preparar a inminente visita ao Parque Natural de Invernadeiro. Queremos agradecer a Rubén e a Tomás a amabilidade e cercanía no trato co grupo, a súa vocación e a capacidade de comunicación e a labor de divulgación e educación ambiental.

A media tarde e seguindo o horario previsto  chegamos ás casas da Ribeira Pequena, entrada ao Parque Natural O Invernadeiro. Polo camiño fixemos fotografías do encoro de As Portas, para comparalas con outras rescatadas dos arquivos persoais dos educadores, do ano 2011. O nivel do encoro atópase en mínimos históricos, en parte pola seca, en parte pola dubidosa xestión do caudal e da explotación hidroeléctrica levada a cabo por Iberdrola.

Dentro do Parque Natural fixemos unha parada no miradoiro, antes de continuar cara as casas da Ribeira Pequena.

Cando chegamos ás casas da Ribeira Pequena recibiunos Paco, un dos axentes ambientais e garda do Parque Natural, que nos transmitiu brevemente as indicacións e normas do Servizo de Conservación da Natureza (Xunta de Galicia). Logo acompañounos nun percorrido para visitar as instalacións, noutro tempo adicadas a acoller aos traballadores de Papeleira Española, que agora serven de espazos expositivos e centro de recepción e información de visitantes do Parque Natural. Puidemos ver a maqueta do Parque Natural. Tamén a antiga cantina-economato, restaurada para amosar as duras condicións de traballo ás que se enfrontaban os traballadores de Papeleira Española, que non podían permitirse sair do monte entre quenda e quenda para comprar ou facer vida, polo que estamos a falar de auténticos núcleos de poboación aillados por motivos profesionais… e desto non hai máis de 50 anos; tamén a colección fotográfica de Tomás Pérez e os mapas e a colección de astas e cornas recollidos no Parque Natural.

A xornada do primeiro día rematou co traslado no transporte ata as instalacións da Ribeira Grande. Arredor das 19 h chegamos á Aula de Natureza. Ata o equipamento acompañounos Paco, para abrir a instalación e comprobar que todo estaba en orde. Inmediatamente organizamos ao grupo para descargar alimentos, maletas, mochilas e material, e o noso transporte puido voltar a Ourense. Durante os tres días que durou a actividade contamos cun vehículo 4×4 de apoio.

Logo da cea fixemos unha saída nocturna, sen precisar das lanternas, dado que foi dabondo con afacercerse á luz da lúa. Unha oportunidade para escoitar o silencio (e a natureza) e agradecer a inexistencia de contaminación lumínica.

O xoves 6 madrugamos para aproveitar a mañá e levar a cabo o roteiro previsto, que ascende con moi pouca pendente pola beira leste do río Ribeira Grande. Durante o percorrido, dunhas cinco horas ida e volta, contamos co xeólogo Eduardo José González Clavijo; este ano era a primeira vez que se celebraba o Día Internacional da Xeodiversidade, proclamado na 41ª Conferencia Xeral da UNESCO; e que mellor xeito de unirnos a esta efeméride que aprendendo tectónica e xeodinámica sobre o terreo. Tamén nos acompañou Luis González Rodríguez, Catedrático de Bioloxía Vexetal da Universidade de Vigo, que nos acompañou durante os tres días que durou a actividade.

O roteiro adéntrase na zona de Protección Especial do Parque Natural, chegando ata o Rocín, no límite da Reserva Integral. Luis e Eduardo aproveitaron os recursos do itinerario para consolidar contidos traballados na aula (especialmente sobre ecosistemas, sucesións ecolóxicas, tectónica e xeomorfoloxía).

Moi preto da Aula de Natureza tivemos ocasión de observar fauna silvestre e algúns rastros (moitos menos que outros anos).

