Antes de marchar puidemos visitar a dotación expositiva coa que conta o centro. Consiste nun percorrido onde todos os aspectos relativos ao lobo ibérico se tratan desde o punto de vista da súa relación cos humanos, tendo en consideración que é unha das especies silvestres coa que mantivemos unha convivencia máis intensa ao longo da historia, xerando un enorme patrimonio cultural, e a primeira en ser domesticada. Amosa de forma atractiva a súa importante pegada na cultura material e inmaterial da península Ibérica, a cobiza por avanzar no coñecemento científico sobre a especie e o resultado actual deste: unha relación entre lobos e persoas racional e obxectiva, plasmada en plans de conservación e xestión, co obxectivo de garantir unha convivencia armónica entre ambos. Cada un dos seus espazos ten unha estética propia, que fomenta a sorpresa: histórica-antropolóxica, bosque, choza-cociña na escuridade, laboratorio… Unha viaxe de descubrimento da especie ao través do seu territorio, e unha experiencia emocionante, reflexiva e artística, que permite desfrutar con todos os sentidos, empregando materiais locais, interactivos e manipulables, accesibles para todos os visitantes. Unha visión multidisciplinar, polifacética, variada, dado que así é a relación entre lobos e humanos: bioloxía, arqueoloxía, folclore, historia, xestión, ecoloxía, arquitectura, filoloxía, conservación, etc… Unha visión global e local: ofrecendo información global sobre a especie sen perder o atractivo e a singularidade da información local (toponimia, folclore, costumes, tradicións, etc…). Un achegamento ameno e atractivo á conservación e xestión do lobo en Castela e León, unha testemuña en favor da gandería extensiva e das actuacións para minimizar o impacto do lobo sobre as explotaciones gandeiras.