III ROTEIRO DIDÁCTICO POLOS MUSEOS DE
BIODIVERSIDADE e CIENCIA E TECNOLOXÍA.

O martes 22 de marzo, 24 alumnas e alumnos de 3º de ESO (9 de A, 8 de B e 7 de C), acompañados por dous docentes, participamos nun roteiro didáctico que nos levou a Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, seguindo o rastro do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía e dos Museos de Historia Natural da SGHN e da USC.

Museo da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) foi o primeiro destino do día. Este museo ten a súa colección distribuída nunha zona terrestre e outra marítima. A nosa guía, Berta, parou diante de moitas das mostras para explicar detalladamente contidos relacionados coas mesmas, aportando unha manchea de curiosidades científicas.

Berta explicounos con detalle o laborioso proceso levado a cabo para conservar o esqueleto da balea común (Balaenoptera physalus) de 18 m. O corpo desta balea apareceu, sen vida, na praia de Niño do Corvo (Ponteceso) o 19 de marzo de 2004. Durante varias xornadas un equipo humano de máis de 50 persoas, voluntarias/os da Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e da SGHN, e membros de Protección Civil do Concello de Ponteceso, levaron a cabo no propio lugar do varamento as biometrías, necropsia e despezamento.

Dous helicópteros trasladaron os restos ata o Porto de Santa Mariña de Brantuas, desde onde foron levados por estrada (coa axuda dun camión con pluma do Concello de Ponteceso) ata un monte cedido polo Concello de Ferrol, onde foron soterrados durante 26 meses. Pasado este tempo, a terra voltounos libres de boa parte da grasa e dos tecidos, pero aínda houbo que trasladalos ao museo, limpalos e custodialos ata a súa montaxe, recreando o momento en que a balea inicia a inmersión logo de coller aire.

Na zona marítima do museo hai outros esqueletos e maquetas de mamíferos mariños e tartarugas, e destacan as coleccións de cunchas (a conquilioloxía, do grego κογχύλιον, “conchita” e -λογία, “tratado”, é a parte da malacoloxía ou estudio dos moluscos que se encarga do estudio científico das cunchas).

Berta tamén falou de distintos produtos obtidos a partir da caza, tempo atrás, de mamíferos mariños. Asemade destacou a relevancia do lixo e o seu impacto nos ecosistemas mariños.

No pasillo entre ambas zonas, entre outras especies, o alumnado tivo a oportunidade de ver unha lura xigante (Architeuthis dux). Algúns exemplares desta especie foron capturados accidentalmente por arrastreiros no “Caladoiro de Carrandi”, entre o canón submariño de Avilés e o de Lastres; nesa zona do Cantábrico a bacaladilla (Micromesistius poutassou) é unha das presas habituais destes cefalópodos, que a súa vez serven de alimento aos cifios e aos cachalotes (Physeter macrocephalus).

O exemplar exposto no Museo de Historia Natural de Ferrol apareceu morto no ano 2001 nunha praia do Concello de San Cosme de Barreiros (Lugo). Aquí tedes a ligazón á web da SGHN coa información da lura xigante: https://sghn.org/architeuthis-dux-steenstrup-1857/.

Na zona terrestre do museo puidemos ver seccións vexetais de distintas árbores, mostras naturalizadas, niños de vespas… que nos aclararon bastantes dúbidas en relación a determinadas especies que non estamos afeitos a ver todos os días.

A segunda visita foi ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT), en A Coruña.

Esta institución, que colabora con Voz Natura, tenta achegar aspectos da ciencia e da tecnoloxía á sociedade. Na entrada recibiunos Moncho, e foi Dani o encargado de guiarnos polo museo. Para comezar, levamos a cabo un obradoiro co título And the winner is…, no que o alumnado, logo de breves proxeccións audiovisuais, tentaba recoñecer distintos gazapos científico-tecnolóxicos en películas de acción ou ficción.

A visita polas distintas salas do museo sorprendeu ao alumnado, que se interesaba polos distintos temas e participaba activamente facendo preguntas e dando resposta ás que Dani plantexaba.