Ao cabo dunha hora entramos na zona afectada polo lume deste verán. Antes da visita, nas correspondentes aula do colexio, o alumnado estivo a traballar o tema dos lumes, aproveitando o material documental de La Voz de Galicia proporcionado por Alejandro Díaz Sueiro, coordinador do Programa Voz Natura, así como outras fontes de información (distintas novas doutros xornais, redes sociais, televisión…).

Con toda esa información os distintos grupos elaboraron presentacións centradas nos seguintes aspectos relacionados cos lumes forestais:

Os traballos presentáronse nas aulas o luns 10 de outubro; a continuación amosamos unha escolma das mesmas.

Voltando ao noso roteiro, a realidade que atopamos no itinerario da mañá do xoves era de desastre absoluto, coa práctica totalidade da Zona de Protección Especial e parte da Zona de Reserva Integral arrasadas polo lume. Pero a sorpresa para moitos foi que o lume descubrira aspectos do Parque Natural que a vexetación mantiña ocultos desde hai décadas, como singularidades xeolóxicas ou socalcos da época das repoboacións de Papeleira Española.

Tamén sorprendeu a capacidade de recuperación do ecosistema, con brotes verdes que, se as precipitacións non son moi intensas, axudarán a evitar unha perda de solo que podería ser irreversible nalgunhas zonas.

Durante todo o percorrido, Eduardo e Luis aproveitaron os recursos presentes no mesmo para falarnos de tectónica, xeomorfoloxía, perda de diversidade vexetal, arrastre de solos, dinámica dos ecosistemas e unha manchea de curiosidades sobre este entorno que nesta ocasión atopamos tan transformado.

A magnitude do desastre causado polo lume pode apreciarse comparando as seguintes imaxes, as primeiras de abril deste ano, as restantes da nosa visita estes días de outubro.

De volta na Aula de Natureza, ás 15:00 h, dimos boa conta do xantar, grazas á viaxe do administrador do colexio, José Álvarez Veiga, que o trouxo desde Ourense. O alumnado participante, distribuido en grupos e supervisado en todo momento polos educadores, colaborou na limpeza da Aula de Natureza, na preparación das distintas quendas de comedor e na recollida e lavado dos enseres empregados en cada momento.

Pola tarde percorrimos o roteiro 5, coñecido como da Corga da Ortiga, circular dunhas dúas horas. Este roteiro foi acondicionado polos responsables do Parque Natural no 2017 e viuse parcialmente afectado polos lumes de agosto do 2018. Por esta senda de dificultade alta tamén nos acompañou Eduardo.

O roteiro supera un importante desnivel pola beira norte da corga, para chegar ata a canle de suministro de auga da Aula de Natureza. O esforzo paga a pena pola paisaxe que se desfruta voltando pola senda do depósito, con algunha parada para aprender máis de xeoloxía con Eduardo, pasando ao carón da instalación fotovoltaica que alimenta de luz á Aula de Natureza.

As consecuencias do lume tamén eran visibles desde este miradoiro natural, mirando cara o norte da serra, tal e como se aprecia nesta comparativa entre abril e outubro deste ano.

Para rematar as rutas da xornada achegámonos ata o Campamento de Carboeiros do Corgo de Sangubiñedas, na beira dereita do Ribeira Grande.

O Ribeira Grande arrastraba gran cantidade de cinsa, procedente da zona de protección especial, como se pode apreciar nos depósitos aluviais recentes nas beiras do río.

Durante os tres días que durou este roteiro tivemos ocasión de atopar gran variedade de corpos frutíferos de fungos.

No comedor da Aula de Natureza, á beira da cheminea que mantivemos acesa boa parte da nosa estancia, instalamos nunha mesa unha montaxe con elementos naturais (cornas, astas, fungos, liques, follas…) e material de consulta aportado polo centro educativo, do fondo bibliográfico do Departamento de Ciencias, e por Luis.

De volta no albergue, logo da cea, desfrutamos da proxección de Entre pastores e lobos, de Manuel Pedrosa. Nesta ocasión acompañounos Tomás Pérez, axente ambiental e garda de Invernadeiro, co que mantivemos un interesante coloquio ao remate. O alumnado aproveitou a ocasión para plantexarlle as súas preguntas e curiosidades, especialmente as relacionadas co filme, galardoado en varios festivais. Tamén falamos de como Tomás, como garda do parque, viviu os lumes deste verán.

Entre o remate do día anterior e o comezo do venres 7 o alumnado recibiu varias “visitas” na porta do seu dormitorio. Unha delas, a matinal, como se lle viñeran a dar os bos días…

Logo do almorzo levamos a cabo a prolongación da ruta 4, o roteiro da Auga, unhas catro horas ida e volta ata a cola do encoro. O encoro das Portas, en Vilariño de Conso, leva anos a niveis baixísimos, polo que se pode percorrer a pé ata un antigo poboado que estaría anegado se o encoro recuperara o nivel.

A preocupante seca fai que o nivel do encoro se atope en mínimos históricos, como pode apreciarse na seguinte comparativa: á esquerda, o encoro na nosa visita do 24 de outubro de 2016; no centro, as do 24 de outubro de 2017 e do 21 de abril deste ano; á dereita, o día da visita deste venres 7 de outubro.

Aproveitando esta circunstancia, achegámonos ata zonas que hai anos estaban cubertas pola auga; entre a gran variedade de pegadas chamaron a nosa atención as de, posiblemente, unha lontra, Lutra lutra, que algúns dos participantes tiveron a fortuna de ver tirándose ao río desde un penedo da beira esquerda.

24 de outubro de 2016                                             21 de abril de 2022                                               7 de outubro de 2022.

21 de abril de 2022                                                                                      7 de outubro de 2022.

De volta á Aula de Natureza atopamos máis rastros, e collimos o sendeiro que rodea o cercado dos gamos.

Logo do xantar tocaba organizar as nosas pertenzas e deixar limpa e recollida a Aula de Natureza, dado que o transporte nos recollería entre as 16:30 e as 17 h. Despediunos Tomás, e tamén saudamos a Paco no límite do parque, logo de sair polo acceso da Ribeira Pequena.

Entre as aportacións do alumnado destacamos as seguintes:

Pablo Amaro, Juan Gómez, Lucas García, Iago Fortes, Raúl Fortes e Mario González:

O día 5 saímos de Ourense ás 8:00h en bus para dirixirnos ao centro do lobo ibérico, onde vimos como actuaban os lobos e puidemos velos e como lles daban de comer; a visita a este centro foi moi interesante, debido a que é unha experiencia única na vida e moi bonita.

Logo do xantar leváronos a un poboado abandonado convertido nun museo no cal había un garda forestal chamado Paco; explicounos como se facían as cousas alí e como vivía a xente noutra época. Alí vimos cornos e astas de todas as especies animais que estaban no parque, as casas onde vivía antigamente a xente e o “supermercado” que tiñan nesa época. Resultounos moi interesante e fixo que reflexionáramos sobre estas cousas.

Á noite fumos dar un paseo, que foi incríble o silencio absoluto e a tranquilidade do bosque, cremos que escoitamos algún animal movéndose mentres quedamos quietos e calados, foi unha boa experiencia.

Ao día seguinte, sobre ás 8:30h da mañá, fumos a almorzar para coller forzas, xa que íamos levar a cabo unha caminata polo monte. Xa desde o inicio puidemos ver cousas moi chulas, como por exemplo unha gran variedade de fauna, vexetais, a paixase, pegadas de animais, e sobre todo o que nos impactuo foi ver unhas cabras montesas en estado salvaxe, xa que sempre as tiñamos visto en granxas o en espazos pechados. Foi unhas das camiñatas que non esqueceremos.

