Logo de reunir aos participantes (arredor de 20 persoas, a meirande parte da contorna) e darnos a benvida, o xeólogo Eduardo José González Clavijo, condutor da actividade, comezou a explicar como unha zona relativamente chaira, de materiais sedimentarios tipo grava, area, limo e arxila, non se atopa máis explotada pola agricultura e a gandería, e no seu lugar aparecen grandes superficies de piñeirais. A explicación é que en grandes zonas da cunca aparecen abundantes acumulacións de cantos, de diámetro superior a 10 centímetros, nos que ven sendo imposible cultivar ou xerar praderías. Estas acumulacións de cantos non son naturais, son o resultado da acumulación de rochas en procesos mineiros de época romana. O ouro e o estaño presente en diques e veas de cuarzo que aparecen nas rochas que rodean a cunca, ao ser liberados pola erosión, foron e son arrastrados polos regos e ríos ata a cunca, onde se depositan ao diminuir a velocidade da corrente.