Pola tarde visitamos o Museo de Historia Natural da USC, situado no Parque de Vista Alegre, en Santiago de Compostela.

O noso guía, Felipe, tiña preparado un obradoiro sobre especies autóctonas, exóticas e invasoras, no soto do edificio.

A continuación faláronnos de Biodiversidade, da orixe dos exemplares presentes no museo, do traslado da colección desde o edificio da Facultade de Química…

… e amosáronnos as principais seccións deste equipamento de investigación e educación ambiental.

O Seminario de Ciencias Experimentais do centro, por medio do proxecto ambiental NaturezAula, organiza esta actividade complementaria da asignatura de Bioloxía e Xeoloxía de 3º de ESO, en colaboración coa SGHN, o MUNCYT e a USC.

 

A continuación presentamos algunhas aportacións (anotacións e fotografías) do alumnado participante:

LUCAS GARCÍA BLANCO.

 

Desfrutei moito desta excursión desde o principio, a pesar de ter que sair de Ourense moi cedo; a viaxe en bus foi moi amena e divertida. Cando paramos no Museo de Historia Natural de Ferrol unha das traballadoras do museo fíxonos unha visita guiada que me gustou bastante, especialmente a parte dos fósiles. Logo achegámonos ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, en A Coruña. Na miña opinión este foi o máis divertido e aprendín sobre a tecnoloxía e a ciencia. Por último temos o Museo de Biodiversidade de Santiago co que desfrutei do coidado dos ecosistemas. Espero que haxa máis excursións deste estilo.

CELSO LÓPEZ.

A saída cultural do día 22 foi moi interesante, non só polos datos que nos contaron os guías, se non que tamén me chamaron moito a atención os especímenes e invencións mostradas nos distintos museos que visitamos, como é o caso do esqueleto desta balea. Considero as visitas como unha experiencia enriquecedora para adquirir outros coñecementos complementarios das materias de Bioloxía e Tecnoloxía.

IAGO FORTES.

Esta excursión gustoume moito en xeral, pero o que máis me gustou foi o Museo da Universidade de Santiago debido a que fixemos unha actividade especial sobre as especies autóctonas, exóticas e invasoras; tamén gustoume pola gran variedade de contidos recollidos no museo. O primeiro museo foi bastante entretido aínda que era pequeno, pero o contido era moi interesante. O segundo museo era tamén interesante pero non o pudimos ver completo debido a un atasco de tráfico na entrada á cidade.

MIGUEL CONFORTO.

Primeiro visitamos o Museo da Historia Natural de Ferrol, un pequeno museo no que expoñían desde animais disecados ata cunchas de mar, e o que máis destacaba era un esqueleto de balea de dezaoito metros. O que máis me chamou a atención é que a maioría das cousas expostas alí tiñan detrás unha historia, e en moitos casos, estaban preparadas por voluntarios, coma no caso da balea, na que os veciños axudaron quitando a graxa.

No segundo museo, chamoume a atención a cantidade de factores que hai que ter en conta para lograr que un avión poida voar, xa sexa coa estrutura de cartón do interior ou o complexo sistema utilizado para que o motor funcione.

O terceiro museo tiña a particularidade de que case todo o exposto alí eran mostras reais, xa sexan animais disecados ou minerais, e tamén destacaba que as diferentes especies atopábanse nun bioma ambientado segundo o seu hábitat natural. A sala que máis me gustou foi na que se atopaban todas aquelas especies disecadas, clasificadas por especie e reino.

FABIO GONZÁLEZ.

Parecéronme interesantes moitas cousas dos museos, por exemplo: o fósil da balea, o motor do avión, monos, etc. Tamén aprendes moitas cousas cosas como o funcionamento dun avión, sobre os grupos e diferentes animais, sobre os organismos invasores, etc. Na miña opinión é unha excursión divertida porque estas con amigos e educativa porque aprendes moitas cousas interesantes que non sabías.

SOFÍA ANTÍA FERNÁNDEZ.

