5º EP RECICLA O ACEITE USADO DOMÉSTICO.

O xoves 25 de novembro, entre as 10:20 e as 11:00, docentes de ESO-BAC do Seminario de Ciencias Experimentais presentaron ao alumnado de 5º de Primaria a campaña RECICLA O ACEITE USADO DOMÉSTICO, organizada polo Concello de Ourense. Dúas aulas, as das titoras Natalia e María, seguiron en streaming a presentación que se levou a cabo na aula do titor Alberto. A semana do 20 ao 28 de novembro é a European Week for Waste Reduction.

A iniciativa ten como obxectivo sensibilizar e concienciar sobre a necesidade de recoller o material de refugallo de xeito selectivo, incidindo especialmente na separación e recollida do aceite usado doméstico, para facilitar a súa posterior reciclaxe. Non está de máis lembrar que 1 litro de aceite usado contamina 1.000 litros de auga, como nos lembran nos cinco últimos minutos do audiovisual “En movimiento” do programa “Reduce tu huella”, emitido por La2 de RTVE o 31 de outubro do ano pasado (podedes visionalo na seguinte ligazón: https://www.rtve.es/alacarta/videos/reduce-tu-huella/reduce-tu-huella-movimiento/5701191/).

Con este propósito, o Concello de Ourense distribuiu pequenas láminas informativas imantadas (para poñer, por exemplo, na porta dos refrixeradores) e funís que permiten verter esta parte do lixo en envases de plástico de xeito limpo e seguro. Os funís veñen provistos dunha rosca e dunha peza azul adaptada que fan posible a compatibilidade con distintos tipos de bocas de envase, todas elas de plástico (envase tipo no que se debe depositar o aceite usado doméstico nos máis de cen contenedores despregados polas rúas da cidade), o que facilita a recollida do aceite usado na casa.

Ao remate da actividade o alumnado levou cadanseu funil e imán, e os docentes quedaron con imáns para repartir entre todo o alumnado e profesorado de Primaria.

Para continuar a campaña, o xoves 2 de decembro entre as 10:15 e as 11:15, o alumnado das tres aulas visitará a cociña do centro, onde se distribuirá aceite usado (recollido na propia cociña, que se encarga de elaborar a diario os menús para boa parte do alumnado e moitas familias e docentes) entre o alumnado. Cada alumna/o traerá unha botella baleira da casa, e unha vez chea de aceite usado estará lista para ir a parar a un dos contenedores distribuidos pola cidade.