6º DE INFANTIL RECICLA O ACEITE USADO DOMÉSTICO.

O xoves 18 de novembro alumnado de 6º de Infantil, acompañado polas súas educadoras, participou na campaña RECICLA O ACEITE USADO DOMÉSTICO, organizada pola Concellería de Medio Ambiente do  Concello de Ourense.

A actividade comezara unha semana antes nas aulas de Infantil, co traballo do alumnado e as docentes de 6º, que colorearon fichas, elaboraron murais e aprenderon unha manchea de cousas sobre os usos que se lle pode dar ao aceite, e o perigoso que é se acaba onde non debe.

A iniciativa da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ourense ten como obxectivo sensibilizar e concienciar sobre a necesidade de recoller o material de refugallo de xeito selectivo, incidindo especialmente na separación e recollida do aceite usado doméstico, para facilitar a súa posterior reciclaxe. Non está de máis lembrar que 1 litro de aceite usado contamina 1.000 litros de auga, como nos lembran nos cinco últimos minutos do audiovisual “En movimiento” do programa “Reduce tu huella”, emitido por La2 de RTVE o 31 de outubro, fai agora pouco máis dun ano. Podedes visionalo na seguinte ligazón: https://www.rtve.es/alacarta/videos/reduce-tu-huella/reduce-tu-huella-movimiento/5701191/.

Con este propósito, o Concello de Ourense distribuiu pequenas láminas informativas imantadas (para poñer, por exemplo, na porta dos refrixeradores) e funís que facilitan a recollida do aceite usado na casa. Os funís permiten verter esta parte do lixo en envases de plástico de xeito limpo e seguro. Os funís veñen provistos dunha rosca e dunha peza azul adaptada que fan posible a compatibilidade con distintos tipos de bocas de envase, todas elas de plástico (envase tipo no que se debe depositar o aceite usado doméstico nos máis de cen contedores despregados polas rúas da cidade).

Para motivar a campaña, o xoves 18, entre as 10:15 e as 11:15, o alumnado das tres aulas visitou o comedor do centro, onde se distribuiu aceite usado (recollido da propia cociña, que se encarga de elaborar a diario os menús para boa parte do alumnado e moitas familias e docentes) entre o alumnado, solucionando todas as dúbidas que ían xurdindo sobre o emprego dos funís.

Ao remate da actividade o alumnado levou cadanseu funil e a botella que trouxera baleira da casa, desta vez con aceite usado, lista para ir a parar a un dos contedores distribuidos pola cidade. O seguemento da actividade foi moi satisfactorio, como mostran as seguintes imaxes, recollidas nos días seguintes.

O Concelleiro de medio Ambiente, Jorge Pumar, quiso achegarse para animar ao alumnado e ás educadoras, participando activamente na distribución do aceite entre as/os cativas/os.

Esta actividade terá continuidade o xoves 25 coa presentación da campaña ao alumnado de 5º de Primaria, que baixará tamén ao comedor o 2 de decembro. Está previsto que o alumnado de 1º de Ensino Secundario participe na mesma no mes de xaneiro de 2022.

Agardamos que esta actividade de sensibilización e concienciación teña continuidade nos fogares e sexa de axuda na mellora da xestión desta fracción do lixo.