Pola tarde camiñamos por un sendeiro esbaradizo con moitas especies vexetais, paramos tamén a ver se dábamos visto un cabrón, pero non houbo sorte; continuamos ata un miradoiro desde o que puidemos ver unha poza de auga formada por un pequeno regato e no final do camiño paramos a descansar nunha zona alta do monte no que estaba o noso albergue, lugar que tiña unhas vistas impresionantes. Atopamos pedras moi interesante, e máis tarde, baixamos ata o albergue para continuar a ruta cara un sitio onde a xente empregaba as raíces das uces para facer carbón vexetal. Para nos este día foi o máis interesante, principalmente porque foi o día que máis cousas vimos.

O día 7 erguémonos sabendo que as bonitas vistas, o silencio absoluto, xa non o íamos sentir máis; pero non todo é malo xa que quedaba a última caminata, na que percorrimos moitos sendeiros, entre eles un que daba a un río e outro que rodeaba todo o recinto dos gamos. Logo da camiñata regresamos ao albergue para asearnos e facer a maleta.

Ás 17:00h saímos da Aula da Natureza no autobus que nos levaría a Ourense. Desde o autobús vimos por última vez as incríbles vistas e nos despedimos do lugar, chegando ás 19:30h a Ourense e despedíndonos dos profesores: Luis, Epi, Gustavo e Quique.

Miguel Conforto, Marcos Campos, Celso López e Jorge Ribao:

A actividade pareceunos moi curta pero eso non quitou de poder disfrutar da tranquilidade do parque, aínda que ao noso parecer houbo moi poucos avistamentos de animais.

Paula, Lucía e María:

A nosa experiencia nestes tres dias foi moi positiva. Gustounos moitísimo poder vivir esta experiencia no monte do Invernadoiro. 

Para empezar, o primer día viaxamos ata Sanabria, onde visitamos o Centro do Lobo Ibérico Félix Rodríguez de la Fuente. Alí aprendimos un pouco máis sobre este animal e puidemos ver como alimentaban aos lobos que teñen en cautividade neste centro.

Logo deso, partimos ao albergue no que estaríamos os próximos dous días disfrutando desta bonita excursión.

Pola noite, despois de cear, tivemos un “paseo nocturno” por unha ruta próxima ao albergue durante un rato que disfrutamos todos.

O primeiro que fixemos o segundo día foi unha ruta pola beira do Ribeira Grande que aproximadamente durou 5 horas, con paradas para as explicacións de Eduardo, Luis, Quique e Gustavo. Esta foi unha ruta tranquila onde tivemos a ocasión de ver ao lonxe un grupo de cabras montesas e moitas pisadas e excrementos doutros animais.

Pola tarde comezamos cunha ruta na que subimos ata o subministro de agua, foi unha ruta complexa polas subidas pero as vistas pagaron a pena. Unha vez alí o xeólogo Eduardo nos falou sobre os esquistos. Despois desto visitamos o campamento de carboeiros  e volvimos á aula para asearnos e cear. A noite vimos o documental «Entre pastores e lobos» e veu Tomás Pérez, un axente forestal do parque ao que puidemos facerlle preguntas.

O terceiro día comezámolo índo polo mesmo camiño polo que fomos o primeiro día a dar o «paseo nocturno». Torcimos cara a esquerda e mentres baixabamos a montaña atopabamos numerosos sapos mortos e excrementos de diferentes tipos e en diferentes estados.

Chegamos ata una beira dun encoro, no que había pegadas de varios animais, posiblemente lobos, cabalos… algúns puidemos ver unha lontra sumerxida na auga.

Á volta, fumos por un sendeiro na beira do río a ver si viamos algún gamo, a baixada por ese monte tiña algo de dificultade pero a flora merecía a pena.

Esta actividade conta coa colaboración da Xefatura Territorial de Ourense do Servizo do Patrimonio Natural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. E forma parte das propostas do Seminario de Ciencias Experimentais do centro, dentro do proxecto ambiental NaturezAula, que participa no programa de educación ambiental Voz Natura.