VIII ROTEIRO DIDÁCTICO AMBIENTAL POR PARADA DE SIL.

O martes 5 de abril, 73 alumnas e alumnos de 3º de ESO (26 de A, 24 de B e 23 de C), acompañados por Emma (titora de A e docente de Matemáticas), Iván (titor de B e docente de Tecnoloxía) e Quique (docente de Bioloxía e Xeoloxía e de EPVA), levamos a cabo un roteiro didáctico ambiental polo Concello de Parada de Sil. Os Seminarios de Ciencias Experimentais, Tecnoloxía e E.P.V.A. levan organizando esta actividade desde o ano 2012, e salvo nas edicións do 2016, 2020 e 2021, o alumnado deste curso de ensino secundario obrigatorio tivo sempre a oportunidade de participar nesta xornada que combina á perfección natureza e patrimonio, axudando a descubrir os valores ambientais e culturais desta zona da provincia de Ourense.

A primeira parada, logo de algo menos dunha hora no transporte, foi no MUSEO DO CHOCOLATE de Teimende, onde descubrimos o traballo da familia Casares entre os anos 30 e os anos 80 do pasado século. Mónica, a guía de turismo do Concello de Parada de Sil, explicou en tres quendas o funcionamento dalgunhas máquinas e o tratamento que se lle daba aos distintos ingredientes do chocolate; asemade fixo un breve resumo da historia da empresa, vencellada ao comercio de ultramar.

Durante a visita as fillas de Ricardo Casares (Rosa e Loli) compartiron co alumnado varias anécdotas e experiencias vividas nesta empresa familiar, moitas delas recollidas na exposición permanente do museo.

Á saída do museo tanto o alumnado como o profesorado aproveitaron a ocasión para mercar e degustar o chocolate.

A continuación visitamos o MOSTEIRO DE SANTA CRISTINA DE RIBAS DO SIL, un dos enclaves singulares da Ribeira Sacra. A súa orixe data de ben cedo, nos asentamentos de eremitas que se refuxiaban nas beiras do Sil, para levar unha vida de meditación e oración. As primeiras referencias escritas datan de finais do século X. Foi un dos máis importantes mosteiros da Ribeira Sacra durante a idade media, pero coa reforma monástica do século XV deixou de tratarse como abadía, pasando a ser priorado do Mosteiro de Santo Estevo a comezos do XVI. Coa Desamortización convertiuse nunha propiedade de particulares e adicouse a granxa de labor.

O percorrido continuou cara o CANÓN DO RÍO MAO, cunha parada no MIRADOIRO DO CASTRO, cunhas vistas panorámicas de impresión.

O transporte levounos cara o leste ata a Fábrica da Luz, unha antiga instalación para a producción de enerxía eléctrica situada preto do límite dos concellos de Parada e A Teixeira. Por ese límite discurre o río Mao, labrando un imponente canón fluvial. O concello de Parada deseñou un sendeiro (o PR-G 177) e construiu unha pasarela peonil de madeira pola beira esquerda do canón, bordeando socalcos empregados hai tempo para o cultivo. Desde a pasarela pódese desfrutar dunha contorna espectacular.

O alumnado percorreu a pasarela peonil seguindo con atención a información sobre a flora e a fauna dispoñible por todo o percorrido, presentada en paneis divulgativos hábilmente integrados na contorna.

Ao chegar preto de Barxacova, ao carón da desembocadura do Mao no Sil, voltamos pola mesma pasarela. Os buses trasladáronnos a Parada de Sil, para xantar arredor das 14:30 h.

Logo do xantar desprazámonos ata o acceso ao MIRADOIRO DE TORGÁS (tamén coñecido como Balcóns de Madrid), parando para ver o POZO DO LOBO, unha construcción doutra época que, xunto cos foxos do lobo, se empregaba para dar caza a estes animais antes da aparición das armas de lume.

No miradoiro, no límite provincial, desfrutamos das vistas ao espectacular canón do Sil e á beira lucense, abarcando boa parte do concello de Sober.

De volta percorrimos un tramo do SENDEIRO DE CARRIOZAS. Entre castiñeiros, Castanea sativa, e carballos, Quercus robur e Quercus pyrenaica, esta senda tradicional comunica o miradoiro coa vila de Parada, na que fixemos un descanso antes de voltar a Ourense.

Este roteiro forma parte dun ciclo programado polo centro co obxectivo de que o alumnado de ESO e Bacharelato teña a oportunidade de descubrir os valores ambientais e patrimoniais da contorna. As visitas do curso 2021-2022 están distribuídas do seguinte xeito:

  • 1º ESO Sendeiro Periurbano de Ourense – 1 xornada no mes de maio.
  • 2º ESO Bosque de Ridimoas – 1 mañá no mes de abril.
  • 3º ESO Parada de Sil – 1 xornada no mes de abril.
  • 4º ESO Parque natural de O Invernadeiro – 4 xornadas no mes de abril.
  • 1º BAC As Médulas – 1 xornada no mes de marzo.

 

Desde o Seminario de Ciencias Experimentais, Seminario de Tecnoloxía e Seminario de E.P.V.A. queremos agradecer a boa disposición do Concello de Parada de Sil, que ano tras ano facilita a organización e desenvolvemento deste roteiro didáctico ambiental.

A continuación presentamos algunhas aportacións (anotacións e fotografías) do alumnado participante:

CELSO LÓPEZ.

Esta saida foi moi diferente á anterior xa que neste caso centrouse máis en coñecer a cultura de Ourense; asemade tivemos a ocasión de ver as fermosas paisaxes desta terra. Se tivera que destacar algo sería a fábrica de chocolate, pois sorprendeume a forma na que os nosos antergos elaboraban este produto, e que todas a máquinas que empregaban permanecen operativas.

Fotografías de Celso Campos (de esquerda a dereita e de arriba abaixo):

máquinas do Museo do Chocolate, trituradora de cacao, Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, frescos, canón do Sil.

IAGO FORTES.

A saída foi bastante entretida, sobre todo as vistas desde os Balcóns de Madrid e na pasarela do Mao. O museo de chocolate era moi interesante e aprendimos moito, aínda que era bastante pequeno. O mosteiro estaba moi ben conservado e a súa historia era interesante. O mellor da saída foron os Balcóns de Madrid, onde vimos unhas vistas espectaculares do val do Sil e descubrimos como fai anos construían trampas para lobos.

Fotografías de Iago Fortes: río Mao, río Sil desde o miradoiro do Castro, Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil.

TAMARA MSAHEL.

A excursión encantoume e gustoume ir con todo o resto dos meus compañeiros. Gustoume o camiño onde se atopa a central hidroeléctrica, xa que me chamou a atención. Pareceume moi interesante o museo do chocolate e ademáis estaba moi bo o chocolate. Gustoume moito o miradoiro, xa que ten unhas vistas moi bonitas. Foi moi boa a organización da excursión sendo tantos, encantoume a excursión, agardo que se volte a repetir porque o pasei moi ben.

Fotografías de Tamara Msahel: máquina de chocolate para que non queden grumos, vista do rosetón desde dentro da Igrexa do Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, canón do Sil.

Grazas a todas e a todos por compartir as fotografías e polas vosas testemuñas.