Visita ao C.E.A. O Rexo.

O 22 de abril, venres, de volta do VIII Roteiro Didáctico Ambiental polo Parque Natural O Invernadeiro, 19 alumnas e alumnos de 4º de ESO matriculados en Bioloxía e Xeoloxía visitaron o C.E.A. (Centro de Educación Ambiental) O Rexo, en Requeixo, Allariz. Este equipamento da Fundación Ramón González Ferreiro está situado na Reserva da Biosfera Área de Allariz, e preséntase como un recurso, medio de apoio e complemento aos programas escolares, asociacións e familias. Conta cunhas instalacións (aula, granxa e queixería) acomodadas para desenvolver un proxecto educativo, que ten como fin e obxectivo xeral pór en coñecemento e valorización iniciativas de desenvolvemento rural que axuden a preservar o medio natural.

Carlos Estévez, coordinador do C.E.A. O Rexo, recibiunos no exterior das instalacións. Para explicar as actividades que levan a cabo pasamos a Aula de Educación Ambiental, onde fixo un breve percorrido pola historia desta iniciativa, así como da Reserva da Biosfera e a súa flora e fauna.

A construcción da aula levouse a cabo seguindo criterios bioclimáticos, instalando enerxías renovables para un mellor aproveitamento dos recursos naturais na busca da coherencia co proxecto educativo. Deste xeito o edificio é unha ferramenta educativa máis coas que se traballan a eficiencia enerxética, bioconstrucción, enerxías alternativas…

No exterior amosounos o cartel de interpretación paisaxística da comarca do Arnoia e paramos á beira da charca do proxecto de preservación integral do fento acuático Marsilea quadrifoila, que no 2016 convertiu a Allariz no primeiro concello de España en formar parte do «Colectivo de Concellos pola Conservación do Patrimonio Xenético».

Visitamos a granxa de ovellas, onde amosou como se recolle o leite das mesmas. E na queixería tivemos ocasión de ver como é o proceso de elaboración do queixo, así como de probalo. Moitos mercamos queixo para compartir na casa.

Con esta visita rematamos unha semana moi intensa lonxe das aulas, poñendo en práctica outro modelo de ensino-aprendizaxe. Grazas a todas e a todos pola vosa participación, ilusión e motivación.