ROTEIRO DIDÁCTICO AMBIENTAL POLO LESTE DO CONCELLO DE OURENSE.

O 18 de outubro, alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO participou nun itinerario desde Velle ata o Parque Botánico de Montealegre. Esta actividade complementaria, organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais e polo Seminario de Educación Física, dentro do Programa de Educación Ambiental Voz Natura, tiña como obxectivo destacado achegarnos á parte leste do concello, nunha aproximación a bosques caducifolios, mediterráneos e de ribeira, atravesando zonas afectadas por lumes forestais, moi preto da chamada costa romana, totalmente empedrada, que en realidade é medieval (a primeira documentación que deixa constancia da súa existencia é do ano 1.153). Este camiño empedrado debeu ter un precedente máis antigo, que podería ser a vía romana que enlazaba o asentamento militar que deu lugar á actual cidade de Ourense coas vías que comunicaban coas actuais Braga e Astorga (según as citas de fontes documentais medievais).

Outro dos obxectivos da actividade pasaba por facilitarlle ao alumnado participante o recoñecemento e selección de distintas zonas do itinerario para que, por grupos de traballo, puideran desenvolver un estudio do ecosistema en distintos momentos do curso (primeira avaliación: outono/inverno; terceira avaliación: primavera/verán).

A xuntanza dos 38 participantes e catro educadores levouse a cabo na rúa de Sabadelle, cruzamento Regoufe, entre as 08:45 e as 09 h.

Desde o punto de encontro, pasando pola Serra Mosteironda, chegamos a Santomé, desde onde continuamos por Castadón ata Ceboliño, para rematar en Montealegre, estando de volta no colexio ás 17h. Pódese consultar a unidade didáctica entregada ao alumnado na sección Materiais didácticos deste blog.

Durante o percorrido pola Serra Mosteironda, empregando a unidade didáctica e outros recursos, como o ipad, comentamos aspectos relacionados co feismo, a flora e a fauna, así como os muros de pedra presentes no trazado. Os coordinadores da actividade queremos agradecer a Paco Sotelo, membro da Asociación Veciñal Santa Marta de Velle, que nos acompañara polo percorrido da Andaina Mosteironda o 22 de abril de 2017.

Acacia dealbata é unha planta leguminosa, exótica invasora (orixinaria de Australia, atopa en Galicia un clima semellante), introducida en Europa durante o século XIX polo seu interese como especie ornamental, debido sobre todo á súa beleza e ao aroma das súas flores. Extendeuse por Galicia seguindo os ríos, logo de comezar a empregala para a obtención de postes-guía para as vides e para fixar as trincheiras da vía do ferrocarril. Na actualidade, a comercialización das mimosas está prohibida por lei.

Os participantes tivemos a oportunidade de ver as consecuencias do lume sobre a paisaxe. Esta zona, próxima a Mende, foi pasto das lapas a mediados de xullo de 2020, quedando calcinadas máis de 50 ha. de bosque mediterráneo maduro. O camiño principal da Serra Mosteironda, entre Regoufe e Tibiás, pasa polo epicentro dese lume, polo que fomos testemuñas, pasados dous anos, dos efectos do lume sobre a contorna, e da recuperación progresiva do ecosistema.

Empregando a unidade didáctica deseñada para a actividade o alumnado descubriu as distintas adaptacións das especies pirófitas, características deste tipo de bosque.

Precisamente sobre este tema, o Ateneo de Ourense organizou a conferencia “Incendios forestais, camiño da prevención ou dos lumes de sexta xeración. A loucura de seguir facendo o mesmo e agardar resultados diferentes”, a cargo do axente forestal Xosé Santos Otero (bo amigo e colaborador do proxecto NaturezAula desde hai anos), que se levou a cabo no Centro Cultural Marcos Valcárcel o 13 de outubro.

O programa Voz Natura, como recolleu o xornal o día 18 de outubro, leva 25 anos loitando contra o lume e reforestando.

Antes de chegar a Tibiás collimos unha senda de pronunciada pendente que nos levou ata Santomé. Durante o descenso puidemos coller follas de plantas aromáticas e percibir a intensidade do seu cheiro.

Seguimos o noso percorrido non sen antes facer fotos do grupo en enclaves sinalados na contorna do castro. Tamén atopamos troncos secos con rastros de actividade do peto ou picapau, Dendrocopos major. Como curiosidade, un dos educadores que nos acompañara en marzo rescatara un poliño caído dun niño días antes daquela actividade, e puido amosarnos a foto no seu dispositivo móbil.

No itinerario levado a cabo en marzo, a senda que leva a Castadón presentaba moitos atrancos, cunha manchea de pólas, troncos caídos e obstáculos de distinta dificultade para os usuarios da mesma. Nesta ocasión, o camiño estaba desbrozado e máis limpo. Porén, como pode apreciarse nas imaxes, os elementos de seguridade no tramo máis próximo á represa de Castadón ficaban nun estado moi mellorable.

Antes de iniciar a subida a Ceboliño paramos un intre á beira da central hidroeléctrica de Castadón (no río Loña, en Pereiro de Aguiar), que estivo en funcionamento (en réxime de concesión a Enel Green Power España, S.L.) ata 2018.

En Ceboliño fixemos un descanso para repoñer forzas. Queremos agradecer á Asociación Veciñal, e en particular ao veciño Arturo, que nos recibira e abrira o local social, onde tivemos oportunidade de falar un ratiño cos veciños e tomar un refrixerio.

Continuamos cara o Parque Botánico de Montealegre, espazo natural de importancia para a cidade e os seus habitantes, por todo o que aporta á biodiversidade e ao lecer e defrute do tempo libre.

Ao longo de toda a xornada atopamos multitude de fungos, destacando a gran cantidade de peidos de lobo, Lycoperdon perlatum, en distintos momentos de maduración. Amosamos algunhas imaxes como mostra.

Logo do xantar comezamos o percorrido de descenso pola rúa Carrabouxo, a rúa Fonte dos Caños, a rúa da Canle e e rúa Emilia Pardo Bazán.

Unha xornada moi ben valorada polos participantes, que terán ocasión de seguir traballando moitos contidos relacionados nas presentacións sobre ecosistemas que se levarán a cabo nas respectivas aulas do centro.

O 23 de outubro a edición de Ourense de La Voz de Galicia publicou a seguinte nova:

Podedes consultala na seguinte ligazón: