ROTEIRO DIDÁCTICO AMBIENTAL POLO XEOPARQUE MONTAÑAS DO COUREL.

O 21 de maio, alumnado de Cultura Científica de 1º de Bacharelato participou nun itinerario polas Montañas do Courel. Esta actividade complementaria, organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais, dentro do Programa de Educación Ambiental Voz Natura, tiña como obxectivo darlle continuidade ás actividades levadas a cabo o 11 de novembro e o 22 de marzo; por outra banda, o deseño da mesma fixo posible que nos achegáramos ao Xeoparque Montañas do Courel para descubrir a xeobiodiversidade do sur-leste da provincia de Lugo.

Para o desprazamento contamos coa colaboración da Concellería de Educacion do Concello de Ourense, que se fixo cargo do coste do bus contratado á empresa Anpián, conducido maxistralmente por Miguel Taboada. Nada máis subir ao transporte, o doutor Luis González Rodríguez, profesor de Bioloxía Vexetal da Universidade de Vigo, comezou a comentarlle ao alumnado o que íamos descubrir durante a xornada.

En Quiroga visitamos o Museo Xeolóxico Municipal. Ramón Vila Anca acompañounos nunha visita guiada polas salas do museo, recentemente remodelado e ampliado. O percorrido levouse a cabo en grupos reducidos, de sete alumnas/os e dous acompañantes. Queremos agradecer o esforzo a Ramón, que fixo posible que a visita chamara moi positivamente a atención do alumnado.

De volta ao transporte entramos na Serra do Courel polo val do río Quiroga, para logo pasar ao do río Soldón. No alto da Golada fixemos unha parada de interpretación da paisaxe, destacando os contidos relacionados co glaciarismo, que previamente nos comentara Ramón Vila no Museo Xeolóxico de Quiroga.

Luis González guiou ao grupo pola aldea de A Seara, parándonos en varias ocasións para desfrutar das flores de varias especies, e contando algunhas anécdotas desta poboación e das súas tradicións.

No Alto do Couto recibiunos un tempo moi desfavorable, que impediu que fixeramos a andaina prevista ata as Fontes do Cervo (percorrido resaltado en verde). Porén, os coordinadores decidiron continuar en bus ata a localidade de Moreda para ver se o tempo melloraba e podíamos facer un percorrido reducido pola parte norte da Devesa da Rogueira.

Unha vez chegamos a Moreda o transporte quedou á beira da Aula da Natureza, pechada desde o 15 de abril ao rematar nesa data o contrato de atención ao público adxudicado a Topysa. Logo de xantar, e desde a Aula da Natureza, dirixímonos cara o sur, adentrándonos na Devesa da Rogueira (percorrido resaltado en verde).

Durante o percorrido desfrutamos das paisaxes, das flores (das que a continuación amosamos unha selección de fotografías levadas a cabo polo doutor Luis González, que tamén facilitou os datos das plantas; por esta aportación e sobre todo, por ofrecerse a acompañarnos, estámoslle moi agradecidos) e identificamos algúns rastros de actividade faunística.

De esquerda a dereita: o doutor Luis González fotografando un especímen; Geranium sanguineum L. xeranium sanguíneo, agulleira sanguínea, bico de grou sanguíneo; Melittis melissophyllum L. falsa cidreira, cidreira bastarda, melisa bastarda, meliteira; Lunaria annua L. herba do nacre, herba do papa (EXÓTICA); Silene scabriflora Brot. silene hirsuta, catalinas.

De esquerda a dereita: Erodium glandulosum (Cav.) Willd. Agulleira; Orchis italica Poiret satirión italiano, flor dos rapaciños, flor dos raparigos; Orchis mascula (L.) L. satirión macho; Stellaria holostea L. muruxa holóstea, herba paxareira; Sedum hirsutum All. piñeiriña hirsuta, boubín hirsuto; Saxifraga spathularis Brot. saxífraga espatulada.

De esquerda a dereita: Anthyllis vulneraria L. subsp. alpestris (Kit. ex Shult.) Asch. & Graebn. vulneraria, pata de cabra, pouta de oso; Helianthemum nummularium (L.) Mill. heliántemo común; Omphalodes nitida Hoffmanss. & Link embigueira brillante, herba do sollo; Rosa sp. L. roseira; Valeriana pyrenaica L. valeriana pirenaica.

Por todo o percorrido atopamos carteis informativos sobre aspectos destacados desta formación boscosa de incalculable valor.

Na Estación Científica do Courel, dependente da USC, recibiunos o doutor Xosé Lois Otero Pérez, que nos amosou as instalacións desta infraestrutura, que ten como principais obxectivos a divulgación e defensa do patrimonio cultural e natural das Montañas do Courel, impulsar a actividade investigadora, a conservación da xeobiodiversidade, fomentar a actividade económica da comarca e tentar frear o declive poboacional.

A continuación o profesor da USC deu unha charla sobre as Estacións Científicas, sobre o seu traballo de investigación e sobre o oso e a súa singularidade nestas montañas, na que foi a cuarta Xornada ConCiencia deste curso, desta vez lonxe do Salón de Actos do centro. Os organizadores desta actividade querémoslle amosar a nosa gratitude, especialmente por ter que desprazarse desde Santiago de Compostela.

Para rematar, e de camiño de volta a Ourense, paramos no miradoiro do pregamento de Campodola-Leixazós, un dos referentes xeolóxicos do Xeoparque Montañas do Courel.