A miña experiencia nesta excursión foi moi boa, penso que aproveitamos ben o tempo e que os traxectos en bus foron moi divertidos. Respecto aos museos penso que o que máis me gustou foi o primeiro, o de Ferrol, onde pareceume moi interesante todo o relacionado cos mamíferos mariños. Logo o museo de A Coruña, que para min foi o máis divertido, xa que, aínda que foi no que estivemos menos tempo, creo que se aproveitou moi ben, comezando por un xogo bastante entretido e a visita polo museo máis entrar no avion parecéronme moi interesantes. Gustoume moito que en A Coruña deixasen o tempo da comida libre para facer o que quixéramos; fumos xantar á praia, cousa que estivo moi ben. Por último, o museo de Santiago, no que pasamos máis tempo, pero non se fixo nada aburrido; neste museo os escenarios de animáis pareceronme incríbles e todo o dos minerais moi curioso. O camiño de volta en bus estuvo moi entretenido, igual que o resto de momentos nos traslados. En resumen gustoume moito e agardo que este tipo de actividades se repita.

TAMARA MSAHEL.

Gocei moitísimo desta excursión, ao principio pensaba que era aburrido, pero a viaxe pareceume moi divertida e amena. Aprendín moito no museo de Historia Natural, xa que foi unha visita guiada moi divertida e interesante. Tamén visitamos o museo de A Coruña, chamado Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, no que aprendín moitas cousas interesantes relacionadas cos avións e moitos inventos. E por último, visitamos o Museo de Historia Natural da USC, que está situado en Santiago de Compostela, no que aprendín moito sobre os animais e pareceume moi interesante. Gustoume moitísimo esta excursión, espero que se volva a repetir porque o pasei moi ben.

MARCOS CAMPOS.

A actividade estivo ben, o único mellorable é a organizacion do tempo de visita e que fumos a un museo xa visitado en Primaria.

JORGE RIBAO CID.

Unha das cousas que me sorprendeu moito foi poder ver o esqueleto dun pez (chamoume a atención a parte da boca) e tamén o dun paxaro; logo amosáronnos as quenllas, que estaban nunhas peceras cheas de líquido conservante, ambos á beira da lura xigante, da que me sorprendeu moito o seu enorme tamaño, e o dos seus tentáculos de 8 m. Despois pasamos pola sala onde tiñan ese enorme esqueleto de balea, explicaronnos datos moi curiosos sobre especies mariñas, a meirande parte relacionadas con tipos de baleas e «familiares» das mesmas.

No MUNCYT amosáronnos que había un montón de erros científicos nunha manchea de pelis; logo fixemos unha visita guiada polo museo, na que me impactou ver os inventos que se empregan a día de hoxe e aos que non se lles dá tanta importancia, como a ola exprés, o primeiro traxe espacial, o primeiro submarino militar… Deixáronme coa boca aberta todos os datos que nos deron sobre os avións, e poder subir a un e ver como era toda a súa estrutura, desde a zona onde van as maletas ata a cabina pasando pola zona onde está todo o cableado e a tecnoloxía que permite o funcionamento do avión; fíxome graza o dato da caixa negra e impactoume que unha gran parte do avión fora de cartón. Para rematar guiáronnos pola zoa onde tiñan os inventos desde comezos do século pasado; soamente comparar o coche que había cos que se empregan actualmente faime ver o gran progreso que tivo a nosa sociedade.

Logo do xantar visitamos o último museo do día, que se baseaba en especies disecadas colocadas nun esceas que imitaban o seu hábitat natural; pero antes diso fixemos unha actividade que consiste en clasificar diversas especies en tres grupos: invasoras, exóticas e naturalis dunha zoa. Despois pasamos por unha parede onde había diferentes exemplares dos 5 reinos de seres vivos disecados e colocados ata o cabo da parede. No piso superior había un montón de minerales (uns máis bonitos que outros) e a continuación unha manchea de cunchas que eran moi bonitas. Na seguinte e última sección había unha morea de animais disecados cun nivel de realismo espectacular.

Grazas a todas e a todos polas vosas testemuñas.